A obra de teatro "O tolleito de Inishmaan" xira ao redor dun mozo eivado que persegue un obxectivo: ser considerado coma os demais. Non se conforma con vivir no seu ámbito pechado e búscase a vida para lidar as mofas e a compaixón dunha comunidade chea de humanos impedidos, pero que non son conscientes diso. O ambiente, unha illa irlandesa dos anos 30 que ben podería ser unha aldea galega.

O espectáculo conta con oito caras recoñecidas no mundo da arte galega: Evaristo Calvo, Ana Santos, Pepo Suevos, Melania Cruz, Luís Iglesia, Santi Romay, Susana Dans e o propio Marcos Pereiro.

"O tolleito de Inishmaan" é a versión galega da peza orixinal de Martin McDonagh, que se estreou fai vinte anos en Londres, adaptada e dirixida por Cándido Pazó.

A obra de Contraproducións levou cinco galardóns nos últimos Premios María Casares, sendo, dese xeito, a mellor peza de artes escénicas do ano 2016. Pazó, Santi Romay e Alberto Rodríguez leváronse a figura á mellor adaptación; Evaristo Calvo e Romay, mellor actor secundario e mellor actor protagonista respectivamente; e María Roja, que tivo que deixar a obra por asuntos profesionais, mellor actriz secundaria.

Este espectáculo porá o broche final ás xornadas de teatro do municipio ourensán de Vilamarín, que este ano suma un día máis de arte ao seu programa: cinco en total, dende mañá ata o 14 de xullo a partir das 22.30 horas. A entrada é gratuíta.

O resto de obras sobre o escenario do auditorio da vila serán as seguintes: "Melocotón en almíbar", do grupo de teatro anfitrión; "A última cornixa do mundo", da aula de teatro universitario Maricastaña de Sarabela; "Os vellos non deben de namorarse", do Teatro do Morcego; e "O caso é ter saúde", de Malasombra producións.