Luis Davila: "O humorismo gráfico é unha das ferramentas de crítica máis potentes"

O artista buenense leva dezaoito anos sendo 'O Bichero' do decano FARO DE VIGO

22.07.2016 | 10:58
Luis Davila, xunto un dos seus cadros co fondo da ría de Pontevedra e a Illa de Ons. // Gonzalo Núñez

O enxeñoso humorista gráfico do FARO DE VIGO acumula case dúas décadas tirando de retranca galega para darlle ao xornal galego ese toque de humor que necesita a realidade. Desde pequenas trasnadas con lápices de cores ata a pintura de cadros, 'O Bichero' continúa facendo rir, mais tamén cavilar, aos lectores diarios do decano da prensa española.

-Cal foi a túa motivación para converterte en debuxante?

-O meu vén de neno. Sempre me recordo co lapis na man e pasaba tardes enteiras debuxando. Hai nenos que enseguida colgan os lápices de cores ; eu, pola contra, seguín debuxando.

-Daquela, fai falta estudar para ser debuxante?

-Moitos debuxantes son académicos. Eu considérome autodidacta; aprendín moitas cousas na Escola Pablo Picasso, pero outras funas adquirindo a base de práctica, traballo e copiando a mestres do debuxo coma Ibáñez, Quino, os Astérix, os Tintín? Pouco a pouco, vas adquirindo o teu propio estilo.

-Que significa debuxar para ti?

-Debuxar é a miña maneira de falar. Defínome como orador malo e debuxante mediocre (risas). Debuxar é a miña voz, é o meu altofalante, é o meu xeito de expresarme.

-Por que 'O Bichero' e non 'O Bicheiro' se as viñetas van en galego?

-Os mariñeiros do Morrazo empregan a palabra 'bichero' para referirse á ferramenta que levan a bordo no barco: un gancho cun garfo na punta. Eu collín a palabra coloquial, aínda que recoñezo que a correcta sería a outra.

-Cres que se as ilustracións fosen en castelán, o éxito de 'O Bichero' non sería tal?

-'O Bichero' ten na idiosincrasia galega o seu éxito. A nosa lingua é algo fundamental no noso humor. A retranca ten que ser en galego. Se foran en castelán, perderían completamente o seu sentido.

-'O Bichero' está a ser un éxito que traspasa fronteiras.

-Hai unha páxina en Facebook, "Fans de Luis Davila", que xa conta con case 70.000 'likes'. Chéganme comentarios desde a Arxentina, México, Shanghái? Moita xente que está fóra de Galicia ten 'O Bichero' como un lazo de unión coa nosa terra. Ata hai xente en España que tenta aprender galego a través das miñas viñetas. Incluso hai un par delas traducidas ao italiano.

-Esperabas o éxito que tiveches?

-Non. Nunca esperas que se difunda tanto o teu traballo. Se consigo que o lector bote un sorriso, xa me dou por satisfeito; se logro unha gargallada, aínda mellor; se fago reflexionar, mellor que mellor. O mellor de todo é que a xente se identifique cos personaxes que aparecen nas viñetas, coma Dora a Desbrozadora: unha metáfora da muller traballadora voluntariosa galega.

-Tes algún modo de inspiración?

-Vivir en Galicia é a miña inspiración, á parte da actualidade diaria. Esta actualidade mestúroa coa nosa maneira de ver a vida. O xeito en que os galegos se toman as cousas está reflectido na miña tira.

-Tiveches medo nalgunha ocasión a non ter ideas para a viñeta do día seguinte?

-Iso pásame case todos os días (risas). Hai días que é doado ao vir coa idea na mente. Hai outros nos que sento diante do papel e teño que estar a imaxinar situacións e confrontar a actualidade e a problemática do día e non queda máis remedio que parir a idea nese momento; este tipo de situacións son estresantes, pero confío nas musas (risas). Tarde ou pronto, sae.

-Canto tempo che leva facer a viñeta?

-O complicado é dar coa idea. Ter imaxinada a viñeta antes de pórse a facer o debuxo é o máis complexo. Hai veces que boto unha hora e media e outras, con catro horas, non consigo debuxar nada.

-Hay que ter humor na vida para ser humorista no papel?

-É fundamental vivir a vida e afrontar os problemas con humor. Un humorista ten que ter humor, aínda tendo un espírito crítico das cousas que obriga a confrontar o humor e aquilo que te atormenta. O humor é o motor para vivir a vida dunha forma máis positiva.

-Que ten Luis Davila de Castelao?

-Castelao, para min, é un dos referentes. Eu vivo noutro tempo. Castelao, na época que debuxaba, imaxina o convulso que era. O seu humor era moi retranqueiro, máis escuro. No meu traballo, tamén está presente a vida da Galicia máis auténtica: labregos, mariñeiros, tratando de reflectir a esencia da nosa terra nesta xente.

-Que che gusta máis: facer rir ou debuxar?

-(Risas) As dúas cousas apaixóanme. O humor vénme de serie. Eu vivo nunha comarca na que a crítica e o humor están moi presentes, tanto nos chistes nas reunións dos furanchos coma nas críticas das comparsas de Entroido. Se tivera que escoller, diría que a partes iguais facer rir e debuxar.

-Lembras aquela primeira tira na edición nº1 do FARO DE VIGO do Morrazo?

-Lembro. Foi no ano 1998, cando arrincou a delegación do Morrazo. Lembro que era unha especie de taberna na que a xente rifaba o exemplar do FARO DE VIGO. O FARO está moi vinculado a esta comarca.

-Que significaría para ti ter unha viñeta túa en portada do FARO DE VIGO?

-Sería unha gran satisfacción, todo depende dos editores. Sería algo rompedor. Moita xente empeza a ler o xornal polas esquelas; outros moitos, pola miña viñeta.

-Que adxectivo te define?

-Paisano.

-E con que adxectivo defines as túas viñetas?

-Surrealistas.

-Pódese dicir que debuxar é un xeito de criticar en silencio?

-Debería selo. Eu, coas viñetas, pretendo rabuñar sorrisos, mais tamén dar unha opinión cargada de crítica a través de tiras máis ácidas. O humorismo gráfico é unha das ferramentas de crítica máis potentes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine