Son múltiples as ocasións en que o subsolo agocha auténticos tesouros da nosa arte, que repudiados e desprezados no seu día volven ver a luz para gozar eternamente do fascinio e marabilla que a terra lle negou.

É o caso de fragmentos vencellados á catedral auriense, que foron empregados como entullos e materiais de recheo, e que de maneira progresiva van aparecendo en diferentes localizacións.

Esta peza vivíu anos de gloria como parte do paramento de peche do coro medieval da catedral auriense, pero coa modificación desta parte do edificio, por o século XVI, unha parte dos materiais decorativos desta zona foron descontextualizados e abandoados á súa sorte.

Foi o caso deste fragmento de granito, que vivíu o seu "rexurdimento" persoal cando José González Paz, amante da arqueoloxía e da arte, a atopou e doou ó Museo Arqueolóxico, onde este mes lle rinden homenaxe.

Aínda que non se dispón de información complementaria sobre esta peza do século XIII, estímase que efectivamente formou parte do coro primitivo pola súa similitude con outras pezas desta parte.

Certamente as referencias a ese vello coro son escasas e fragmentarias, xa que só un documento dun coengo deita algo de luz sobre a súa forma e función.

En canto á posible disposición e peche do antigo coro, Sánchez Arteaga fai unha serie de achegas das que se deduce que a maior parte dos elementos de peche do coro gótico foron reutilizados ou conservados ó construirse o novo coro, e que se mantiveron no seu lugar ata o momento en que se levaron a cabo as obras para a súa eliminación. Así, parece claro que coas transformacións de finais do s. XVI os restos decorativos foron divididos e correron dúas sortes diferentes.

Seguindo a Sánchez Arteaga, uns foron mantidos como friso homoxéneo no paramento pétreo do novo coro, e outras pezas foron desbotadas na reforma, co cal poderían ter sido espalladas como material de construción por diferentes localizacións, tanto da catedral coma noutros espazos menos relacionados con ela, como é o caso de pezas irmás desta que se presenta.

Dous fragmentos vencellados formalmente con este foron localizados no ano 1982 baixo as lousas de pedra nos baixos do edificio nº 6 da rúa Lepanto, cando estaban levándose a cabo as obras para convertelo en Museo Municipal. Outro resto vencellable apareceu como basamento dun muro de coios, en Ramón Cabanillas.