Luís García Mañá - Xefe superior de Policía, Comisario Principal de Galicia e escritor
X.M. DEL CAÑO - OURENSE
Naceu nun edificio da rúa Progreso de Ourense, pero moi axiña a familia foi vivir a unha casa, xa desaparecida, da rúa Santo Domingo. O seu pai, Manuel, era un fabricante de coitelos que procedía de Taramundi (Asturias) -zona á que o autor cualifica como “a Galicia irredenta”- e a súa nai, Aurora, unha ama de casa natural de Randín.
- Pode lembrar algunha imaxe da súa infancia.
- Trasladámonos moi axiña ó Xardín, para vivir na rúa Marcelo Macías. A miña infancia foi moito de estar na rúa. Pasaba os veráns en Taramundi e Randín.
- Fale da etapa de estudios.
- O desaparecido Cronista Oficial de Ourense, Alfredo Cid Rumbao, foi un dos meus profesores. Facíanos ler O Quixote ós nenos, constantemente, a partir dos oito anos. Coido que iso foi algo que axudou a que me decantara pola escritura.
- Espertou a súa sensibilidade literaria.
- Tamén foi determinante que na miña casa se cultivara sempre a tradición oral, tanto pola vía materna como pola paterna. Dese xeito coñecín O Couto Mixto na miña nenez, por medio das historias que contaba a xente, e redescubrino máis tarde estudando Dereito Internacional Público, dende un punto de vista científico.
- ¿Como lle contaron a historia a vostede de pequeno?
- A versión popular non ten nada que ver coa real. A xente asociaba os privilexios que tiña o Couto Mixto coas dores de parto que sufrira unha raíña no medio da invernía e da neve, nos altos da Serra de Pena -nome tamén dunha aldea desaparecida-, cando chegou á zona, perseguida polos seus inimigos. Segundo a lenda, os veciños acolleron á nai e ó neno que acabara de nacer, cousa que a soberana compensou máis tarde coa concesión dos privilexios que tivo O Couto Mixto.
- A versión popular contrasta coa histórica.
- A realidade é que O Couto Mixto, no nacemento de Portugal, a mediados do século XII, quedou a cabalo do Reino de Castela-León e do reino de Portugal, nun lugar de penichaira que supera os 800 metros de altura. Tratábase dun territorio que quedara sen delimitar, por ser terras bravas de montaña. Abandonaron ós veciños á súa sorte, ata que xurdiron uns conflitos, que aproveitaron os residentes para poñerse de parte de determinados señoríos de Bragança e Monterrei, co que lograron unha serie de vantaxes.
- ¿Algunha anécdota de infancia?
- Fun un neno traste. Andaba detrás dos animais, facéndolle todo tipo de trasnadas. Era tan traste que, nalgunha ocasión, os meus pais chegaron a atarme na aldea para que non fuxira. Marchara máis dunha vez polos tellados, poñendo en risco a miña vida. Durante esas aventuras, chegou a atropelarme un coche. E na etapa escolar pelexábame a miúdo coas monxas de Santo Domingo.
- ¿Cales foron os centros de estudos polos que pasou?
- Cursei estudios no colexio das monxas de Santo Domingo, na Anexa, no Cisneros e fichen o bacharelato no instituto Otero Pedrayo e no da Ponte. Ós 18 años ingresei na Policía. Fixen a carreira de Dereito na Universidade Complutense de Madrid e tamén pasei pola Uned.
- ¿Cal foi o primeiro destino profesional que tivo?
- Cando ingresei na Policía, tiven a sorte de que me elixiran para o Gabinete Central de Identificación, chamado na actualidade o CSI. Máis tarde vin para Ourense e casei con Pilar.
- E tivo un ascenso.
- Fun comisario do distrito Salamanca de Madrid, que daquela chamábase Buenavista. Exercín trece anos como comisario xefe de Vigo. Durante 18 meses fun comisario provincial de Ourense, dende 2003 a medidos de 2004. En xullo dese ano fun nomeado xefe superior de Policía de Galicia.
- De los corregidores a los gobernadores civiles de Ourense tivo moi boa acollida, porque recolle parte da historia da provincia.
- En 1906 houbo un incendio no edificio da Deputación de Ourense, onde se atopaba o Goberno Civil, resultando calcinado o arquivo. Só quedara un libro de gobernadores, que daba conta dos que houbera dende 1906 ós anos oitenta, cando eu preparei o novo volume. Mariano Sanz Pech pediume que intentara recuperar o nome dos gobernadores civís anteriores.
- O nome do cargo foi cambiando ó longo da historia.
- O primeiro, que naceu coa Constitución de Cádiz, chamouse “xefe superior da provincia”. Non chegou a nomearse. No trienio constitucional, de 1820 a 1823, designaron o primeiro “xefe político”. Despois, ó recuperar a figura do antigo réxime, viñeron “os corrixidores”. Javier de Burgos decidiu en 1834 a repartición de España en provincias, tal como se mantén na actualidade, como ministro máis relevante do goberno, en tempos da Raíña Rexente, e puxo ó fronte de cada provincia a un gobernador, baixo o nome de “subdelegado principal de Fomento”. Máis tarde chamouse “gobernador de provincia”, durante un breve tempo recuperaron o nome de “xefe político”, para chamarse posteriormente “gobernador civil”. Durante a época de Franco chegou a chamarse “gobernador civil” e “xefe provincial do Movemento”, expresión que se suprimiu ó aprobarse a Constitución, e deu paso ós “gobernadores civís”. Na actualidade chámase subdelegado do Goberno.
- O poder que exerceron foi moi dispar.
- A concentración de poder é máis forte, canto máis atrás nos imos. Chegaron a ser presidentes natos da Deputación e dos concellos, polo que nomeaban alcaldes.
- Este libro merece unha actualización.
- Posiblemente a faga cando remate a miña actividade profesional. Queda pouco tempo. Eu teño neste momento 58 anos e podo continuar como Comisario Principal, como moito, ata os 64 anos.
- Dentro da colección do Boletín Auriense, publicouse o volume La frontera hispano-lusa en la provincia de Ourense.
- É un estudio dos 225 quilómetros de fronteira que ten a provincia con Portugal. Na segunda parte do libro aparece un breve estudio sobre O Couto Mixto. Describe dende a desembocadura do río Troncoso, no Miño, onde se atopa o fito número un, ata o 349, de O Penedo dos Tres Reinos, que marcaba no Medioevo o punto de encontro dos reinos de Galicia, Castela-León e Portugal. Galicia como reino é anterior ó concepto España.
-¿Como describiría vostede a raía?
- A raia ourensá é das máis fermosas que se poden atopar: mostra unha gran diversidade ó pasar por ríos, montañas, serras e vales. Comeza no río Troncoso -afluente do Miño-, sube ós piricoutos das montañas, á altura de Melgaço, baixa ó val do río Limia, métese pola Magdalena, sube a Portela de Home, ó Xurés, baixa as chairas do río Salas en Randín, sube polas Serras do Pisco e Pena, sigue por un macizo de cara a Baltar, pasa por Cualedro e a Xironda para chegar a Verín, onde se atopa o río Támega. Aproveita o val, onde hai pasos coma o de Feces. Sube a Manzalvos e á Mezquita. Remata no Penedo dos Tres Reinos.
- Fixo outro traballo sobre a fronteira.
- Completeino con outro libro que se titula Miño: ¿existiu unha fronteira?. Animoume a publicalo Carlos Casares. A fronteira do Miño existiu, pero o curso fluvial foi unha “fronteira de encontro” que contaba con moita permeabilidade. O primeiro libro estuda a fronteira da raia seca e o segundo a fronteira da raía húmida, co que se completa a totalidade da fronteira de Galicia con Portugal. A raia seca de Ourense con Portugal ten 225 quilómetros e a do Miño, de Pontevedra co país luso, só suma 75 quilómetros.
- Couto Mixto: unha república esquecida foi dos libros de non ficción máis vendidos de Galicia.
- Conta con dúas versións. A primeira editouna a Universidade de Vigo. A segunda incorporou imaxes fermosísimas do territorio descrito, da autoría de Xurxo Lobato.
- ¿Que é o Couto Mixto?
- O Couto Mixto, como territorio independente de España e Portugal, foi a “Andorra galega”.
- ¿Cal é a razón de fondo pola que adquiriu privilexios o Couto Mixto?
- O Couto Mixto puido nacer incluso antes ca Portugal, como lugar onde os reos da xustiza e as súas familias colonizaban unha zona, de forma conxunta con xente nativa, polo que redimían as penas repoboando unha área xeográfica.
- ¿Durante que período mantivo a independencia?
- Dende antes da creación do Reino de Portugal (en 1143) ata o Tratado de Lindes de Lisboa establecido entre España e Portugal en 1864.
- ¿Como se fixo o reparto?
- O Couto Mixto quedou enteiro en España, salvo unha zona de pastos compartida que pasou a depender de Portugal. Abarca catro pobos: Pena -aldea desaparecida que estaba na cima do monte-, Rubiás e Santiago dos Mixtos, dentro do Concello de Calvos de Randín, e Meaus, no Concello de Baltar. Estiveron a punto de constituír un concello aparte, a pesar de que só ten 2.695 hectáreas de superficie, mantendo unha altitude que oscila entre os 850 a 1.200 metros.
- ¿Que recibiu Portugal como compensación?
- A metade dos pobos promiscuos, Souteliño, Cambedo e Lamadarcos, que están na raia e pertencían ós dous países. O Cardenal Quevedo estivo fuxido en Lamadarcos durante a Invasión Francesa e Cambedo foi bombardeado durante a Guerra Civil española por acoller refuxiados.
- ¿Que privilexios mantiña O Couto Mixto?
- A posibilidade de escoller a nacionalidade ou non facelo, exención de aportar soldados, autogoberno, non participar en plebiscitos de España nin de Portugal, libre comercio, ausencia de impresos oficiais, posesión de armas de caza e defensa sen licenza, o camiño privilexiado, que lle permitía viaxar por terras de Galicia e Portugal, liberdade de cultivos, coma o tabaco, e para acudir a feiras e mercados portuguesas e españolas.
- Vostede é presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto ¿Que fins persigue?
- Ten como obxectivo a recuperación da memoria histórica da zona.
- A meirande parte das súas vendas produciuse no campo da narrativa, como autor de novelas.
- O lume de Santo Antón -publicado tamén en castelán por Alianza co título El fuego de San Antonio- conta a historia dunha serie de mortes violentas que se produciron en toda Galicia a mediados do século XIX, dende 1856 a 1858. O Gobernador Civil da provincia, xunto co bispo, acaban nomeando persoas da súa confianza para aclarar as mortes. Aí aparece un investigador que logo rescatei para dous libros máis.
- E atoparon ó culpable.
- Si, foron mortes por intoxicación pola fame. Comían o pan co caruncho do centeo, que lle producía alucinacións. Había xente que non llo quitaba para conseguir máis fariña.
- As plumas do Moucho é outro dos relatos de maior éxito que escribiu.
- En Vigo había unha colonia alemá importante, que lle deu cobertura a cargos políticos xermanos cando rematou a segunda Guerra Mundial para que fuxiran a América.
- Tamén publicou Menino morreu.
- Menino morreu é a historia novelada do Couto Mixto.
- Aportou textos a outros libros.
- Na colección de libros “Agora e sempre”, da Xunta, aparecen relatos de Cuevillas, Ánxel Fole e outro meu. Falan da maneira que temos os galegos de entender a morte. Colaborei con Xosé Domínguez en O home do unto. Cofano publicou As primeiras boticas de Vigo e a arte do oficio.
- ¿Que traballo trae agora entre mans?
- Estou a punto de rematar un libro que se pode titular O grito do Ipiranga. É unha historia que nace no Brasil, vinculada con Galicia. O grito do Ipiranga é o berro de “independencia ou morte” do primeiro emperador do Brasil.