Máis de 800 alumnos de dezaseis centros participaron na edición decimoterceira de Correlingua, que se celebrou baixo o lema "A chave do mundo", baseado nun poema do escritor de Outeiro de Rei que residiu a meirande parte da súa vida en Monforte de Lemos Manuel María Fernández Teixeiro, autor de máis de setenta libros, dedicados moitos deles á poesía social, pero tamén con obras de teatro e versos dirixidos ós nenos. Entre todos eles destaca Terra Chá (1954), a obra que o fixo máis popular en Galicia.

Os alumnos participantes mostraron as súas pancartas na praza Maior de Ourense, ás dez da mañá, para que o xurado puidera valoralas. O CPI de Mende gañou o primeiro premio do concurso infantil; o segundo foi para O CPI Otero Pedrayo de Amoeiro; e o terceiro para o CPI O Ruxidoiro de Barbadás. En educación secundaria impúxose o IES de O Couto como gañador do primeiro premio de pancartas; a clase de cuarto B do CPI de Mende consegiu o segundo.

Nas pancartas podíanse ler as frases: "O galego no corazón chove", "Abre as portas ó galego", "Pin, pan dálle co galego", "O galego une", e "O galego é xenial", ilustrado coa imaxe dun xenio que sae dunha lámpada.

Os oitocentos alumnos iniciaron a marcha de Correlingua ás 10,45 horas pola rúa Valentín Lamas Carvajal, para proseguir por Paseo, Parque de San Lázaro, Santo Domingo, Praza do Ferro, Viriato, Os Fornos, Praza dos Suaves, Praza do Correxidor, Pardo Bazán e A Canle.

O Auditorio Municipal acolleu a celebración da Festa da Lingua, presentada por Pepe Penabade. Proxectouse o vídeo gañador de Correlingua 2013. Varios alumnos leron poemas de Rosalía de Castro, con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Tamén leron "A chave do mundo" de Manuel María. O instituto Cidade de Antioquía de Xinzo ofreceu unha "Comparsa de Antroiodo", na que cada alumno representaba unha forma de vivir a lingua: "Soñar en galego, "Ser un vampiro en Galego", "Amar en galego" e "Soñar en galego". Outros escolares interpretaron cancións a capela. Cerrou o acto Monoulious, como grupo gañador do concurso de Correlingua desde ano, a nivel de toda Galicia.

Os impulsores de Correlingua son a Asociación Socio-Pedagóxica de Galega, CIG-Ensino, a Mesa Pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.

A responsable desta edición de Correlingua na cidade, Sara Martiná, aproveita a ocasión para pedir que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas a Manuel María. Como o regulamento establece como requisito que pasara un mínimo de dez anos dende a data da morte do escritor para poder homenaxealo, todo apunta a que non poderá ser en 2014, porque o poeta morreu no mes de setembro de 2004, polo que "faltarían catro meses" para poder facer a celebración.