Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LuÍs González Tosar: "A Insua dos Poetas é un territorio real, pero creado para soñar"

O escritor galego reclama maior atención das institucións cara a cultura e literatura ourensás

O poeta Luís González Tosar na Insua dos Poetas. // Brais Lorenzo

Nado en Bos Aires, Luís González Tosar voltou a Galicia no ano 1969 e implicouse na vida política, enfrontándose ao réxime franquista, e na actividade cultural galega. Foi alumno de Xosé Luís Méndez Ferrín en Vigo, ao que considera un dos seus mestres, e participou no proceso de cambio dos anos 70 e 80. Publicou o seu primeiro libro hai tres décadas, "A caneiro cheo", unha obra que tivo moi boa aceptación de público e crítica. Defínese a si mesmo como un "militante da palabra" e é, ademáis, un férreo defensor da lingua galega.

Máis dun lustro atrás, fundou a Insua dos Poetas, un espazo que pretende ser un punto de referencia cultural no que se mesturan creatividade e natureza.

- Como naceu a Fundación Insua dos Poetas?

-Lancei o proxecto hai sete anos; animado por un grupo de artistas e escritores amigos, entre os que se atopan Manolo Rivas, Méndez Ferrín, Nélida Piñón, César Aguida, Claudia Piñeiro, Rafael Outeiriño, José Luís Moure, Xesús Alonso Montero, o pintor Antón Llazares, ou Xoana Torres. A Insua dos Poetas é un territorio de liberdade; non existe nada parecido. É un terreo de sete hectáreas que adquiriu meu pai cando regresamos da emigración. Nese territorio intento que haxa un diálogo permanente entre a palabra e a literatura, as artes plásticas e todos os aspectos da creatividade posibles. Ademáis, ten un espazo moi importante a natureza. É un territorio no que podemos soñar.

- En que consiste a Festa da Palabra?

- É unha xuntanza que celebramos o segundo sábado do mes de xullo e homenaxeamos a algún autor. As do ano que vén serán Pura e Dora Vázquez; pioneiras en moitos ámbitos. As irmás Vázquez son unhas avanzadas na reivindicación da muller escritora e loitadora dentro do campo da cultura. E seguiremos invitando a autores de dentro e de fóra. Todos comparten ese soño de aglutinar nun espazo o pasado, celebralo no presente e proxectalo no futuro. Todos os anos, homenaxeamos tamén a un medio de comunicación pola súa interese pola cultura galega, de feito, este ano foi galardonado Faro de Vigo.

- Cal é o obxectivo deste evento?

- A Insua dos Poetas é un territorio real, pero creado para soñar e crear vínculos coa terra. O obxectivo é chegar a ter unha Galicia máis libre, máis identificada coas súas raíces, co seu patrimonio cultural, coa defensa do medio ambiente. Gustaríame que a Insua fose un lugar de referencia, como unha república libertaria aberta ao mundo e enraizada na propia terra.

- Que autores foron xa homenaxeados na Insua dos Poetas?

- Fomos incorporando nomes importantes da literatura, como por exemplo Xosé María Díaz Castro, ao que considero o meu mestre, tamén a Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blando Amor. Ademais, celebramos alí un momento fundamental de Galicia, o Rexurdimento, cando se cumpliron os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, a través das tres grandes voces deste movemento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Este ano premiamos a Francisco Luís Fernández, un carballinés, fillo da emigración Arxentina, que viviu intensamente o proceso de modernización e transformación que representou a Xeración Nós. Foi unha figura fundamental, pero voltou a Bos Aires e alí participou intensamente na vida literaria. Unha vez chegou a España de novo sempre foi fiel a Galicia e tratou de recuperar a identidade deste país.

Nos próximos anos virán outros. Carlos Casares, Otero Pedrayo, Aquilino iglesias, José Ángel Valente ou Eugénio de Andrade xa teñen o seu sitio para ser homenaxeados.

- Como se escolle aos autores galardoados?

- Hai un patronato no que hai escritores, artistas e xente preocupada pola cultura. Está presidido por min e cada ano eliximos ao homenaxeado. Gustaríanos homenaxear a máis pero chocamos coa problemática económica..

- De que maneiras acadan a financiación para a Fundación?

- Temos un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense que é o noso apoio fundamental. Sen a Deputación non sería posible levar a cabo as nosas actividades. Sen cartos polo medio, a través dos propios recursos desta institución, materializamos as nosas ideas. Hai outros moitos colaboradores, mecenas, aos que tamén estamos moi agradecidos; a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Coren, Aceites Abril, o INORDE. Agradecemos tamén o papel dos medios de comunicación. A Fundación é un proxecto sen ánimo de lucro adicado á literatura e que respecta á natureza pola súa propia esencia. Temos que nomear tamén a otros artistas que están implicados e proxectan o traballo da Insua dos Poetas: Xosé Gil, Manuel Penín, José Manuel Vidal Souto, Antón Pulido ou Nicolás González Allén.

Compartir el artículo

stats