O presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do escritor, Xavier Casares, asistiu onte ao pleno do desagravio, un acto "moi emotivo", dixo, porque repara unha ofensa que privou ao docente "no seu primeiro ano de exercicio de ensinar na súa terra". Para o escritor, "supuxo un trauma moi importante; estivo moi disgustado porque aquilo foi unha persecución con saña orquestada polo alcalde Neftalí Prieto e o gobernador civil do momento", lembra o seu irmán. A expulsión da docencia en 1970 obrigouno a trasladarse a Bilbao, onde traballou unha temporada, ata que regresou a Galicia e recuperou a súa vida como docente. "Máis adiante volveu a Viana para impartir algunha conferencia e visitar amigos, pero non volveu dar clases alí. As autoridades locais esixían que pedira perdón pero el negousesempre porque non fixera nada malo", apunta Xavier Casares.