O burgo medieval de Vilanova dos Infantes converteuse onte no gran circo que de nenos soñaron Secundino Feijóo e Jesús César Silva, fundadores do Circo Feijóo e do Circo dos Muchachos, respectivamente, e que onte recibiron a homenaxe da súa vila natal no marco da Romaría Raigame.

A festa, organizada polo Concello de Celanova e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo con motivo do Día das Letras Galegas, non podía deslindarse na súa duodécima edición do circo, un mundo que por raro que pareza ten parte da súa raizame na pequena Vilanova, onde naceu o músico Manuel Feijóo, pai de Secundino e Blasinda Feijóo, as dúas ramas das que sairían os máis importantes proxectos circenses de España nos dous primeiros terzos do século XX.

Da man do seu pai, que tocaba o clarinete, Secundino entrou de neno no mundo do circo e acabou fundando o seu propio espectáculo con vacas, cabalos e burros que bailaban o son da súa música. En 1890 instalou unha carpa en Ourense e xa presentaba un cartel con máis de corenta artistas. O camiño iniciado por Secundino aínda non acadou final. O seu neto Manuel Feijóo fundou en 1946 o segundo Circo Americano que triunfou en Europa e o seu bisneto, Manuel Feijóo Aragón, casado cunha filla de Miliki, continúa na senda do espectáculo. Onte mesmo, agradecía a través dunha carta a homenaxe que lle brindou Raigame: "Secundino é o páter, o mestre, o primeiro dunha saga que levou o circo polo mundo", destacou.

Da rama de Blasinda Feijóo, irmán de Secundino, procede o Padre Silva, que se formou no apostolado cristiano no Circo Americano do seu curmán. Esta vivencia deixou unha fonda pegada no sacerdote que acabaría fusionando o seu proxecto solidario Benposta, Cidade dos Muchachos co circo, creando unha escola de artistas que percorreron todo o mundo e convertiron o Circo dos Muchachos nun referente mundial. O proxecto, abandonado desde 2002, vive o seu rexurdimento con dez artistas que onte volveron levantar a súa singular pirámide de arlequíns que representa a filosofía de Benposta: os fortes abaixo, os débiles arriba e o neno no cume.

Na Praza Maior, mentres a irmán do Padre Silva lembraba a figura do fundador falecido en setembro de 2011, o pequeno grupo que pretende medrar e voltar a percorrer o mundo facendo equilibrismo sobre o arame, elevaba a súa pirámide de rombos e cor desafiando a choiva que desluciu a mañán galega de Vilanova.

Desde onte, na subida á torre medieval luce unha placa adicada a Secundino Feijóo e Jesús Silva, fundadores dos circos Feijóo e Os Muchachos "polos que o nome de Vilanova dos Infantes forma parte indeleble da historia universal do circo".

O ambiente circense conviviu así coa música tradicional e a etnografía nunha edición especial de Raigame na que as letras galegas cederon espazo ó espíritu circense da man dos Muchachos e do grupo Ale Hop, de José María "Churry" Silva.

Revitalizar Benposta

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, falou en nome do presidente Manuel Baltar para anunciar que, tras unha recente visita de este as instalacións de Benposta "existe a intención de apoiar a revitalización destas instalacións".