O Val do Salas, zona da Baixa Limia con gran personalidade xeográfica, acolle unha importante concentración de monumentos megalíticos. Catro deles foron sinalizados e preparados para visita polo Concello de Muíños, dotándoos de carteis informativos con datos das escavacións realizadas ao longo do pasado século. Existen dous paneis con información xeral sobre o Megalitismo, un xunto ao dique da presa e outro na paraxe de Outeiro de Cavaladre. Outros catro, ao carón de cada monumento, inclúen tanto a reconstrución gráfica como a proposta cronolóxica. A selección destes dolmens entre os máis de corenta existentes no val, obedeceu a varios criterios. Entre eles salientamos a monumentalidade, as escavacións realizadas ou as tipoloxías, altamente representativas das arquitecturas megalíticas, non so da Baixa Limia, se non do noroeste peninsular. Por este motivo consideramos que a visita é interesante para coñecer este fenómeno monumental da nosa Prehistoria. O percorrido polos catro monumentos, Casiña da Moura, Casola do Foxo e as mámoas M1 e M5 de Outeiro de Cavaladre forma o "Circuíto Megalítico do Val do Salas".

Antes de iniciar a ruta queremos advertir que as datas atribuídas apóianse en criterios tipolóxicos, encadrándoos nas diferentes fases do Megalitismo, é dicir, Inicial, Media e Final. Actualmente existen máis criterios, especialmente polo incremento de datacións de C14. Pero as devanditas fases están en consonancia coas datas obtidas no Dolmen de Dombate, paradigmático do Megalitismo galego. Tamén as que recollen os paneis informativos, comprendidas entre o 3500 e o 2000 a.C., ofrécense sen calibrar. Na actualidade e sempre que é posible, trabállase máis coas cronoloxías calibradas, que remontan a construción dos monumentos aos finais do Vº milenio AC e ata mediados do IIIº AC, aproximadamente entre o 4200 e o 2500 calibradas (expresadas como cal. AC). Dito isto, comecemos a ruta.

Unha vez que chegamos ao dique do encoro de Salas e antes de cruzalo, atopamos o primeiro monumento do circuíto megalítico. É a Casiña da Moura, nome popular con que se coñece este impactante monumento. Foi trasladado do seu emprazamento orixinal cando se construíu o encoro, para evitar o seu asolagamento.

Pero cando o reconstrúen no lugar onde hoxe está, non o fan como realmente era. Na actualidade ten o aspecto dunha anta con planta poligonal simple, mentres que orixinalmente contaba cun corredor de acceso do que hoxe carece. Ademais a entrada reorientouse cara ao nordés, en contra das orientacións habituais no megalitismo galego, que insistentemente miran a surleste. - isto era así porque construíanse mirando á saída do sol no solsticio de inverno.

Os dolmens con corredor debémolos considerar característicos da Fase Plena e sensiblemente posteriores no tempo ás cámaras poligonais simples. Esa fase de plenitude do Megalitismo encádrase xenericamente entre o 3000 e o 2500 a.C. no noroeste Peninsular (3800 e 3300 cal. AC).

A continuación, despois de atravesar o Salas polo dique da presa, atopamos a Casola do Foxo, cunha gran cámara de planta poligonal, representativa das construídas nos inicios do Megalitismo. Estes monumentos estanse a datar por carbono 14 aproximadamente a partir do 3500 aC. (4200 cal. AC), con antigüidades superiores aos 6.000 anos.

A súa porta de acceso non é a que agora observamos, se non que foi modificada recentemente. A real aparece pechada por unha lousa fragmentada, a que agora mira cara ao encoro formando unha fiestra aparente. Orixinalmente situábase hacia o surleste igual que a práctica totalidade das cámaras, aínda que cunha desviación acentuada cara ó sur.

Continuamos a ruta atravesando Requiás e deixando atrás o cruce de Guntumil. Atravesamos de novo o encoro de Salas por unha estreita ponte cun só carril e chegamos á paraxe de Outeiro de Cavaladre, onde veremos os outros dous megalitos que completan a ruta.

O primeiro que atopamos é o coñecido como M1 (ou "mámoa nº 1") deste grupo. O tipo de anta resposta a outra das formas que adoptan os megalitos da Fase Plena. Pero a diferencia coa Casiña da Moura, con cámara e corredor de acceso perfectamente diferenciados, tanto na pranta como nas súas alturas (alzados), vemos nesta M1 de Outeiro de Cavaladre un recinto funerario na que a cámara e o corredor unifícanse nun só espazo case rectangular que soamente podemos diferenciar no alzado. Só conserva a lousa que cubre o corredor e falta a da cámara. Este megalito foi erixido na fase de plenitude do megalitismo, aproximadamente entre o 3000 e 2500 aC. (3800 e 3300 cal. AC).

Cerca da mámoa M1, no outro lado da estrada, localizamos a M5 do mesmo grupo. Ten unha pequena anta rectangular -cista- característica da Fase Final do Megalitismo. A evidente diferencia en forma e tamaño cos dolmens anteriores insinúan un cambio radical no ritual funerario, seguramente ante o inicio do enterramento individual. Sería un monumento erixido para unha soa persoa, fronte ao enterramento colectivo das fases anteriores que representan os grandes dolmens poligonais (Casola do Foxo) e de corredor (Casiña da Moura e M1 de Outeiro de Cavaladre).

Esta última fase de descomposición do Megalitismo é aínda pouco coñecida no noroeste, onde se están a detectar outros monumentos tumularios con pequenas cistas de tradición megalítica, como a da M5, ou outras estruturas diferentes con difícil encadre morfolóxico: simples fosas baixo un túmulo ou unha única lousa fincada no centro da masa tumular, a xeito de estela, e construídas entre o 2500 e 2000 a.C. (3300 e 2500 cal. AC).

Vemos como os megalitos do Val do Salas foron sartegos, primeiro colectivos e despois individuais. Destas mudanzas no ritual do enterramento individual deducimos tamén grandes cambios na estrutura social destes grupos humanos máis ou menos igualitarias do Neolítico Final cara a sociedades de xefaturas da Idade do Bronce.

Pero tamén os monumentos cumpliron a función de fitos sinalizadores, seguramente delimitando o territorio das xentes que os construíron. É moi posible que estes cemiterios actuasen como marcos territoriais de referencia, función reforzada polo carácter de ritual ou sacro que sempre ten un camposanto. Ademais a ritualización dos marcos ou límites serían moi necesarios para uns pobos que teñen unha economía con marcados elementos de itinerancia ou mobilidade, como o pastoreo ou agricultura de estivada ou ignicultura.

Os enxovais que acompañaban aos mortos tamén non informan sobre as súas actividades económicas. Así, os machados puídos e aixolas véñense relacionando coa tala de árbores para o seu posterior cultivo. Tamén son moi frecuentes as ferramentas talladas, como dentes para fouces, coitelos de sílex ou puntas de frecha. Estas últimas, moi abundantes, indican a importancia que aínda tería a caza nestes campesiños prehistóricos.