Manuel Buciños - Escultor

"Negueime a facer o coche do Rallye, que me parece un horror"

"Esa escultura é unha vergoña para a cidade; é unha falla que había que colocar en Valencia"

 01:19  
Manuel Buciños cunha das súas obras. // Jesús Regal
Manuel Buciños cunha das súas obras. // Jesús Regal 

X.M. DEL CAÑO - OURENSE Pouco a pouco, as prazas, xardíns rotondas e rúas das principais cidades galegas vanse enchendo de esculturas. A pesares do elevado volume económico que representan estas prácticas, case nunca se sacan a concurso público. Os alcaldes e grupos de goberno municipais, exercen de expertos de arte, mecenas ou xuíces, para decidir as pezas e os autores elixidos. Manuel Buciños, un dos artistas maiores do país, mostra a súa discrepancia, ó estar a favor de que as adxudicacións se fagan “mediante concursos públicos”.

- Vostede fai poucas exposicións, coma que ofrece agora no Centro Cultural da Deputación.

- Porque non consigo xuntar obra. Teño moitos encargos, e hai cousas que rexeito.

- Diga unha das que se negou a facer.

- Negueime a facer o coche dedicado ó rallye, que me parece un horror. A persoa que mo encargou, tiña a idea clara e quería que fose iso: un coche realista, con dous tíos sentados no faro. A min hoxe non me poden obrigar a facer iso, porque me vou defendendo.

- Moita xente que visita Ourense, fotográfase diante desa escultura.

- Esa escultura é unha vergoña para a cidade; é unha falla, que había que colocar en Valencia. Eu lévome ben con Ramón Conde, pero iso non é nada. Esa peza é a vergoña dun escultor. Eu tiña unha conta no Banco Pastor, e cambieina por non pasar por alí.

- ¿Gústanlle máis as gordas de Ramón Conde?

- As gordas son outra cousa, por deus, están moito mellor.

- Tampouco está de acordo coa colocación da escultura dos Ramóns: Ramón Cabanillas e Ramón del Valle Inclán.

- Non é que esa escultura estea mal; está fóra de sitio. E tamén está fora de sitio a do coche, pero esa era mellor que a levaran a un recanto onde non se vira moito.

- Ourense fixo grandes achegas, no campo da escultura.

- Faílde tiña un oficio marabilloso, que entronca coa tradición da escultura galega. No ámbito galego, o Mestre Mateo é o máximo do Románico. E Asorey foi un gran escultor. Ten pezas marabillosas. O busto de Curros Enríquez de Celanova ten unha forza tremenda. En cambio no monumento que hai diante da Subdelegación do Goberno, fixo un anxo como puido.

- ¿Móstrase partidario de retirar ese monumento?

- Eu creo que aí non pinta nada. Pero para quitar esa escultura, había que retirar antes outras.

- ¿Cales son as esculturas do feísmo en Ourense?

- Hai moitas. As cousas que están fora de lugar, aínda que sexan boas, contribúen ó feísmo. Eu sacaría o coche que está onda a Subdelegación do Goberno, a que tiñan onda a Ponte Vella, diante dos Salesianos, e as esculturas que colocaron nas rotondas da Ponte do Milenio.

- ¿Os políticos fallan nalgunhas ocasións, cando se poñen a xestionar a arte?

- As esculturas deben adxudicarse por concurso público.

- ¿Ese é un problema que se dá en toda Galicia ou só en Ourense?

- En toda Galicia. Eu hai moito tempo que non vou ós concursos, porque non os convocan.

-¿Vostede tardou moito tempo en lograr un recoñecemento sólido en Ourense, dende que chegou de Madrid?

- Eu sentinme sempre moi querido en Ourense, pero de quen vivín realmente foi de Vigo. Todos os artistas deste país temos que darlle as grazas a Caixavigo. Cando ninguén mercaba nada en Galicia, Caixavigo, que tiña dúas salas, invitábate a que expuxeras, facíache o catálogo e mercábache unha peza. Pero ademais houbo unha época, nos anos 74, 75 e 76, durante a que todo o mundo que ía a Vigo esgotaba a obra. Vigo foi a cidade onde máis exposicións fixen e onde máis vendín.

-¿Cantas pezas súas ten Caixanova?

- Trinta esculturas.

- ¿Cantas obras vendeu en Vigo?

- De 200 a 300.

- ¿Como lle vai na Coruña e en Santiago?

- Cando expuxen alí, foime moi ben. Hai moito tempo que non vou. Eu expoño moi pouco.

- ¿Véndeo case todo na casa?

- Non dou xuntado obra. Teño moitos encargos.

- Nun momento determinado, houbo escultores que se moveron ben e foron colocando pezas pola meirande parte das cidades galegas, por afinidades persoais ou políticas. En cambio vostede non puxo todas as que merece.

- Eu nunca fun ofrecer obra ós despachos dos políticos. Todas as que teño por aí, foi porque me chamaron.

- En Ourense ten bastante obra.

- Teño a de Castelao, na praza da Imprenta, a de Alexandre Bóveda, na rúa da Barreira; Otero Pedrayo e Rei de Viana.

- ¿E nas demais cidades galegas?

- En Vigo teño esculturas que reproducen, a tamaño superior ó natural, as figuras de Otero Pedrayo, Valle Inclán, Saramago e Álvaro Cunqueiro. No xardín do hospital da Gran Vía hai unha maternidade da miña autoría. En Pontevedra coloquei a figura de Castelao; en Marín, un monumento ó mar, que reproduce a imaxe dunha peixeira e un pescador; nas Pontes, unha escultura do fundador da Estrella de Galicia; en Cabreiroá (Verín), Ramón y Cajal; en Rianxo, A Peixeira; en Mondariz, un monumento á auga, formado por oito rapaces collendo unhas pombas, das que saen uns chorros de auga que forman unha cúpula; na Castellana de Madrid teño o monumento ó libro: un rapaz e unha rapaza lendo un exemplar, fronte á Biblioteca Nacional. Roubaron o monumento ó emigrante que tiña na Lama. Levaron a figura da muller, que pesa 250 quilos. Tiveron que utilizar unha serra para cortala e unha grúa para levantala.

- Iso acaba aparecendo.

- A min chamoume a Garda Civil, para comunicarme que a levaran, e non souben máis nada.

- A súa casa do Pino ten terreo de abondo.

- Uns 5.000 metros, nos que se poden ver un monumento ó viño, con tres rapaces en círculo, ó lado dunhas parras con uvas, en bronce; unha maternidade grande, cun neno arriba, como homenaxe á vida; outra maternidade, coa nai de pedra e o neno de bronce; unha fonte, consistente nun neno cunha concha que bota auga; un nu e catro farois, de pedra e bronce, para iluminar.

- Todo combinado con árbores.

- Aquí hai unhas catrocentas camelias, nespereiras, cerdeiras, carballos e magnolios.

- ¿Este é o seu paraíso?

- Si.

- ¿Quen lle deseñou a casa?

- Fonseca Moretón. Ten o estudio abaixo, moi cómodo, e arriba a vivenda. Estou moi contento nesta casa, na que hai moita luz, ó contar con fiestras xigantescas.

- ¿Pensa montar aquí o forno?

- Sigo tendo o forno na Barrela, porque é unha cousa bastante sucia, moi complicada. Cando teño que fundir, vou para alí unha semana e traio as pezas en anacos. Fago as obras por partes, porque máis dun metro non se pode fundir. Despois hai que soldar.

- Ourense foi a capital cultural de Galicia coa Xeración Nós.

- Foi un movemento dunha importancia, que seguramente non se dará nunca máis na historia, impulsado por Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas…

-Vostede, como artista, séntese debedor de todo iso.

-A Xeración Nós deixou un rescaldo aí que permanece; quedará para sempre.

- ¿Ourense é a capital das artes e das letras de Galicia?

- Eu penso que si, sen dúbida algunha. José Ángel Valente é un fenómeno. Ten unha grande transcendencia internacional como poeta.

-¿Qué lembranzas ten vostede de Eduardo Blanco Amor?

- Cando volveu de América, a pesar de que era un personaxe moi coñecido, viña con pouco diñeiro e tivemos que botarlle unha man todos os amigos. Comía moito na miña casa. Cando tiña que ir a algún sitio de viaxe, eu brindábame a levalo. E aportamos obras moitos artistas para que sacara fondos, cunha exposición que se fixo en Caixavigo. Case esgotou as pezas.

- ¿Tivo momentos difíciles?

-Pasouno mal. Que un home da súa talla, tivera que estar esperando que o invitaras a comer, ós 65 anos, é unha cousa tremenda.

-¿Como era Blanco Amor?

-Era un home moi tenro, moi boa persoa, respectuoso e tiña un chisquiño de mala uva.

- Tiña o seu orgullo.

- Eu chamáballe “Camelo”, porque tiña esa cousa de ir mirando para diante coma os camelos.

- Tratou a Celso Emilio.

-Era encantador. Viña comer á casa, coa súa muller, Moraima.

  HEMEROTECA
Síguenos en...
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »




Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »




Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya