Carlos Vello Paradela - Pintor

"Hoxe só fago acrílico, porque seca rápido e ten outro glamour; borrei o óleo da miña vida"

"Tiven unha infancia, no casco histórico de Ourense, chea de traumas por motivos familiares e sociais"

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Comeza na pintura pola
Comeza na pintura pola "necesidade" de expresar os seus sentimentos e inquedanzas. Estuda ata 1963 e despois prosegue a etapa formativa alternando os estudios con traballos de recadeiro de oficina, delineante proxectista de instalacións petrolíferas e finalmente topógrafo de obras públicas. En 1970 rompe coa vida de "buró" e dedícase plenamente á pintura. Participa en manifestacións artísticas, en compaña de artistas como Lamazares, Prego de Oliver, Xaime Quessada, Xosé Díaz, Vidal Souto, Alexandro, Virgilio, X. L. de Dios, Bucitos, Corral Díaz e Tomás Bóveda. Participa na Mostra Homenaxe a Castelao. 

X.M. DEL CAÑO - OURENSE Naceu en 1945 no casco histórico de Ourense. Recoñece que foi un neno triste e melancólico, que sufriu “os desarranxos da posguerra”. O seu pai, que era ebanista, faleceu en 1949, cando el tiña tres años. A súa nai, unha “famosa modista”, tivo que sacar adiante a familia. Quedou ó cargo de Carlos e da súa irmá menor.

-¿Como foi a súa infancia?

-Tiven unha infancia, no casco histórico de Ourense, chea de traumas, por motivos familiares e sociais. O meu avó Avelino, un axente de seguros nado en 1880, foi un home que tivo unhas consecuencias fatais para min, pola súa férrea maneira de educar. Viviamos con eles, na casa da familia da miña nai, en Perigo-Cervantes, número 9, segundo. O meu avó paterno, que xa morrera, foi tipógrafo.

-¿Por que chocaba tanto co seu tío?

-Porque era un fascista absoluto. Sacaba o cinto para pegarnos.

-¿Lembra os xogos da infancia?

-Un día fomos á rúa Progreso, onde había un surtidor de gasolina, ó lado de Correos, e un mendigo que levaba un fardel díxonos: “Rapaces, vouvos coller”. Eu dei un salto e crucei a estrada, porque pensei que era o home do saco. Non me atropelou un camión do xeo por centímetros.

-Pasou a súa infancia no barrio chino, pululando entre as prostitutas.

-Si, iamos coller as pastas do tabaco rubio que fumaban as putas para facer cintos trenzados. Máis tarde, ós 25 anos, visitabamos os bares para tomar cubalibres e copas de coñac. Eu coñecía a Zazá, Noalla, Chichona, Milucha e a Amelia. Ía con Vidal Souto e con Xaime Quessada ó bar da Amelia. Tiña un gato ó que lle faltaba un ollo e tratábanos de señoritos. Dicíanos: “Señoritos, ¿que queren tomar?”. “Unha copa de licor-café”, pediamos. Contábanos historias do Ourense antigo, que saen en A Esmorga de Blanco Amor, ó que trataba.

-¿Algunha anécdota?

-Un día levoume á súa casa unha puta coxa, a irmá da Sara, para darme uns calendarios que lle pedira para facer copias. Chamoume moito a atención que tivera unha imaxe da Virxe do Carme, alumeada con velas, ó pe da cama na que exercía a prostitución. Díxome que lle tiña unha grande devoción á santa. Rezáballe e facíalle as novenas. A decadencia do barrio chino comezou nos anos oitenta, coa entrada da droga.

-¿En que ano empezou a pintar?

-Comecei facendo debuxos e paisaxes en 1952. Máis adiante, influenciado pola pintura do que daquela era o meu grande amigo Xaime Quessada, fixen unha pintura moi aproximada ó pastel que pintaba el. En 1972 distancieime da súa influencia, para comezar coa pintura intimista galega. Pintei o cadro da Emigración, unha obra de gran formato, que é propiedade de Nacher-Publicidade, maternidades do campo, maternidades do mar e outros temas relacionados con Galicia. E aínda hoxe estou facendo homenaxes ás Cíes. Tiven unha etapa de expresionismo abstracto moi forte. Fixen abstracción lírica e volvín á figuración, tipo López García, na que hai cadros como as tendas da rúa de Colón e as galerías da ponte das Burgas. Eses cadros son moi importantes na miña traxectoria histórica. Nos anos oitenta, pasei da abstracción á figuración. Nos anos noventa volvín pasar da abstracción xeométrica á pintura realista. Máis tarde tiven unha gran etapa de pintura matérica. Na actualidade fago abstracción xeométrica, fría e colorista á vez.

-¿Onde tivo o primeiro estudio?

-Na casa do meu avó, en Barra (Coles), onde pintaba tamén Vidal Souto. Botou alí longas tempadas. Eu daquela facía sobre todo pastel, e algún óleo de cando en vez. Hoxe só fago acrílico, porque seca máis rápido e ten outro glamour; borrei o óleo da miña vida.

-O acrílico é máis inmediato.


-Eu se fago unha mancha, quero que seque no momento, porque é espontánea. E se quero superpoñer outra cor, utilizo o secador para rematar antes. Aplico a pintura sobre lenzo ou sobre taboleiro. Empezo a pintar con carbonciño, e despois encinto. Algunhas veces non poño a cinta.

-Despois tivo outros estudios.

-Montei o estudio en Perigo-Cervantes. Nos anos oitenta tíveno nas torres do Pino, onde vivo. E agora téñoo de novo en Perigo-Cervantes, na casa familiar.

-Dedicou case toda a súa vida á pintura.

-Traballei antes de botóns nunha axencia. Estiven facendo debuxo técnico na Laboral de Córdoba. Máis tarde, traballei en Ourense nunha xestoría e en Instalaciones Petrolíferas Iglesias, de xefe de oficina, e de topógrafo en Construcciones Orín, ata 1970, ano no que rompín con todo iso para dedicarme á pintura.

-Vostede está casado.

-Si, con Lola Esteban. É supervisora xeral de enfermería. Teño unha filla de trinta anos, Iria Saleta, que é unha prestixiosa deseñadora gráfica e fotógrafa profesional.

-Vostede fai poucas mostras.

-Fóra de Ourense, expuxen en Vigo, na sala de Caixanova, con grande éxito. Fixen moi poucas exposicións, porque sempre vendín no estudio. En Pamplona, Vigo, Valladolid e Madrid véndense moitos cadros meus, porque teño familiares e xente coñecida alí.

-A falta de exposicións, mingua a súa difusión artística.

-É algo que nunca me preocupou.

-Vostede tratou moito a personaxes pintorescos de Ourense, coma O Cepo, que gastaron a súa vida na zona dos viños.

-O Cepo foi ver unha exposición miña ó Liceo, en 1975, cunha borracheira tan grande que baixou as escaleiras polo aire e foise estrelar contra unha escultura que había diante duns espellos. Un día deulle un traxe de luces Vidal Souto e diñeiro, para que fora tomar un vaso de viño ó parque de San Lázaro. Aquilo foi un acontecemento. O Cepo vivía na casa dos Chaparro. O Paxaro tamén andaba polas rúas dos viños. Levábanse mal. Era un home apoucado, con certa deficiencia mental. En cambio co Cepo podíase falar, incluso tiña conversas eróticas. E había outros personaxes coma o Efraín, o Pepiño Tatarelo, facía cestos na rúa Padilla, a Castorina, a Golondrona, unha señora rubia maior que durmía nas Burgas, ó calor das augas, a Reme dos Lagartos, que vendía pocións nas feiras. O Parrolí era un panadeiro das Burgas, alcohólico; O Barriga Verde, andaba sempre cun mono de color caqui; O Milhomes e o Xanciño Perra Pemento, que atendía a veces a tenda que tiña a súa irmá na rúa Colón. Cando iamos mercar, preguntábanos: “¿Que queres?, unha perra pemento”.

-Un pintor desta cidade chegou a inventar as vinarelas.

-Vidal Souto inventou as vinarelas, que son acuarelas pintadas con viño. Durante unha época, utilizaba viño para pintar acuarelas. Aínda teño eu unha desas na casa.

-¿Que lle parece o peso cultural de Ourense?

-Aportou xente moi importante, como Tomás Bóveda, Prego de Oliver, Xaime Quessada, Xosé Luís de Dios, Tuñón, Vidal Souto, Alexandro e o extraordinario escultor Xurxo Oro Claro. Tamén aprecio moito a Figueiras, César Prada…

-Vostede tivo bastante relación cos escritores.

-Si, con Xosé Luís López Cid, Eduardo Blanco Amor, que me dedicou cun grande afecto todos os seus libros, tratei moito en Vigo a X.L. Méndez Ferrín e a Darío Xohán Cabana, con xente da UPG. Coñecín a Celso Emilio Ferreiro na galería Toison de Madrid. Era moi antifranquista.

-¿Cales foron as primeiras exposicións que fixo, individuais e colectivas?

-En 1970 fixen unha mostra individual de pinturas ó pastel en “O Volter” e participei nunha exposición colectiva no claustro de San Rosendo, en Celanova, con Virxilio, Alexandro e Vidal Souto; en 1971, colectiva no Círculo Victoria de Monforte de Lemos; 1973, no Carroleiro, Ourense, con Alexandro; colectiva no Ateneo de Ourense; en 1975, mostra no Liceo de Ourense con Ramón Conde; 1978, individual nas salas do Banco de Vizcaya de Lalín; 1979, individual nas salas do Banco de Bilbao en Ponferrada; 1979, individual nas salas do Banco de Crédito e Inversiones de Lugo; 1979, individual nas Salas de Caixa Vigo; 1979, individual nas Salas da Delegación do Ministerio de Cultura de Ourense; 1983, individual nas Salas do Café Isaac; 1984, colectiva con artistas ourensás en Estudio 34 de Ourense; e en 1985, individual retrospectiva na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Ourense.

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
Operación
Tipo de inmueble
Provincia
Anunciese gratis
El portal inmobiliario de 
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
Enlaces recomendados: Juegos | Proteja ahora su casa por sólo 99 €
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009