REDACCIÓN - OURENSE
Isaac Díaz Pardo mantén a esperanza de recuperar o control do grupo Sargadelos. De momento xa conseguiu arrincarlle ó poder xudicial o compromiso de que vai "tomar cartas no asunto". Mentres tanto, xorde un movemento cidadá que reivindica a incoación dun expediente para que a Xunta declare Ben de Interese Cultural (BIC) o patrimonio do grupo Sargadelos, co fin de protexer os arquivos, miles de cartas de intelectuais galegos, fotos, carteis, cadros de Castelao, Luís Seoane, Maside e do propio Díaz Pardo, entre outros, e as bibliotecas especializadas que acumulou durante décadas o vello galeguista, como explicou na librería Torga Xosé Manuel del Caño, onde asinou exemplares do libro O Contencioso de Sargadelos. Isaac Díaz Pardo de Linteo Edicións.
Díaz Pardo agarda que o poder xudicial actúe con celeridade para evitar que se derrube o grupo Sargadelos. O vello galeguista teme que a nova dirección se decante en pouco tempo polo peche de Edicións do Castro, como medida de choque contra a crise e a falta de liquidez que está afrontando o grupo Sargadelos. O vello galeguista rexeita a medida, ó considerar que "o compromiso" e a "recuperación da memoria histórica" deben manterse como as prioridades e emblemas do grupo.
Por iniciativa ourensá, preto dun cento de escritores, intelectuais e artistas aportarán textos e imaxes para a publicación doutro libro, no noventa cumpreanos de Díaz Pardo. A proposta conta co respaldo de Ediciones Linteo, da Fundación Curros Enríquez e do Pen Clube de Galicia.
Segundo consta en O Contencioso de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo descubriu nunha carta que interceptou que había unha trama para atentar contra a súa vida. Díaz Pardo permanece arredado da dirección do grupo Sargadelos, que el mesmo puxo en marcha, despois de que algúns directivos ós que lle cedeu participacións, como premio polo seu traballo e entrega, traizoaran a súa confianza e o relegaran a un segundo plano, co apoio doutros "socios capitalistas". O creador de Sargadelos permanece sen cobrar ningún salario dende hai tres anos, e sen a posibilidade de poder acceder á xubilación, porque como el mesmo recoñece, non cotizou á Seguridade Social, por "aforrarlle custes á empresa".
O Contencioso de Sargadelos. Isaac Díaz Pardo, de Xosé Manuel del Caño, ten prólogo do profesor Basilio Losada Castro e epílogos do arquiveiro e bibliotecario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, e do técnico de cultura da Deputación da Coruña e ex director do Museo de San Antón, Felipe Senén.