Hai nomes literarios que con todo o que foron vernáculos nunca nos chegarán a soar nos nosos miolos tan forte como outros autores que foron consagrados grazas ao labor constante duns poucos amigos e seguidores contumaces. Outras veces quizais o motivo puidera ser de peso, talvez político, ou deus sabe que. A fama é así: ninguén é profeta na súa terra, di o refrán. Para min resulta que non é a primeira vez que andando pola Coruña, teña escoitado nas bocas dalgúns "chantres" dos bares o retrouso "Se me deran a escoller/eu non sei que escollería/se entrar na Coruña de noite/ou no ceo de día".

Non hai que afastarse desta nosa cidade ourensá chea de ourensanía insuficiente para coñecer quen foi o autor orixinal deses versos, do que fan lembranza os rueiros coruñeses e ourensáns, e ben podemos ata pasear por unha rúa que ten dedicada na zona de Mariñamansa, non moi lonxe do CHUO. Nin sequera ten estatuas, este home, que estivo entre os promotores da estatua de Concepción Arenal que hai actualmente fronte ao edificio do Xulgado. - é que o espírito inquedo de Alberto García Ferreiro deu moito que falar no seu día, aínda que morreu xoven. Como persoa de ideas liberais, anticlericais e progresistas, foi delegado da Asociación Regionalista Gallega, considerado o primeiro partido rexionalista galego, que ía na liña de Manuel Murguía. Ourensán por nacemento, estudou no vello Instituto de Segunda Enseñanza -lugar que hoxe ocupa o IES Otero Pedraio-, logo en Santiago de Compostela a carreira de Dereito, de regreso a Ourense exerceu como avogado, fundou varias publicacións (La Pluma, La Semana, La Defensa de Galicia) e ata colaborou na revista O Tío Marcos da Portela, de Valentín Lamas Carvajal, aínda que mantivo con este unha serie de desafortunados desencontros posteriormente. Ao longo da súa vida escribiu teatro, unha obra patriótica, representada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e abundante poesía no seu particular idioma galego, como o poema "¡Ben te vin!" dedicado a Mariano de Cavia, no que remata cos versos que deron orixe ao retrouso mencionado ao principio deste artigo. Finalmente, malia non ter o don da lingua, como tamén di Delfín Caseiro no seu amplo ensaio na revista Raigame sobre este autor, paga a pena que se reedite a súa obra poética.