|
|
|
HEMEROTECA » |
|
X.M. DEL CAÑO - OURENSE Naceu o 10 de marzo de 1948 no Carballiño, unha encrucillada de camiños que non dubida en denominar como “un Carrefour do pasado”, onde bulía a vida, ó redor das feiras, dos tratantes, gandeiros, labregos, do comercio local, do contrabando do wolfran e do café portugués, e das pulpeiras. Conviviu durante a súa infancia, neste marco xeográfico, con personaxes tan dispares, politicamente, coma o ex parlamentario Aurelio Miras Portugal, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, e o presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy.
-Vostede procede dunha familia de gandeiros e comerciantes.
-Da familia dos Reque, ben coñecidos nese mundo da feira de Ribadavia a Melide ou a Terra de Montes. Meus pais tiñan un comercio no centro da vila. O meu pai, Felipe-Luis López López, sendo concelleiro do Carballiño,nos anos 60, con Román Álvarez Godás, Ramón Valeiras e Carballido, ideou e creou a Feira do Pulpo, en competencia coa Feira do Viño de Ribadavia. Esa é a razón pola que confeccionou os carteis do evento, dende aquel inicio no 64 ata o seu pasamento no 97. Por teimosía dos alcaldes, ata hoxe, e pese ao meu desexo, aínda sigo sendo eu o que continúa esa tradición, de facer os carteis dende unha óptica popular e tradicional ourensá. Non esquezamos que a primeira Festa do Polbo, marca un fito arredor da que nacen e se espallan moitas outras festas gastronómicas que anovan tradicións e romeiras galegas. Á miña nai, María Asunción Gómez Muñoz, chamábanlle dende pequena e pola súa persistente simpatía “A Muñeca”. Así quedou e se puxo na súa campa.
-¿Como era o Carballiño da súa infancia?
-Era unha vila que arrecendía a chocolate e a rosquillas de Ribadavia. Tiña moita importancia o Entroido, que minguou co paso do tempo. Unha tribo solidaria, que arredor do párroco don Evaristo fomos capaces de construír unha catedral galega, deseñada polo arquitecto Antonio Palacios, co esforzo do construtor Adolfo Otero, dos seus fillos e humildes canteiros, que preferiron iso á emigración.
-¿Onde vivían?
-Na casa Cortés, na rúa Maior do Carballiño. A familia de Mariano Rajoy vivía no piso de abaixo. Nós viviamos no de arriba. E xogabamos de nenos, a mediados dos cincuenta. El tiña sete anos e eu tiña cinco.
-Daquela, ¿Mariano Rajoy era apoucado ou traste?
-Pertencía a unha familia moi respectada, moi aberta ó pobo e moi querida no Carballiño. Era fillo do xuíz. Cando marcharon para Oviedo, Mariano mandoume unha tarxeta, dicindo que alí había unha osa na Alameda que lle chamaban a Osa Petra. E sempre seguiu habendo esa amizade, respectuosa, distanciada e silenciada.
-Tiveron moitas vivencias en común.
- Ao neno Mariano Rajoy gustáballe moito o chicolate de Matías López, os cromos de Diego Valor e o salchichón que lle daban meus pais. Asistiu á miña primeira comuñón, e os seus país regaláronme a primeira pluma estilográfica, unha “Inoxcrom”, e contos cos debuxos de Walt Disney que conservo, entre moitas outras lembranzas dunha xente amable, con esa fidalguía de xuíz e compostelán que deixou fonda pegada naquel Carballiño do Cabo Gil e do párroco don Evaristo.
-¿Algunha anécdota?
-En Mariano sigue habendo aquel neno educado, teimudo, prendida aínda esa especie de arrastre da zeta.
-Co paso do tempo, vostede fíxose nacionalista e el conservador.
-Mariano Rajoy, pola súa historia familiar e a súa traxectoria, puido saír calquera cousa. Foi un rapaz ben criado, coido que sen demasiada base popular. Eu son de onde son, galego de principio a fin, humanista, antiglobalización, polo tanto antiimperialista e nacionalista aberto ao mundo dende as teorías de Castelao.
- Ourense foi a seguinte cidade da súa vida.
-Ourense escríbese con “O” maiúscula, que é o “O” de Otero Pedrayo, unha roda de afiar, unha coroa, nimbo e algo dourado que te prende. É o Ourense de “O Volter”. Eu non comprendo como se vendeu esa casa sen que se fixera nada alí, do mesmo xeito que se vendeu a casa de Otero Pedrayo e de Vicente Risco sen que houbera un movemento que reivindicara a creación dun museo. Eu vexo hoxe aquela nosa Auria, a dos “Artistiñas”, a do paso pousón de Otero guiado polo temido e respectado profesor Ogando, bastante empobrecida. Nas últimas datas, para min tiña moita importancia Xaime Quessada; significaba mesmo Ourense, a súa ledicia, a cor, os trasnos, as néboas, as raxeiras, os magostos, o Entroido, a música... E séguena tendo na actualidade, Virxilio, Arturo Baltar, Acisclo, Buciños... Ourense gozou dun gran esplendor literario coa Xeración Nós, espallado na longa noite de pedra daqueles anos sesenta polo esforzo dinamizador de Nemesio Barxa, na Asociación Cultural Auriense, rebeldes anos de Augusto Valencia, Perianes..., para prender o exemplo en autores novos, coma o meu colega de pupitre no instituto Anselmo López Carrera ou o querido amigo Marcos Valcárcel.
-Ve a cidade de Ourense dun xeito pesimista.
-Estase perdendo moito material, pérdense moitas pezas, pegadas da historia, mudan as tradicións, convén retomar os principios de Xocas, recollelo todo e temos mellores técnicas para facelo. Otero Pedrayo, Xaime Quessada e os “artistiñas”, Blanco Amor, Xocas..., merecerían máis atención na cidade.
-Esa é unha eiva ou unha derrota importante para Ourense.
-Ourense non reafirmará a súa identidade mentres non dispoña dun museo ou dunhas instalacións amplas e ben atendidas, dende os comezos da museoloxía contemporánea, para poder educar sobre a historia recente da Xeración Nós e dos artistiñas. Os artistiñas estaban vinculados ó Eironciño do Cid: O Volter. Ourense é un gran escenario da súa mesma historia. Hai libros sobre o tema, compre agora respectar o legado do patrimonio moble, inmoble e ideolóxico, denantes de que pase a outro tipo de negocios.
-O baleiro existente é un disparate, dende o punto de vista do patrimonio cultural, pero tamén o é no campo dos recursos turísticos que intentan explotar as institucións locais.
-Non entender isto é non entrar a contemporaneidade. Eu estou asistindo aquí na Coruña á perda do legado dunha figura histórica importantísima, con murais de Xaime Quessada, que formaban parte do ballet galego Rei de Viana, creado por outro ilustre ourensá. Pero como viña de antes, doutras políticas, déixase perder. Lamentablemente, non hai interese en rescatar todo iso. Máis ben hai interese en deixalo perder.
-As familias de Xaime Quessada, Manuel Prego de Oliver e de Antonio Faílde ofrecen obra para crear museos sobre os referidos artistas.
-O Museo de Rei de Viana debería formar parte dese conxunto. Que non se estea facendo, demostra que non hai sensibilidade. Ourense debe dedicarlle un museo a Rei de Viana, por canto ten feito en momentos duros, recreando e dignificando tradicións empobrecidas e esperpentizadas..., sen esquecer o seu famoso “berro”: cando nunha xuntanza de próceres da cultura en Padrón, propuxo como prioridade mercar a casa de Rosalía, “unha vergoña para os que se poñen medallas no seu nome”. Aquel rico patrimonio, que emocionou á emigración, laudado por Otero Pedrayo, Seoane..., está almacenado entre a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
-Dende o seu punto de vista, ¿cal foi a achega fundamental que fixo?
-Rei de Viana iluminou momentos da longa noite de pedra, sobre os escenarios, tanto nas músicas como nas coreografías. Demostrou que se podía bailar con zocas, podíase bailar con coroza e cambiar aquel roxo e negro do traxe das decadencias en máis coloridos e beleza. Quen non saiba ver isto, está cego. Non ten sentido que se deixe comer este material pola couza, como está pasando na actualidade.
-Trataron de levalo á vía morta, dende o eido institucional, nos últimos anos da súa vida.
-Curiosamente fíxose dende políticas que se autocualificaban de esquerdas e progresistas.
-¿Cales son as claves para conseguir os fondos para crear o museo?
- Conservan o seu material a Deputación da Coruña, a Xunta e a viúva do bailarín, Vitoria Canedo.
-Máis tarde, vostede trasladouse a estudar a Compostela.
-Era o Santiago do 68 e 69. Había unha catedral cultural ambulante, que ía e viña de Ourense a Compostela no Castromil e coa que coincidía a veces: era Otero Pedrayo. Convidado ceei con el en varias ocasións no Hotel Compostela. Un Otero Pedrayo que presentaba a Xosé Manuel Beiras e dicía del que fora o neno e a esperanza que tivera no colo. Esas cousas prenden nun. Non pasei nunca pola mesa camilla de Ramón Piñeiro, pese a ser convidado. Sempre entendín que a andar apréndese, andando polos espazos do común, e niso da sensibilización a pé de obra sigo, como aquel don Evaristo do Carballiño. Non me gustaría ser dunha xeración de cultura de andel, de Día das Letras Galegas, de Día da Patria Galega, senón da cultura do común, do cotián e da normalidade. Algúns coidan que a cultura galega pasa por ser un parnaso de clásicos universais, no que todos queren entrar; pola contra outros, como contrapunto, decántanse pola tonechización ou as ardebuias de Luar, o esperpento co que acaba asociándose o idioma, as palabras..., para degradalo. Moito terían que dicir os psicólogos sociais deste fenómeno, a “anomia”, efectos da crise de identidade... Entre a excesiva politización, o culturalismo e a degradación, os tópicos e esperpentos, Galicia resulta un país anormal. A normalidade criaría líderes.
-Durante a súa etapa universitaria, estivo no colexio maior San Clemente.
-Era un colexio maior privilexiado, un neopazo, na cidade universitaria, co seu balcón mirando á Ferradura e ás torres composteláns. Eses espazos marcan personalidade. Estou convencido de que se algo de poeta teño, é por esas vivencias e por Ourense.
-Estudia Historia da Arte en Santiago.
-Santiago era o sitio onde acudía a dar as conferencias Ramón Otero Pedrayo. Naquel momento florecía María Víctoria Fernández España, unha personalidade que logo nos defraudou e que Otero vía coma unha nova Rosalía. Xosé Manuel Beiras era toda unha promesa de futuro. E “O Galo” era unha asociación cultural modélica, referente como “Auriense”.
-Vostede tivo moita vinculación con Chamoso Lamas.
-Chamoso Lamas foi unha personalidade inmensa da arqueoloxía e da historia da arte no século XX. De vivir neste 2009, cumpriría un século de vida. Escavou na catedral de Santiago e en outros moitos sitios. Naquel momento era comisario de patrimonio cultural, representante de Belas Artes. Por ser do Carballiño, ofrecinme e fun con el, de supervisor, ás escavacións do castro de Viladonga, en terras de Lugo, onde se estaba facendo un museo. Iso abriume portas ás prácticas de museoloxía no Museo das Peregrinacións e no Museo do Ribeiro, que estaban en formación en Ribadavia. Co paso do tempo, comprobei como se perdía a súa filosofía, que era máis moderna ca que temos hoxe, referente os ecomuseos ou museos de sitio, centros de visitantes…, relación da paisaxe e a paisanaxe, sensibilidade... A tarefa que desempeñei neses museos foi fundamental para que rematara traballando como conservador do Museo de San Antón, o Museo Arqueolóxico da Coruña, do que logo fun director durante 22 anos, ata 1996.
-¿Como definiría vostede o Museo de San Antón da Coruña?
-O Museo de San Antón é un cofre de pedra, xoia arquitectónica, cheo de valiosos achados, que ademais tivo un papel fundamental na defensa da cidade como baluarte. Viu levar áncoras e arribar viaxeiros; viu entrar piratas… Tamén simboliza a historia dos camiños que se abren ó mar. Eu tiven a sorte de colaborar no rescate da cunca de ouro de Leiro, de Rianxo, e dos torques de ouro de Xanceda..., en grandes e pequenos legados. Salvouse un edificio singular, formáronse as coleccións, maduramos na arqueoloxía e na museoloxía, sensibilizouse á xente nas relacións con canto significa o patrimonio cultural.
-Rematou cambiando de destino.
-Ante a política de Paco Vázquez, que estaba multiplicando os seus xoguetes e a parafernalia infantil, coa Casa da Ciencia, a Domus, a Casa dos Peixes, tranvías..., deixando extraviada a historia da cidade, que é a historia do Castro de Elviña, da Torre de Hércules e do propio Museo Arqueolóxico, que foi creado en 1968, de María Pita, Picasso, Madariaga e Pardo Bazán..., optei por pedir a excedencia, para incorporarme á Deputación.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||