O académico Francisco Fernández Rei, encargado de dar resposta ao discurso de Chus Pato, fixo un percorrido pola biografía persoal e literaria da autora ourensá lembrando a definición que dela fixera hai anos o escritor e expresidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín: a "Rosalía do século XXI".

Destacou tamén a súa pertenza ás Redes Escarlatas, o espazo no que máis actividade sociopolítica desenvolveu nos primeiros anos deste milenio, e como escribir na lingua que lle falaba a súa avoa foi para ela "excercer a palabra liberdade, que significa poder elixir, estar en situación de facelo".

Lembrou que os libros de Chus Pato traducíronse total ou parcialmente sobre todo ao castelán e ao inglés, mais tamén ao búlgaro, portugués, neerlandés, catalán, éuscaro, polaco, alemán, francés, italiano, ruso ou árabe clásico. E desde o 29 de setembro de 2015, os versos de Secesión (2009), lidos na súa propia voz, son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard.

Freixanes considerou o ingreso de Chus Pato o "gran pulo" das letras contemporáneas en Galicia e apostou pola incorporación da muller como parte activa e creativa en todos os ámbitos da sociedade.

Antes de ocupar a cadeira que deixou vacante, Chus Pato lembrou con afecto ao ourensán Xosé Fernández Ferreiro: "A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai", dixo a escritora, que recordou xunto a el os demais académicos que o precederan neste posto, Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao. Tamén recordou a Xesús Ferro Couselo, do que foi alumna no IES Oterno Pedrayo. Nunha mañá dos seus tempos de estudante, o académico encubriuna ante a policía franquista insistindo en que estaba na súa aula, cando na realidade colaborara na distribución de panfletos da UPG no adro do edificio. "Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía", agradeceu.

"A entrada na RAG dividirá o meu corpo en dous para sempre, o da académica e o da persoa que son", confesou. Rematou dando lectura a un poema de Francisco Cortegoso (1985-2016), un dos membros da nova xeración de poetas da que se sente máis parte que da súa xeración biolóxica.