Ledicia Costas e Xosé Fernández recibiron onte en Boborás os XXXI Premios Antón Losada Diéguez, que recoñecen, respectivamente, 'Un animal chamado néboa', un libro de relatos publicado por Xerais, e 'Vicente Risco. Mestre de mestres'. As dúas obras foron galardoadas nas categorías de creación literaria e de ensaio e investigación. Os dous autores acudiron onte ao acto de entrega no Pazo de Moldes.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, definiu os seus traballos como "dúas obras que xa forman parte da biblioteca esencial galega" e amosouse convencido de que a memoria de Losada Diéguez, un dos impulsores das Irmandades da Fala, das que en 2016 se celebra o centenario da súa fundación, "recibe o impulso anual que lle cómpre a través dos premios que levan o seu nome, con autoras e autores de altísima calidade que merecen recibir o noso aplauso colectivo".

En alusión ás obras gañadoras, o secretario xeral salientou que, en 'Un animal chamado néboa', a madurez de estilo de Ledicia Costas "se expresa a través dunha difícil exploración no máis escuro do colectivo humano, nun momento histórico especialmente duro, como o cerco de Stalingrado durante a Segunda Guerra Mundial".

Xosé Fernández Fernández, Anxo desenvolve a súa tarefa no corpo de inspección docente da Consellería de Cultura e Educación. Na obra galardoada nos Losada Diéguez "ofrécenos un estudo amplo e documentado sobre outra das grandes figuras da Xeración Nós, Vicente Risco", segundo Lorenzo. También louvou aos premiados o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.