Acisclo Manzano - Escultor

"Noto a falta de Xaime Quessada Porto porque non teño quen me rife"

"Descubrimos xuntos a vida, a democracia e a arte; neso estabamos moi irmandados"

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Acisclo Manzano.
Acisclo Manzano.  Jesús Regal

Naceu en Ourense en 1940. Foi alumno de Asorey e de Liste. Formou parte do grupo dos "Artistiñas", con Xaime Quessada e Xosé Luís de Dios, que descubriron as vangardas en "O Volter" con Vicente Risco. Formou un tándem artístico con Xaime Quessada.

X.M. DEL CAÑO - OURENSE O seu avó, Paulo Manzano, chegou a Ourense como técnico, para montar a central eléctrica do Campo da Feira. O seu pai, Alberto, naceu no País Vasco e incorporouse a esta cidade a unha curta idade, cos seus proxenitores. Traballou en Alfredo Romero. Durante a Guerra Civil, ía vender "Anís Compostela" ó fronte, como viaxante da fábrica "Gómez Martín" de A Ponte. E rematou facendo o edificio máis alto que había daquela na cidade, á entrada da ponte nova, que lle chamaban "O rañaceos".

-A vida do seu pai foi evolucionando.

-Montou un almacén de coloniais en Vigo. Tamén tivo o primeiro bar de tapas, na rúa do Paseo de Ourense. E despois montou, cun irmán, "La casa de las medias".

-¿Onde naceu vostede?

-Nunha casa da rúa da Barreira.

-Son varios irmáns.

-Os meus pais tiveron catro fillos: unha muller e tres homes. Eu son o máis novo.

-Vivían nunha casa con moitos medios.

-Os meus pais defendíanse, pero a cousa foi decaendo.

-¿Como lembra a súa infancia?

-Foi moi bonita. Xogabamos na rúa da Barreira e nas Burgas. Faciamos espadas coa leña que viña para os catro fornos de pan que había onda as Burgas. Frecuentabamos a Barronca. Chegabamos ata o Pozo do Inferno, onde se atopa a Muiñeira, que van a converter en Centro de Recursos Termais. Aprendín a nadar no Barbaña e no Sila, onda O Polvorín. E cando perfeccionabamos a técnica, pasabamos o Miño a nado. Eu nunca cheguei a facelo. Durante a miña infancia, cando pasaba o bispo, deixabamos de xogar para irlle bicar o anelo. Os gardas municipais levábanos a pelota, que nós lle acababamos quitando. Conviviamos cos rapaces do Asilo da Barreira.

-¿Como era o Ourense daquela época?

-A rúa Doutor Fléming non existía, era campo. En Xoán XXIII non vivía ninguén. Alí estaba o campo de fútbol dos Maristas. A rúa Curros Enríquez era campo. O parque de San Lázaro era o campo da feira. Alí estaba a capela de San Lázaro. Eu vivía na rúa da Barreira, como xa comentei, e Xaime Quessada residía na rúa Lamas Carvajal, que era unha zona de señoritos. Os da rúa Colón e da Liberdade tamén eran inimigos nosos.

-¿Vostede nunca chegou a pelexar con Xaime Quessada, na infancia?

-Non sei se cheguei a loitar con Quessada, pero pelexabamos a pedrada limpa cos de Juan de Austria. Nós cando tiñamos unha batalla forte, levabamos de mercenarios ós rapaces do asilo. A eles non lle importaba abrirlle a cabeza a calquera, porque eran do campo; viñan fortes.

-¿Por que colexios pasou vostede?

-Estiven de párvulo na Graduada, fronte ó Xardín do Posío, nas monxas de Santo Domingo, con Sor Sabina, no Luís Vives e en Salesianos.

- Vostede comezou coa escultura dun xeito casual.

-Ós doce anos, cando ía empezar a traballar nunha xoiería, enfermei do pulmón e ingresáronme no Sanatorio de Piñor. Estiven alí catro meses. A primeira aproximación que realicei á escultura foi facer portarretratos con caixas de puros, coma os demais enfermos. Cando me deron de alta, ingresei no Doce de Outubro, onde empecei a tallar. E rematei traballando nun taller de mobles, na rúa dos Baños. Incorporeime a Sindicatos. Fun traballar como tallista cunha beca a Celanova. E máis tarde despraceime con outra a Compostela, onde traballei no taller de Liste. Fun modelar á Escola Mestre Mateo.

-¿En que data fixo a primeira exposición?

-En 1960, no Liceo. Despois coñecín a Xaime Quessada.

-¿Cales foron os primeiros contactos que tivo vostede co mundo artístico de Ourense?

-Coñecín a Virxilio e a Arturo Baltar na Escola de Artes e Oficios. Tiñamos a Faílde de profesor. Despois da primeira exposición, entrei en contacto con Vicente Risco, Manuel Prego e Conde Corbal.

-A taberna do Tucho era o punto de encontro.

-Iamos tomar o viño todos os días alí, con Don Vicente. Tamén aparecía Ferro Couselo. Puxémoslle o nome "O Volter", porque Risco dixo: "Iste bar lémbrame O Voltaire de Zurich". Fixémoslle unha homenaxe a Vicente Risco e inaugurouno Otero Pedrayo. Era un niño de inquedanzas e de aperturismo. Todo o mundo que viña a Ourense tiña que pasar por "O Volter".

-Vostede formaba un tándem artístico con Xaime Quessada ¿A vida sen Xaime non é o mesmo?

-Eramos máis que amigos. Noto a falta del, porque non teño quen me rife.

-¿Cales foron os mellores momentos que viviu con el?

-Descubrimos xuntos a vida, a democracia e a arte. Neso estabamos moi irmandados.

-Compartiron éxitos en distintos países do mundo.

-En Lisboa, México, Estados Unidos..., e fixemos unha peza xuntos dedicada á memoria da República en Xixón.

-Tamén tiveron os seus enfados e as súas pelexas.

-Si, moitas veces. Diciámonos as verdades á cara.

-Pero o sangue non chegaba ó río.

-Non eran discusións. A veces colliamos vacacións e non nos viamos durante unha tempada. Unha delas durou un ano. E foi o peor que puido pasar, porque todo o mundo estaba máis preocupado ca nós.

-¿Como lembra a Xaime?

-Xaime Quessada era unha boa persoa; era a verdade.

-¿Como o cualificaría?, dende o punto de vista artístico.

-A Xaime admirábao como amigo e queríao como artista.

-¿Que tipo de obra está facendo vostede agora?

-Sempre fago figura humana. Jorge Oteiza dixo que eu obrigábao a traballar moito, porque facía xeografía humana.

-¿Que persoas lle axudaron a madurar como escultor?

- Vicente Risco, Xaime Quessada…; sobre todo estar entre artistas e viaxar moito.

-Vostede decantouse pola vangarda.

-Eu partín da vangarda; non podía repetir a obra que facían Faílde e Baltar.

-Comezou coa madeira.

-A miña primeira exposición foi de tallas de madeira, que representaban figuras humanas. Algunhas fíxenas coas vigas do Museo Arqueolóxico que me regalou Ferro Couselo cando se restaurou.

-¿Onde montou o primeiro taller?

-No terceiro piso da casa da miña nai, na rúa Barreira, e despois leveino para a Rampa de Sas.

-¿Como acolleron a súa obra?

- Na primeira exposición, vendéronse bastantes pezas.

-¿Cando se deu conta de que a escultura era o seu camiño?

-Aínda non o sei agora.

-Máis tarde, decantouse polo barro.

-Seguín moito tempo coa madeira, pero agora sinto máis o barro e o bronce. Eu son un escultor atípico; non teño naves nin talleres. Tamén facía deseño de xoias para unha firma catalá. Agora só as preparo por encargo. A pedra non me interesa, non me gusta traballala; cánsame, abúrreme.

-¿En que lugares viviu vostede?

-En Ourense, Santiago e Ibiza.

-Mostrou a súa obra nas principais cidades do Estado.

- Fixen exposicións en Madrid, Barcelona, Ibiza…, ademais de Portugal, México e Estados Unidos.

-¿Como tomou vostede o seu nomeamento, como membro da Real Academia das Artes?

--Penso que debe entenderse coma un recoñecemento ó traballo que fixen durante todos estes anos.

COMPARTIR
 
galería: los secretos que esconde el lérez

  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas