EN DIRECTO

Lembranzas do transcorrido

Ourense viaxa no tempo coa Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial

 23:05  
Asubíos feitos con cascas de árbores, cantares de cego e olaría tradicional de Buño.  // Iñaki Osorio
Asubíos feitos con cascas de árbores, cantares de cego e olaría tradicional de Buño. // Iñaki Osorio 

O esforzo dos artesáns galegos e dos investigadores das tradicións localízase ata o sábado na carpa instalada na Praza Maior de Ourense para acoller a Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial. A exposición das diferentes artes e oficios que compoñen a riqueza cultural galega abraiou ós máis novos pero envolveu de nostalxia ós avós que lembraron dun golpe as vivencias de antano: os xoguetes cos que pasaban o tempo, os aparellos e ferramentas de traballo, as olas e cestas de uso doméstico, os instrumentos que tocaban, o trompo, a comba, a música.

SANDRA DE LA FUENTE - OURENSE Afiadores, capadores, quincalleiros, fuseiros ou cordeleiros. Ningún daqueles que gañaron a vida percorrendo feiras e aldeas coa roda de afiar, a capadora ou a quincalla podían imaxinar que tal día coma hoxe o seu legado sería motivo dunha gran mostra na Praza Maior da cidade das Burgas e que baixo o nome de Patrimonio Cultural Inmaterial as xentes do século XXI contemplarían admirados a ferramenta que os acompañou naquel duro acontecer.
Precisamente, esta mostra forma parte do Proxecto Ronsel que busca salvagardar a riqueza patrimonial galega e convertila en motivo de orgullo das novas xeracións. Ata o sábado, a exposición organizada polas tres universidades galegas, o Concello de Ourense e a Asociación de Gaiteiros Galegos, trasladará á sociedade anacos da vida tradicional que compoñen a identidade galega, e tratará de sensibilizar ó conxunto da poboación da necesidade de conservar este patrimonio.
Polo momento conseguiron conmover á xente maior que onte visitou a carpa coas lembranzas do pasado. A nostalxia inicial deu paso ó sentimento de orgullo de ser galego e foron moitos os avós que aproveitaron a visita cos netos ou mesmo cos fillos (onte era día festivo en Ourense) para presumir de coñecemento.
A exposición de xoguetes de Xosé López e Xosé Manuel García foi unha das máis visitadas, ó tempo que a Asociación Brinquedia cedía trompos, aros e combas para xogar na praza ó xeito tradicional. Maiores de 70 anos animáronse a saltar e xogar á rá coma nos vellos tempos, mentres na carpa lembraban con nostalxia os xoguetes esquecidos feitos con xunco, follas de carballo, cascas de noces, cardos e mesmo latas vellas.
Xosé López conta que esta exposición é o resultado de moitos anos de investigación do xogo tradicional en Galicia e destaca o éxito acadado tras a súa itinerancia por toda a comunidade: "Un home duns 80 anos botouse a chorar cando levamos a mostra a Verín e viu os xoguetes cos que disfrutara de neno".
A Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial componse de obradoiros de luthería, torneiro, construcción de instrumentos musicais vexetais, olaría, forxa, poteiro, coroceira e artes de pesca, ademáis das exposicións permanentes dos oficios de afiador con pezas de Florencio de Arboiro, ferramentas relacionadas co traballo do cereal, unha mostra da vida tradicional galega en comunidade cedida polo Museo do Pobo Galego, información sobre as razas autóctonas galegas e unha colección de traxes tradicionais galegos de traballo.
A Mostra estará aberta ata o sábado e nela os artesáns fan demostracións en vivo do seu traballo. É o caso do oleiro de Buño, Fernando Mourón, que espertou gran admiración ó elaborar en cuestión de minutos unha fermosa peza de barro. Tamén Tomás López moldea en vivo a tradicional olaría de Gundivós.

  HEMEROTECA
Síguenos en...
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya