Miguel Karballo / Pintor

"Fixen retrato en París, Italia, Ibiza, Madrid e nas Ramblas de Barcelona"

"Vivimos só da pintura, case de milagre, igual que cando empezaba; Sula Repani non quixo exercer a docencia"

 

X.M. DEL CAÑO / OURENSE Naceu en 1951 nunha aldea da provincia de Lugo, próxima a Ourense, chamada Sorrego, da parroquia de Buciños, terra do escultor Manuel Buciños. A pesar de que só viviu cinco anos nesa localidade, mantena coma unha referencia constante na súa vida. Tamén foron determinantes os nove anos que viviu no Pazo de San Damián -onde entrou en contacto con Carlos Xavier Suánces-, as vivencias que tivo en Madrid co grupo Brais Pinto e a cultura helénica, despois de casar coa pintora Susa Repani.

-¿Como se chamaban os seus pais?

-Manuel e Gumersinda. Procedían os dous do concello de Chantada. O meu pai estivo de emigrante en Cuba, onde tivo unha carboeira. Despois volveu ó campo, por necesidade e vocación.

-¿Onde foi vostede á escola?

-En Buciños. Pero como o capital era pequeno, o meu pai fíxose cargo do Pazo de San Damián, nos Chaos de Amoeiro, como caseiro, onde vivimos nove anos. Coñecín a Ramón Otero Pedrayo, que era o señor de Trasalba. A dona do pazo de San Damián era Teresa Pereiro París, que casou co xeral Suances, pai do arquitecto Carlos Xavier Suánces.

-¿Como xurdiu a súa inclinación pola arte?

-Manuel Buciños foi a miña primeira referencia, porque na aldea todo o mundo dicía que pintaba moi ben e facía santos. Pero ademais, a familia Suances pasaba os veráns no pazo e tivemos moita relación, porque eramos os únicos veciños. Daquela, Carlos Xavier Suances estaba estudando arquitectura en Madrid. Pese a que non o sabe moita xente, é un grande acuarelista. Eu pasaba alí moitas horas mirando como pintaba. Pero onde aprendín realmente a pintar foi en Sorrego, observando as paredes cheas de manchas, pola humidade, o fume e os esconchados de cal. Facía unha pintura contemplativa.

-¿Como evolucionou a vida para vostedes?

-No remate dos anos sesenta, os meus irmáns maiores emigraron a varios países de Europa. Ó quedarse cos fillos máis pequenos, o meu pai vendeu a parte que lle tocara en Sorrego e mercou unha casa en Tamallancos. Nesa época, a miña idea era estudar Belas Artes, pero non puiden, porque o meu pai endebedárase moito. Púxenme a traballar na construción, de albanel, para axudar a que se desempeñaran os meus pais. Participei na construción do edificio da Casa dos Lentes. E fun á academia de Cárcamo, para aprender pintura.

-¿Conseguiu estudar Belas Artes?

-Marchei a Madrid en 1969, ós 18 años, pero como os meus pais non me puideron apoiar, tiven que traballar para sobrevivir, vendendo polas portas. Vendín xabón, biblias, rifas para sorteos de baterías de cociña. Vivía nunha pensión, ó lado da estación do norte. Eu coñecín un Madrid cheo de bulleiro, nos barrios que estaban construíndo. E un día deixei as vendas, porque nunca vin que fixeran ningún sorteo, e pasei á hostalaría. Cheguei a ser xefe de barra do mesón Taberna Enxebre de Alberto Aguilera. Un señor da garda de Franco, queríame levar daquela para que lle dirixira un restaurante que estaba montando no Pardo, porque sabía que eu tiña moi boa relación coa clientela. Alí ía xente das artes, da política e do xornalismo, coma os irmáns Montes de Radial Press. Aquilo fíxome reflexionar, en que eu fora a Madrid para dedicarme á pintura, e deixeino. Empecei a vender cadros no rastro e na rúa. Transportábaos empaquetados, nunha moto. Un día vinme tan apurado, porque se me acababa o diñeiro, que fun vender cadros polas portas, aproveitando a experiencia que tiña da venda de xabón e de rifas.

-¿Cambiou de casa?

-Collín un piso con Raimundo Patiño, no que viñan pintar Xaquín Marín e Castro Laxe. Alí facíanse as reunións do grupo Brais Pinto, con X. L. Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Cribeiro e Ben Cho Shey. Eu era moito máis novo ca eles, pero asistía ás reunións que facían alí.

-¿Como evolucionou a súa vida?

-En 1972 vin facer o servizo militar a Ourense. Iso cortoume todo. E logo tiven que empezar de novo. Casei con Mariluz, por un embarazo non desexado, e quedei en Ourense para criar ó meu fillo Roberto. Traballei de xefe de equipo na fábrica de Barreiros, que aínda dirixía Eduardo Barreiros. Durante un tempo tiven que volver á construción, para ter unha seguridade social para o fillo.

-¿Como coñeceu á súa muller actual, a pintora Sula Repani?

-Contratáronme como debuxante do Museo Arqueolóxico de Ourense e xa empecei a encarrilar outra vez polo meu. Tiven estudios na rúa Colón, na praza do Sal, na praza de San Martiño e na praza do Ferro de Ourense. E rematei facendo unha casa nunha finca que tiñan os meus pais en Tamallancos. Ó separarme, como o rapaz xa medrara comecei a viaxar polo mundo. Vivía dos retratos. Fixen retratos en París, en Italia e noutros países. En 1986 Xaime Quessada empeñouse en que fora pasar o verán con el, a súa muller e o fillo a Ibiza. Vivín alí con eles. E volvín por Cataluña, para asistir ás festas da Mercé, onde coñecín a Sula Repani. Para sobrevivir, facía retratos nas Ramblas. Sula estudara Belas Artes en Atenas, e viñera cunha beca do Estado grego para facer o doutorado en España. Ela veu comigo para Tamallancos, e non rematou o doutorado.

-Tiveron un fillo.

-Si, chámase Ares.

-Sula Repani mantén vinculación co seu país.

-Todos os veráns pasamos un mes en Atenas, onde temos unha casa. Antes de ter o neno, pasabamos alí tres meses ó ano. Traballamos alí, vendemos cadros e facemos exposicións.

-¿Sula integrouse ben en Galicia?

-Integrouse ben, pero ós gregos pásalles coma ós galegos, tíralles moito a súa terra. Como pintora, utilizaba cores de tradición bizantina, pero agora nótase moito a forza e a diversidade da cor galega, porque xa leva aquí 23 anos. Eu tamén estou influenciado pola pintura grega.

-Converteron a súa casa nun centro artístico.

-Como os dous pintamos, montamos a galería Obradoiro da Arte en Tamallancos.

-A pintura que fai agora, contrasta coa dos anos noventa.

-Deixei o óleo, agora pinto con terras de cores que traio de Grecia. Fago pintura matérica sobre lona e táboa, ou murais, coma si se tratara de frescos. Dese xeito retomo a experiencia que tiven como albanel. O fresco ten moito de albanelería.

-Cambiou o nome artístico.

-Cando cumprín os cincuenta anos cambiei a firma: agora poño Carballo con “k”. Tamén me gusta escribir nun dialecto un tanto raro, con kas. Pero ademais, utilizo o “k” para poñer Karballo, porque os gregos non saben pronunciar ben o “c”. Pronúnciano como “s”.

-¿Cal é a súa fonte de inspiración?

-O mundo rural galego. Sempre me gustou moito a pintura primitiva. Na Biblioteca Nacional do Museo Arqueolóxico de Madrid había unha réplica das covas de Altamira, e eu gozaba moito vendo as pinturas rupestres. E iso penso que segue vivo en min. Fago unha pintura onírica, surrealista. Déixome levar pola sensación que sentía, cando vía de pequeno as manchas nas paredes da casa de Sorrego.

-Interésalle o ser humano e a paisaxe, sobre todo, pero tamén fai retrato.

-Sempre fixen retrato. Cando fago retrato, trato de ser o máis realista posible.

-Fai exposicións contadas, de cando en vez.

-Si, expuxen nas principais cidades de Galicia, en Madrid, con Sula Repani, e en Atenas. Temos alí obra constantemente. Eu non fago moitas mostras, porque teñen unha vertente social que rouba tempo. Como vivimos da pintura, non damos xuntado obra. Vivimos só da pintura, case de milagre, igual que cando empezaba. Sula non quixo exercer como profesora, porque ó final a docencia acaba absorbéndote. En cambio ser pintor, implica xogarte a vida cada día.

-¿Fan exposicións conxuntas?

-Antes expoñiamos xuntos, pero agora facémolo por separado, para evitar comparacións odiosas.

-Vostede foi concelleiro do BNG en Vilamarín.

-Como vía o caciquismo que hai no mundo rural, onde case non se atrevían a facer unha lista para enfrontarse á maioría absoluta de Amador Vázquez, formamos unha candidatura alternativa. Puxéronme a min ó fronte, e case sacamos dous concelleiros. Pero hai pouco deixei a política.

-Ademais da tarea artística, vostede tamén escribe.

-Publiquei un libro, que se titula Un bárbaro en Atenas. Trátase dun ensaio, que describe como se ve o mundo helénico, dende o punto de vista foráneo, dun castrexo-atlántico. Agora estou facendo unha novela autobiográfica.

  HEMEROTECA
Síguenos en...
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »




Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »




Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya