SANDRA DE LA FUENTE - MELÓN
O temporal de auga e vento desluciu onte a Festa da Mata do Porco en Melón e obrigou a suspender o desfile de cabalerías e carrozas, ademáis da orixinal carreira de porcos. A variante gastronómica da celebración, en cambio, non sufriu alteración ningunha. De feito, o pavillón do colexio de Quins no que tivo lugar nunca tivera tanta afluencia de público. De seguro que ningún evento deportivo acadara antes tanto poder de convocatoria como a degustación popular dun quente e saboroso cocido galego.
O porco despezado, cachelos e repolo afumaron o recinto e uniron baixo un mesmo teito a máis de mil persoas, entre elas o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, que participou na festa como pregoeiro, inaugurador e comensal. Un tres por un no que se viu arroupado polos seus veciños ribeiraos e polo alcalde de Melón, Alberto Pardellas, pese a que no pregón recoñecera que el, na cuestión da matanza, experiencia cero. Eso si, apuntou que no traballo da mata, onde cada un cumple unha misión fundamental, "vese a forza do pobo galego".
Antes do esperado xantar, Jesús Vázquez inaugurou o novo alumeado do pavillón do CEIP de Quins, unha obra que supera os vinte mil euros e que permite un mellor desenvolvemento das actividades no interior do recinto. Ademáis, asinou no libro de honra do Concello e escoitou as demandas que o alcalde Alberto Pardellas lle plantexou no relativo as dotacións educativas do municipio. Houbo gaiteiros, música e moitas calorías no recinto que estreaba alumeado. Os cociñeiros e camareiros non daban feito, corrían dun lado para outro, pese a ser dunha empresa chantadina especializada en preparar comidas multitudinarias. Os que se libraron de correr foron os 15 porcos que competían na carreira e que por causa do mal tempo foi suspendida.