Ourense acolle dende onte a penúltima das trece paradas da mostra itinerante "Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)", que promoven ao longo deste ano conxuntamente a Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e mais a Casa-Museo Manuel María para achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016, Manuel María Fernández Teixeiro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurouna onte no Ateneo, onde se poderá visitar ata o vindeiro 30 de novembro. Participaron no acto de apertura oficial, canda el, o alcalde ourensán, Jesús Vázquez, e o padroeiro da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Nemesio Barxa, entre outros. Coincidindo co remate do ano de homenaxe das Letras Galegas a exposición viaxará a Celanova para facer parada nun lugar emblemático: a Casa dos Poetas.