O núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, no concello ourensán de Celanova, foi onte o escenario da XV Romería Etnográfica Raigame , unha festa da memoria desa Galiza desaparecida coa chegada da industralización, e que tenta trasladar ao visitante a unha vila galega do ano 1900, coa recreación dos vellos oficios, dende o proceso do liño, á confección das vidrieiras, a música, as palilleiras ou gastronomía tradicional. Unha festa que se fai cadrar cada ano coa celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas e declarada Festa Galega de Interés Turístico.

As rúas medievais de Vilanova acubillaron dende primera hora da mañá tradicións xa remotas na memoria cotián, dende os zoqueiros, os alambiqueiros cos seus potes de augardente até o traballo de tear.

O antigo centro comarcal da Torre, acolleu o simposio "Os Segadores" coa proxección constante de imáxenes daquel éxodo de man de obra galega á percura duns ingresos para mellorala fraca economía familiar, cun xornal que, a volta do verán permitían a un segador, entre 1.000 e 1.500 pesetas por tempada, e até 1.500 ou 2.000 pesetas se chegaba a maioral. Uns aforriños que, como lembrou José Benito Fernández, un daqueles segadores da cuadrilla de Trelle, en Toén podía chegar as 3.500 pesetas da época por tempada. A cambio dun equivalente a unos 2.500 metros de campo segado por home e día. Aquela forza tribal dos galegos, superheróes anónimos, facía posible que na volta dun asubío, quedara feita a seitura, impedindo así que un mal pedrisco, levara por diante as colleitas en Castela.

Pero feita a homenaxe a aqueles anónimos emigrantes da seitura, Raigame foi onte moito máis para propios e visitantes. Un rebulir de turistas, veciños e figurantes, ataviados coas roupas propias das xentes de principios do século XX e os aparellos dos vellos oficios; a forza capaz de emocinar cada ano, dos Danzantes de Vilanova; pandereteiras, grupos de músicos e escolas de danzas tradicionais como Castro Floxo ou a Banda de Música de Vilanova dos Infantes entre moitos outros colectivos que están na diaria pescuda da cultura popular.

Despois da misa, cantada pola Coral de Ruada, Raigame conmemorou o centenario da galeguización do topónimo de Vilanova dos Infantes. A vila, como lembra Xosé Lois Méndez Ferrín, do século XV para o XVI viu como se castelanizaba o seu nome polo de "Villanueva de los Infantes . De feito no XIX constituiuse según Ferrín, no castelo que pertencera aos estados da Casa de Monterrei, sede municipal ou casa consistorial "un moderno concello de Villanueva o Villanueva de los Infantes". O escritor lembra que ocurriu tamén que en Ciudad Real se formou o municipio decimonónico de Villanueva de los Infantes. E había ainda outra "villanueva" , afirma en Guimareas en Portugal. Desde o 16 de xullo de 1916, prosegue o escritor, o concello deixou de chamarse Villanueva de los Infantes, para recuperar o seu Vilanova, que xa empezou a utilizar deica a súa incorporación a Celanova no ano 1927.

Raigame tiña onte moito que celebrar, pero a figura do párroco de Vilanova, Adolfo Enríquez, asesinado en marzo de 2015, pra lle roubaren a imaxe da Virxe do Cristal ainda desaparecida, segue presente na fermosa vila medieval e capital anual de Raigame.

Por iso onte dentro da programación houbo un oco para a súa memoria, coa entrega do Premio Honorífico "Adolfo Enríquez" que recaeu no etnógrafo ourensán Clodio González Pérez, acto que foi seguido da fermosa Danza do Cristal na Praza Maior.

Clodio González Pérez, ( Cenlle Ourense 1947) mestre, etnógrafo e historiador, secretario da sección de Etnografía e Folclore do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e membro do a Padroado do Museo do Pobo Galego e da sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega recibía este premio polos seus 20 anos de colaboración e difusión de Raigame. Exposicións, títeres, moita ambientación de teatro de rúa, con grupos como Sarabela coa representación da obra A Virxe do Cristal, baseada no poema de Curros. Raigame foi por unhas horas a luz encendida ao final do túnel dunha cultura popular que esmorece.