ALBA CHAO - OURENSE
A memoria de Xosé Carlos Gómez Alfaro, gran manexador das palabras e dos sentimentos, como o describe Luís González Tosar, presidente da asociación Pen de escritores galegos, foi recordada na aldea de As Chabolas, onde naceu no 1949, por familiares, amigos e veciños. Este poeta, que, como el mesmo recoñecía na súa autobiografía, tivo a O Ribeiro omnipresente e que medrou sabendo de sulfataduras, podas e rodrigas, "deixounos, pero non para sempre", segundo Xesús Alonso Montero o Día das Letras Galegas de 2008.
Dende a asociación Pen, do que era membro, viron imprescindible unha homenaxe como a do día de onte, que constou de dúas partes. Na primeira delas, Alonso Montero encargouse de facer unha semblanza do poeta, na que recoñeceu que "sempre pensei que sería Gómez Alfaro quen me prepararía a min un soneto para una homenaxe póstuma".
Antes de que as notas de "Negra sombra" fixeran aínda máis emotivo o encontro e se descubrise a placa conmemorativa, a muller de Gómez Alfaro recordou que un recoñecemento deste tipo só se podía facer cando o cheiro do mosto invade todo o aire. "Pois agora cheira a mosto e a túa poesía no teu Ribeiro", declarou Rosa Berta cun ton nostálxico ao recordar tamén a súa época de noivos e todas as cousas vividas.
Tampouco faltou o seu fillo, Daniel Gómez. Agradecido polo recoñecemento ao seu pai, volvía a lembrar a ausencia dun home que define como xeneroso, aberto e voluntarioso, que sempre lle brindou o seu apoio. O mesmo tempo asegurou que el é máis partidario dos recoñecementos en vida, e sen ocultar a ledicia do fillo orgulloso non puido negar que o que verdadeiramente desexarían e que "estivese aquí".
Os pais do homenaxeado eran, se cadra, dos máis emocionados. Daniel explica que o seu avó "é moi sensible, meu pai era o seu único fillo, pero ambos están moi agradecidos e felices". O broche para o primeiro tramo da homenaxe só puido ser o "Queixumes dos pinos".