X.M.C. - OURENSE
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amósase disposto a "camiñar xuntos", entre o Goberno galego, "elixido libremente" polos cidadáns, e "o faro espiritual" que representan os homes e as mulleres "adicados á nobre tarefa da creación e da cultura". Anunciou esta proposta, no acto de entrega do premio "Celanova, Casa dos Poetas" que se celebrou onte en Celanova, concedido pola contribución que fixo a Real Academia "na defensa da lingua".
Núñez Feijóo recoñece que a Real Academia "foi, durante moito tempo, o anticipo da Galicia que queriamos: plural e amigable; punto de encontro de galegos espiritualmente libres, que soñaban cunha automomía que servira para que as mulleres e os homes se realizasen á súa maneira, lonxe de dogmatismos".
O presidente da Xunta sostén que hoxe os galegos "somos o que queremos ser, e somos gobernados como decidimos selo. Somos plenamente libres". Pero recoñece que "sería un erro pensar que a democracia galega non precisa doutros puntos de referencia, fóra de gobernos e parlamentos, como a Real Academia Galega, tan xustamente galardoada aquí, na Celanova que é o Parnaso da nosa terra".
Feijóo admite, ademais, a existencia dun "faro espiritual" en Galicia, que representan os homes e mulleres adicados á nobre tarefa da creación, do pensamento e do aloumiño da nosa cultura". Un faro, sinalou, que "debe estar sempre aceso e que ha seguir alumeando os camiños da recuperación". Lembrou que ese faro "naceu en tempos pouco gratos, como unha illa de liberdade; esa liberdade que fai que tesouros como a lingua sexan de todos e non sirvan a ningún rudo encono".
"Na peregrinación que nos levou da Longa Noite de Pedra a este longo día de luz, a Real Academia e os poetas que hoxe nos acompañan coa súa lembranza, fixeron dos mil ríos do noso país, un gran río chamado Galicia. E engadiu: "A eles débeselle o nacemento do galego, dalgunha muller de Celanova ou dos Peares".
Núñez Feijóo sostén que do mundo que segundo Celso Emilio Ferreiro se chama Celanova, "cómpre pasar a outro que tamén se chame Celanova e abranga ademais a Galicia enteira". E insistiu en que "temos democracia, liberdade, lingua para expresarnos, cultura para facernos sentir no mundo, institucións e academias, levadas por homes con criterio, e temos poetas. Podemos, meus amigos, camiñar xuntos".