As coplas dos maios son crónicas de sociedade e, algunhas, case cancións protesta: " Construímos muros / separamos xente / abaixo as fronteiras / ninguén é diferente", dicía unha estrofa da Ronda da Auriense (premio ás mellores coplas e maio infantís). Corenta e tres grupos fixeron da festa dos Maios de onte a máis participativa en 25 anos. Escolares, entidades culturais, agrupacións e algún outro pola súa conta amosaron que unha das tradicións máis enxebres da provincia segue latexando, ben viva, unindo a distintas xeracións. Da retranca máis ácida e o retrato da actualidade non deu fuxido nin Trump nin o cambio climático nin os autobuses denuncia, nin sequera algunha concelleira: " Liouna Sofía / coa programación / Aquagym e Zumba / vaia indignación / Vaia indignación / co do Campo Amor / deulle un premio a un home / e foi un clamor", cantaron as mulleres feministas da Marcha Mundial de Ourense, a ritmo de pandeireta. Tamén houbo sorna para lembrar a accidentada estrea da rúa Concello.

A festa da primavera engalanou a rúa principal da cidade. Como naquel poema de Curros Enríquez, Aí vén o maio, a romería encheu de flores silvestres -xestas, carqueixa, margaridas-, de musgo e carrabouxos a rúa do Paseo, Lamas Carvajal e a praza de Santa Eufemia. Maios tradicionais (forma cónica ou piramidal) e moitos artísticos, representando figuras como a da Ponte Vella, un cabaceiro, unha vaca, un pastor de ovellas, ou unha reproducción da estatua dos dous Ramóns, Cabanillas e Valle Inclán. Centos de persoas percorreron a exhibición; camiñar facíase complicado.

Os Maios, declarada de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2001, son unha celebración secular de orixe pagana que festexa a primavera, as flores e o verde tras a escuridade do inverno. Os grupos pasan semanas cos preparativos, desde que conciben a idea e visitan o monte en busca dos adornos silvestres ata que rematan a montaxe sobre as estructuras, na súa maioría de madeira, arame e sacos. A composición das coplas, que nos colexios adoitan implicar a todos os alumnos, ocupa parte do tempo.

Así se mantén unha das tradicións máis senlleiras de Ourense. O Concello organizou o primeiro concurso en 1909. Logo viría a represión da guerra e a censura. A xornada comezou ás 11 e estivo animada por gaiteiros, cabezudos, xogos populares e unha orquestra. Os premiados foron "Ratos de bibliotecas Cudeiro", de Óscar López González, mellor maio artístico; "Cruceiro As Dornas", da Asociación Cultural Os Lolailos, mellor maio enxebre; "O Castro", da ANPA do IES Otero Pedrayo, mellor maio creativo. O mellor maio infantil e mellor copla infantil foron para "As crianzas da ronda da Auriense". "O Afiador", de Amencer, gañou o premio ás mellores coplas.