Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Casares e Marcos, polas rúas de Ourense

Xavier Casares foi o encargado de ofrecer o pregón da Feira do Libro, mediante a recuperación de "O Divino Roteiro" que escribira e lera Valcárcel na edición de 2007

Xavier Casares, durante a lectura de "O Divino Roteiro" na Feira do Libro de Ourense. // Iñaki Osorio

Marcos Valcárcel e Carlos Casares, segundo rememorou o pregoeiro coa lectura do texto escrito polo historiador ourensano, tamén se atoparon durante a ruta imaxinaria que fixeron por Ourense con Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez e Gómez del Valle. No Museo Arqueolóxico Provincial estaba Xesús Ferro Couselo.

Marcos Valcárcel comeza o relato, indicando que chamaran á porta (da súa casa da Valenzá). Levantouse medio adurmiñado, porque pasara unha mala noite, preocupado polo pregón da Feira do Libro que tiña que escribir. Ao abrir, atópase "cunha faciana coñecida: un home baixiño, de ollos moi firmes e nariz prominente, que bocexa un lixeiro sorriso. Era nada menos que Carlos Casares, que retornara a este mundo, cinco anos despois da súa morte. Por iso o historiador ourensano -falecido anos máis tarde-, o atopou "un chisquiño máis delgado".

Primeiro foron ao Liceo -entidade que na actualidade preside o pregoeiro-, onde Carlos Casares, seguindo os exemplos de Virxilio e Añón, se ofreceu a facer de guieiro de Marcos Valcárcel "polos escenarios dos nosos egrexios nas letras".

Nun recuncho do Liceo, estaba Curros Enríquez, "coas súas coidadas barbas e lentes de escritor romántico". Casares comentoulle a Valcárcel: "Xa fixo as paces co Bispo Cesáreo, que ten praza aquí á beira, pero non perdeu o seu carácter enérxico e teimudo: agora non fai máis que compoñer versos contra Bush e a guerra de Iraq. Debeulle quedar unha certa teima contra os ianquis dos seus anos da guerra de Cuba". E lembrou os seus versos do poema "En corso": "Un cargamento de yankees,/ valvos...¡unha inmortalidá!".

Sorprendentemente, estaba sentado con el "o vello poeta cego. Son bos amigos agora Curros e Lamas Carvajal, esquecidas as liortas do pasado, e o Valentín está a gozar da 'vida', perdón pola palabra tan impropia, pero aquí non hai cegos e o Valentín aproveita para gozar daquilo que no seu tempo lle negou a natureza. Ponse moi contento cando vos acordades del e veu hai uns días ver a placa que lle puxestes na casa que foi redacción de O Tío Marcos d´a Portela", ao estar considerado "o pai do xornalismo en galego".

O grupo foise agrandando, coa presenza de Arturo Vázquez Núñez, Alberto García Fereiro, Castor Elices, José García Mosquera, Juan A.Saco y Arce, Benito Fernández Alonso e moitos outros.

No segundo piso encontraron "unha nova tertulia, na que compartían inquedanzas Heraclio Pérez Placer, Marcelo Macías e Francisco Álvarez de Nóvoa. Falaban das cousas do seu tempo, das que daba conta La Ilustración Gallega y Asturiana, co mesmo entusiasmo que cando vivos ou máis: debatían sobre a infalibilidade do Papa ou sobre as virtudes do anunciado ferrocarril, cando chegase por fin a estas perdidas terras galegas".

Antes de marchar do Liceo, descubriron a figura de Xoán da Cova, "arrimado á barra da cafetería", "cunha vestimenta un pouco estrafalaria". Carlos Casares confesoulle a Marcos Valcárcel que se fixera moi amigo del no outro mundo, porque era a persoa que sabía "máis cousas dos seus inventos, embustes e disparates". Reveloulle que incluso perfeccionara o seu trampitán, polo que quería reclamar o seu ensino como "segunda lingua oficial naqueles lares".

Alfonso Vázquez Monxardín está xestionando a publicación deste texto de Marcos Valcárcel, de forma conxunta cun ensaio fermoso que escribiu Carlos Casares sobre Ourense.

Xavier Casares móstrase "moi satisfeito" polos actos que se celebran este ano en torno á figura de Carlos Casares.

Compartir el artículo

stats