Antes de sentarse a escribir a triloxía de Dragal no seu fogar de Marín (Pontevedra), Elena Gallego foi xornalista en Ourense. Onte voltou á cidade na que desenvolveu parte da súa traxectoria profesional como xornalista para presentar na Feira do Libro da Alameda o segundo tomo da saga fantástica, “Dragal II, a metamorfose do dragón”.

-¿Como sucedeu a metamorfose que a transformou a vostede de xornalista a escritora?

-Para ser escritor hai que ser lector. Eu leo desde que recordo e cando soñas historias alleas, soñas tamén con escribir as túas. Miña nai garda nun caixón unha novela que escribín con 13 anos titulada “A rapaza dos ollos vermellos”. Aínda non me atrevo a lela, dame pudor, pero está aí. Eu xa escribía poemas... por iso caín no xornalismo que ten a súa parte creativa. O catalizador foi escribir a novela que quería que lera o meu fillo, que conseguira entusiasmar a un adolescente. Vin que nas librarías e bibliotecas non había nada noso, nada galego, e quixen demostrar que se podía facer.

-¿Que cambios advirte na cidade dez anos despois de deixar de escribir sobre ela?

-Chama a atención que se repiten titulares. Xa estábamos co AVE cando marchei, co soterramento si ou non. O que me gusta é ver como proxectos sobre os que escribín como a recuperación das marxes do río xa son realidade.

-¿Que personaxes de Ourense escollería para unha ficción?

-Uf, esto da para un thriller. Cando o dragón me deixe descansar volverei a Ourense para facer unha novela porque aquí a realidade supera á ficción.

-Escribiu un libro para que o seu fillo adolescente lera... É como unha nai coraxe da cultura.

-Si, pódese ver así. Calquera nai pode entendelo. Púxenlle o nome do meu fillo ó protagonista para chamar a súa atención. Foi o meu asistente mentres o escribía e o primeiro lector.

-Xa se fala de Dragal como o Harry Potter galego, ¿para cando a versión no cinema?

-O primeiro que me preguntan os nenos cando falo nos colexios é cando vai sair o videoxogo. Soñar é gratis pero eu son realista. O problema que vexo é que hai demasiadas propostas de literaturas, centos de libros nas librarías e os nosos, os galegos, no último recuncho. Eu creo que Dragal pode competir con outras historias que son best seller pero confórmome con que lean a historia e se gusta, que a compartan. E non hai nada máis flipante que os nenos curiosos e agradecidos. Vexo voar o dragón nos seus ollos.

-¿Foi doado documentar a historia en Galicia?

-Si porque en Galicia temos dragóns moi interesantes. A mágoa é cando descubres que hai moitas cousas que se están perdendo. En Dragal hai maxia, alquimia... traídas á actualidade. A xente sorpréndese cando digo que o alquimista máis famoso do mundo estivo en Galicia no século XIV. “El señor de los anillos” recolle tradicións dos pobos celtas que tamén son galegas.