EN DIRECTO

Barreiro repróchalle a Feijóo que rompera a "tranquilidade social" en materia lingüística

O presidente da Real Academia Galega advirte de que a institución que representa "non foi quen removeu as augas"

 21:24  
Intervención de Xosé Ramón Barreiro Fernández no salón de actos do claustro barroco do mosteiro de Celanova.  // Jesús Regal
Intervención de Xosé Ramón Barreiro Fernández no salón de actos do claustro barroco do mosteiro de Celanova. // Jesús Regal 

X.M. DEL CAÑO - OURENSE O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, reprochoulle onte en Celanova ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que rompera a "tranquilidade social" en materia lingüística, por rebaixar a utilización do galego no ensino, no acceso á función pública e na promoción comercial. Núñez Feijóo, que non se deu por aludido durante o discurso de peche que pronunciou no acto de entrega do premio da Fundación Curros Enríquez á Academia, declarou a Faro: "Eu comparto a defensa do galego. Ningún presidente da Xunta pode non compartir a defensa e a promoción do idioma propio de Galicia".

Máis alá da polémica, Núñez Feijóo recoñece que a Real Academia "é a memoria do galego, é a memoria do idioma. Sen a Real Academia, o galego non tería a vixencia, o agarimo e a puxanza que tén. Polo tanto, calquera premio que se lle dá á Real Academia, é un premio que se lle dá a Galicia".

Pola súa parte, na súa intervención no acto de entrega do premio que se celebrou onte no salón do claustro barroco do mosteiro de Celanova, Xosé Ramón Barreiro advertiulle ó presidente da Xunta que a Real Academia Galega "non foi quen removeu as augas". Polo tanto, explicou que el non podía "desaproveitar a oportunidade" para deixar claro que a entidade que representa "non pode gardar silencio sempre, nin mirar para outra parte".

Barreiro Fernández recriminoulle ó presidente da Xunta que tomara decisións e fixera decretos que afectan á lingua e ó idioma. "Fixéronse de costas á Real Academia, sen buscar o consenso", tendo en conta que, "por norma, é a responsable do coidado da lingua galega". E recoñeceu que ese tipo de comportamento, por parte do Goberno galego, "xera unha situación de desasosego, de nerviosismo".

O presidente da Real Academia resaltou que o tema lingüístico "parecía definitivamente asentado". Polo que, pese a que dixo que non pretendía dar leccións, lembrou que "a primeira obriga que teñen os poderes públicos é fomentar o sosego, a paz e a tranquilidade social e non crear problemas, sobre estes puntos ou sobre outros". E recoñeceu: "Eu non son quen de dicirlle ó poder público como ten que facer as cousas, pero como representante dunha institución que ten a responsabilidade do idioma, si teño que falar. E comprenderán vostedes que teño que aproveitar os poucos púlpitos que ó presidente da Real Academia Galega agora se lle ofrecen".

Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou que o día 25 de xullo se celebra en Santiago "un acto, que podiamos chamar un rito contaxionista". E engadiu: "Alí van miles de persoas a tocar o Apóstolo, para que lle comunique algo das súas virtudes. Eu veño aquí hoxe a Celanova con ese mesmo obxectivo, para que de Celanova, que aínda conserva a quentura da presenza, da vida, das virtudes do gran poeta Curros Enríquez, se nos comunique algo desas virtudes. E eu, a este santo laico, lle pido que sigamos sendo rebeldes como el foi, que sigamos sendo rebeldes para loitar pola liberdade e pola democracia, e pola cultura galega, unha cultura que sen a lingua é ou aparece desmembrada".

O presidente da Real Academia Galega sostén que "todos os políticos, intelectuais e o pobo, temos a obriga de transmitirlle a nosa cultura íntegra ás novas xeracións, sen minorizala, sen rebaixala, e transmitir unha cultura significa transmitir unha lingua, que é a medula dunha cultura". E aseverou: "Isto é o que lle pido ás autoridades aquí presentes, que non se fagan problemas co idioma".

Despois de agradecer a concesión do premio Celanova Casa dos Poetas á Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro recoñeceu que "se fora prudente, debería rematar aquí", sen facer alusión ó conflicto lingüístico que enfronta á entidade que preside co Executivo galego. E engadiu: "Pero debe ser cos anos, coa vellez, que un se vai facendo un pouco imprudente".

  HEMEROTECA
Síguenos en...
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »




Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »




Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya