Correlingua arrancou onte na cidade das Burgas. O CEIP Manuel Luís Acuña logrou o primeiro premio de pancartas de Primaria; o CEIP de Prácticas, o segundo; o CEIP Carlos Casares de Xinzo, o terceiro. O primeiro premio de pancartas de Secundaria foi para o IES O Ribeiro, de Ribadavia; o segundo, para o CPR Malvedo; e o terceiro, para CPI José García García.

Os organizadores tiveron que pechar a inscrición de centros de Secundaria da provincia no mes de abril, ao estar "condicionados" pola capacidade do Auditorio de Ourense.

Os alumnos de Primaria comezaron a actividade na Praza Maior de Ourense as 10.15 horas, e logo fixeron unha andaina con pancartas ata o Auditorio, e os de Secundaria dirixíronse as 9.45 horas ao Auditorio, e logo desprazáronse a Praza Maior. A marcha estivo encabezada polo Folión de Trives, cos seus tambores. Os de Primaria subiron pola rúa Carnal Quiroga, coas súas pancartas, e esperaron no cruce con Santo Domingo que pasaran os de Secundaria cara ao Parque de San Lázaro, para evitar que se xuntaran as dúas marchas.

Correlingua comezou a súa andadura hai 18 anos dun xeito máis modesto. Nas primeiras edicións, consistía en carreiras pola lingua, que se facían nas principais cidades de Galicia. Pero ao incrementarse a participación, os organizadores convertérono en andaina e engadiron actuacións.

O principal obxectivo desta xornada e reivindicar a utilización da lingua galega. O lema deste ano é: "En galego, sen cancelas". A partir do lema que hai en cada edición, os alumnos dos centros educativos que participan fan pancartas, que mostran na Praza Maior de Ourense e durante a andaina ata o Auditorio.

Hoxe o Correlinguafaise en Lugo, o venres na Coruña e na semana que ven na provincia de Pontevedra. De aquí ao día 17, todos os días hai un Correlingua e algúns días dous.