"Ti non enfermas porque non podes" dille moitas veces a Roberto Álvarez o seu pai. E é que este gandeiro da parroquia celanovesa de Santiago de Amoroce, é o único traballador da facenda O Agro. Ó seu cargo ten o coidado de 107 cabezas de gando nunha explotación de 115 hectáreas.

Tras uns anos en Madrid e sen ter traballado antes como gandeiro, Roberto decidiu, alá polo 2003 facer un curso de pastoreo no País Vasco con miras a emprender algún tipo de actividade gandeira na súa terra natal.

No 2005, un xiro do destino mudou moito o seu novo camiño. Mentres andaba na procura dunha peza para o seu tractor, tomou contacto cuns cataláns que lle deron a coñecer a raza Salers, unha raza vacuna moi robusta, fértil e prolífica procedente do macizo central francés.

El andaba na procura de exemplares de raza autóctona galega mais ó coñecer a excepcionalidade da produción cárnica das Salers e as súas características, optou por marchar a Francia a coñecelas.

En moi poucos días, Roberto voltou a Galicia cun trailer cargado de 25 vacas Salers. Así comezou a súa aventura particular como gandeiro novel e dende aquela leva máis de 1850 días traballados sen parar.

Unha aventura imprevista

Ó ano seguinte do seu inicio como gandeiro, as vacas comezaron a parir. Dada a súa inexperiencia, Roberto decidiu porse en contacto con algúns comerciantes de gando e pedir consello sobre que facer coas vacas.

Estes expertos desprestixiaron o produto por ser vacún de montaña. "Estes becerros eran mal vistos e tiven problemas para comercializalos", recoñece Roberto, quen optou por facer unha matanza para a casa.

Familiares e amigos quedaron encantados co sabor daquela carne de Salers. Foi daquela cando Roberto se propuxo ser el mesmo o que fixera venda directa do seu produto polas casas dos seus veciños e xente da súa zona.

"Leváballe os becerros a un carniceiro e facíase a matanza no matadoiro" explica Roberto. Cos despieces facíanse lotes de 10 a 15 quilos que logo o propio Roberto recollía para repartir entre aqueles que lle fixeran un pedido previo.

A carne das Salers comezou a ter aceptación e cada vez eran máis os veciños e coñecidos que demandaban máis lotes. "Era difícil continuar con ese sistema de traballo e por iso aluguei un posto na praza de abastos de Celanova e o habilitei como sala de despece", explica Roberto. Esta sala, que cumpre con tódolos requisitos legais, non está aberta ó público senón que o propio Roberto recibe os encargos por vía telefónica e prepara os lotes como o facía antes.

Nas bocas polo boca a boca

Tras moito instistir o irmán de Roberto o convenceu para que fixera probas de hamburguesas coa carne das súas vacas. Foi daquela cando o gandeiro decibiu facer probas con carne moída e adobalas con sal, perexel, ourengo, pementa branca e pan raiado.

"Comenteille a idea o meu amigo hamburgués Stephan e el díxome que ó facelas aquí e dun xeito diferente tiña que chamarlles galeguesas", explica roberto.

O celanovés decidiu así patentar o seu produto, que xa está rexistrado dende o ano pasado. Cando deu a coñecer as galeguesas ó seu amigo, o cociñeiro Mario Poti, este convenceuno de que tiña que dar as tiña que dar coñecer un pouco. Xurde así a idea de poñer un stand polas festas da zona e mesmo chegou ó Festigal do pasado 24 e 25 de xullo en Compostela onde triunfou o boca a boca.

Roberto califica a acollida das galeguesas como "espectacular"aínda que asegura non pretender facerse rico con elas nin comercializalas a maior escala."Se quixera facerme rico non me faría gandeiro" apunta.