Veciños, autoridades e intelectuais citáronse onte baixo un sol inclemente no patio do Pazo de Moldes (Boborás), perante á casa natal de Antón Losada Diéguez, no acto de entrega da XXXII edición dos premios literarios que levan o nome do intelectual ourensán. O certame reivindicou a necesidade de apoiar e promocionar o libro feito en galego. A escritora Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978), galardoada na categoría de creación literaria pola súa novela "Aqueles días en que eramos malas" (Galaxia) pediu ás institucións máis de si. "Dende o punto de vista da creatividade estamos nun momento estupendo, dourado, vizosísimo pero creo que non se corresponde coa precariedade absoluta do apoio ao mundo do libro. Sería necesario moito máis investimento en traducións e promoción exterior da literatura galega. Nós poñemos a nosa semente pero ás veces vemos moitas dificultades para poder regala", dixo a FARO ao remate. "Fan falta máis cartos dos que se invisten pero moitas veces o que escasea son vontades de manter un sector profesional e industrial. Hai cousas que non pode facer por si só, e para iso están as institucións", engadiu.

Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956), colaborador de FARO, recibiu o Losada Diéguez deste ano no ámbito de ensaio e investigación polo seu terceiro volume da "Historia da Literatura Galega", editado por Xerais e centrado na época de 1916 e 1936, a que coincide coas Irmandades da Fala, un colectivo chave na historia do nacionalismo galego do que Antón Losada Diéguez foi integrante. "Na área na que traballo somos corredores de fondo e sentimos moitas veces a soidade. Cando premian esa traxectoria é como se che deran un balón de osíxeno ou unha bebida isotónica", expresou Pena a este xornal tralo acto.

O colaborador de FARO pasa a ser o segundo autor, despois do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, que obtén este galardón nas dúas modalidades. En 1988, Pena recibiuno na categoría de creación literaria pola novela "Para despois do adeus". Só hai un autor que fora quen de levar o Losada Diéguez máis veces, Xosé Luis Méndez Ferrín, con tres galardóns. "Eu son fillo dun obreiro industrial, que me ensinou que o fundamental nesta vida é faceres ben o teu oficio. Para conseguilo, aparte do talento que poidas ter, evidentemente hai que manter unha disciplina e constancia. O dito de 'se vén a inspiración que me colla traballando', é neste caso aínda máis verdade", engade Pena sobre o seu labor de investigación para "Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936". Xosé Ramón Pena lembrou no seu discurso a Ricardo Carvalho Calero, de quen se declarou discípulo e continuador da súa obra "Historia da Literatura Galega". O betanceiro pide para Calero o Día das Letras Galegas.

Inma López Silva describe a súa última novela, "Aqueles días en que eramos malas", como unha obra "moi importante" na traxectoria dunha autora que, só con 18 anos, recibía o seu primeiro galardón. "Esta novela cumpriu en min iso que moitas veces lle pides á literatura que les, que é que che cambie a perspectiva. Escribir sobre o cárcere, o concepto do ben e do mal, ou a falta de liberdade fíxome ver as cousas de xeito distinto". Silva ponse na pel de 5 mulleres, incluida unha escritora e unha monxa.

A autora salienta a dimensión dun certame que pervive "pese ás dificultades dos poderes municipais" e dixo que hoxe cumprirían figuras como Losada Diéguez. Os concellos de Boborás e do Carballiño promocionan un premio no que colaboran a Xunta e a Deputación. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que a decisión do xurado "contribúe a engrandecer e a consolidar o prestixio deste premio, que ten na súa nómina toda unha relación de nomes e voces fundamentais para a construción da literatura galega dos nosos días".

O desagravio a Carlos Casares

O xornalista Xosé Manoel Rodríguez, mantedor do premio nesta edición, fixo un repaso pola historia do galardón na súa presentación e aproveitou para unha mención de desagravio a Carlos Casares, quen en 1989 sufriu unha protesta en Moldes por un artigo de prensa que levantara unha forte polémica entre a intelectualidade nacionalista. Antes do acto houbo unha misa na capela románica de Moldes, que foi cantada pola Coral Polifónica do Casino do Carballiño. As voces da formación uníronse aos gaiteiros da escola carballinesa para pechar co himno galego.

Xosé Ramón pena | Premio categoría ensaio

"Somos corredores de fondo e moitas veces sentimos a soidade. Cando premian a túa traxectoria é como un balón de osíxeno"

Inma López Silva | Premio categoría creación

"Dende o punto de vista da creatividade, estamos nun momento dourado e vizoso que non se corresponde coa precariedade absoluta de apoio ao mundo do libro"