O plan Monte Vivo, dotado de 1,5 millóns de euros, tenta recuperar a biodiversidade do concello tras o desastre dos lumes do verán de 2006. Se o proxecto naceu co propósito de conter o lume e reforestar o monte, agora proponse mudar por completo unha paisaxe dominada ata agora polo monocultivo de eucalipto.

- Cantas árbores se plantarán nos montes de Pontevedra con plan Monte Vivo?

- Actuarase nesta primeira fase en mil hectáreas, cunha plantación de 400.000 novas árbores. Eso é o que está aprobado polo de agora.

- Que especies veremos na paisaxe do concello cando se execute o plan?

- Como se trata dun plan de reforestación pero ao mesmo tempo de prevención de incendios, o que meteremos é principalmente especies frondosas, pero tamén haberá zonas con piñeiro de Oregón ou abeto de Douglas e outras especies.

- Que montes se han beneficiar da reforestación?

- Todas as parroquias agás Salcedo e Alba. Son en total 14 proxectos, algúns de montes privados.

- Por que non se actuará en Salcedo e en Alba?

- Tería que preguntarlle ás comunidades de montes destas parroquias. Non respostaron á proposta.

- O plan xa aprobado terá continuidade?

- Confío en que si. A idea miña, unha vez aprobados os novos orzamentos do concello, é abrir de novo a liña de subvencións do plan Monte Vivo e combinando tanto as comunidades de montes como os propietarios privados, para chegar a mellorar a práctica totalidade da superficie forestal do concello.

- Cal é o obxectivo final?

- Un obxectivo fundamental é recuperar o monte, previr catástrofes como a de 2006 e tamén digamos que mudar a paisaxe forestal deste concello para que volva a ser de novo unha paisaxe galega. Porque co monte que tiñamos ata agora, ías por Pontevedra e podería parecer que estabas en Australia ou en calquera outro lugar. Digamos que ese é un obxectivo, pero sen esquecer o de diversificar a produción madeireira, para que a reforestación tamén lles saia rendable ás comunidades de montes e ós propietarios privados.

- En canto tempo veremos unha mellora efectiva do monte?

- Non é só que se vaia mellorar, porque hai que ter en conta que quedamos sen monte. Quero dicir que todo o que se faga para recuperar o monte agora mesmo é fundamental e urxente. Hai que repoblalo por completo. Menos Lourizán e algunha zona de Salcedo, o resto ardeu todo. E o que se trata agora é de facelo dun xeito racional, con criterios técnicos e tendo en conta a opinión dos expertos. Algunhas comunidades de montes xa están traballando, preparando o monte. Nesta época non se pode plantar, hai que esperar a outono para facelo. Esta primeira fase ten que estar executada o 31 de decembro. Logo a idea é abrir unha nova liña de subvencións.