A poeta ourensá Chus Pato ingresou hoxe na Real Academia Galega, RAG, como membro numerario. Ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro e representa a sexta voz feminina na institución, amais de ser a primeira muller nada en Ourense no pleno da Academia.

Pato voltou ao instituto no que cursou os seus estudos para facer historia convertíndose na primera académica ourensá pero tamén para reclamar que se eduque desde a infancia na arte poética.

Antes de ler o seu discurso, titulado "Baixo o límite", a poeta lembrou a Xohana Torres, falecida o pasado día 12, que deixa un baleiro na Real Academia Galega. Ao término da celebración, a nova numeraria reivindicou que esta vacante sexa ocupada por outra muller.

O discurso de Chus Pato for respondido polo tamén académico Francisco Fernández Rei, que a definiu como "unha das figuras máis innovadoras e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea".

Tras recibir do presidente da RAG, Víctor Freixanes, o diploma e a medalla, Chus Pato ocupou, entre unha grande ovación, a súa cadeira.