X.M. DEL CAÑO - OURENSE
Conta coa medalla de ouro da provincia, a medalla de ouro do Concello de Ourense, a medalla de ouro do Gaiteiro de Soutelo o Premio Manuel Lourenzo do Ferrol, o IAR da Coruña, a medalla de ouro da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e o Pedrón de Ouro (desapareceu a peza, só conservan o diploma). Coral de Ruada é unha das catro formacións musicais que se manteñen, das setenta que se puxeron en marcha en Galicia no primeiro cuarto de século pasado. Tan só permanecen Toxos e Flores do Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e Coral de Ruada. Forman unha irmandade.
Coral de Ruada fixo a primeira gravación nun disco de lousa en 1927. Ten tres melodías por cada cara, todas populares, baseadas en temas de Daniel González, autor do libro Así canta Galicia. Esta é unha das pezas que se mostran na exposición que ofrece o Centro Cultural da Deputación. A formación musical ourensá mantén habitualmente todo o seu patrimonio, que agora pode verse no Simeón, no ático do Teatro Principal.
A exposición, que pode visitarse durante o mes de setembro no Simeón e no de outubro no Auditorio, inclúe dende a primeira bandeira da agrupación, que deseñou Camilo Díaz Baliño -pai de Isaac Díaz Pardo, que fixo os primeiros decorados de Coral de Ruada, que tamén se mostran-, tres gravados de Prieto Nespereira, un mural de grandes dimensións de Xosé Luís de Dios, cadros de Xaime Quessada e de Virxilio, bandeirolas, traxes de distintas épocas, recoñecementos, como a placa de ouro do Centro Galego de Bos Aires, e un corbatín de Alfonso XIII. O presidente, Eladio Quevedo, lembra que cando Coral de Ruada fixo a primeira viaxe a hispanoamérica en 1931, "foi monárquica e retornou republicana", porque emprendeu unha viaxe de quince días, que se rematou prolongando durante tres ou catro meses, cando xa cambiara a situación política.
Coral de Ruada foi a primeira agrupación musical que fixo unha gravación en Galicia. Conta con 17 discos. Na actualidade, Coral de Ruada ten 45 voces, entre mulleres e homes, ás que se suman sete instrumentistas, que tocan gaitas, tamboril, pandeireta, bombo, zanfona, piano e harmonio. Virxilio Fernández, "un dos mellores gaiteiros de Galicia, foi fundador da coral", resalta Eladio Quevedo.
Con motivo da celebración do noventa aniversario, dirixirán Coral de Ruada os directores vivos, como José María González, Bruno Fuentes e Javier Jurado, mentres que Manuel de Dios non poderá facelo por enfermidade.
Manuel de Dios musicou poemas de José Ángel Valente, Antonio Tovar e Xosé Luís López Cid.
Coral de Ruada participou nas últimas edicións do Festival Céltico de Lorient, fixo actuacións en Venezuela, Bos Aires, a Bretaña francesa –acompañando a Carlos Núñez-, Chicago, Montevideo, Mar de Plata e Toronto. Ofrece cada ano unhas 30 actuacións. Non cobra ningún dos seus membros. O director recibe "unha gratificación anual", sempre que a agrupación conte con fondos, dado que compaxina esta función coa tarefa que desempeña como catedrático de instituto.
Coral de Ruada celebra unha xuntanza anual no mosteiro de Oseira, cunha misa, na que lembra a "todos os amigos" que morreron, e un xantar na carballeira. A Asociación de Amigos de Coral de Ruada está formada por máis de 400 persoas. Ofrecen achegas voluntarias, que oscilan entre os dez e os 400 euros ó ano. A Deputación aporta todos os anos 9.000 euros para a súa programación. O Concello de Ourense abona unha cantidade similar.
Con motivo do noventa aniversario, Coral de Ruada reproducirá a primeira gravación que fixo, cunha edición de 14.000 exemplares, e publicará un libro conmemorativo da primeira viaxe que fixo a Sevilla e Cádiz en 1927, preparado por Xaquín Vales. Na primeira entrega da coral, que agora se reedita, figuran dez temas: Alborada galega, de Pascual Veiga; O quer que lle quer, de Mauricio Farto; Negra sombra, de Rosalía de Castro/Juan Montes; Os teus ollos, Manuel Curros Enríquez/ Xosé Castro Chané; De Ruada, de Adolfo Berges; e Pandereitada de Trasalba, Nos caneiros, Foliada de Entrimo, Alalá de Ourense e Pandereitada de Trives, de Daniel González.
Destacan a célebre Alborada de Pascual Veiga, pola gran difusión que ten no mundo coral, xunto a O quer que lle quer do folclorista Mauricio Farto. A peza foi estreada con motivo do descubrimento dunha placa na casa de Curros Enríquez en Celanova. Inclúe a muiñeira De ruada, obra do músico ourensá Berges, da que probablemente tomou o nome o coro, ademais de Nos caneiros, composición pola que Daniel González foi premiado con 500 pesetas no concurso nacional de cancións rexionais celebrado en Madrid en 1943.
Dentro da programación das festas do Corpus 2009, no mes de xullo celebrouse o III Certame Internacional de Coros De Ruada. Participaron os orfeóns galegos Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Real Coro Toxos e Flores e a Coral de Ruada, acompañada pola gaiteira Cristina Pato. Tamén interviron os coros de Águeda e Vila Real, de Portugal, e La Enseñanza de Valladolid.
As últimas gravacións que fixo foi De Ruada e O canto das chirimías, cos temas do primeiro disco. Este último, preparouse na catedral de Santiago de Compostela, en colaboración con Brañas Folk.
Coral de Ruada ensaia os martes e xoves no Teatro Principal, de oito a nove e media da noite. Polo xeral, as empresas nas que traballan os membros da formación acostuman a ser flexibles para que poidan sumarse ás actuacións que fan en distintas cidades de España, América e diversos puntos de Europa. Este ano rememorará a primeira actuación, cunha viaxe a Sevilla e Cádiz. E no próximo peregrinará pola Vía da Prata a Santiago, para facer a ofrenda e o acompañamento da misa a voces.
Eladio Quevedo lembra que de Coral de Ruada saíron músicos ilustres como o zanfonista Faustino Santalices, o gaiteiro ribadaviense Modesto Sánchez e Virxilio Fernández. A cantautora de fados María do Ceo foi solista en Coral de Ruada.
Baixo a dirección de Daniel González Rodríguez, de 1920 a 1945, Coral de Ruada fixo en 1927 unha xira por Andalucía, acompañada por Faustino Santalices. Debido ó éxito que acadou, tivo que prolongar a súa estancia en Sevilla e Cádiz, polo que se viu forzada a suspender as actuacións que tiña previstas en Málaga, Alxeciras, Xibraltar e A Liña.
En 1929 fixo a gravación dos primeiros discos para a casa Columbia-Regal; en 1931, xira de catro meses por Sudamérica con actuacións en Arxentina, Uruguai e Brasil, onde ofreceu 180 actuacións.
Coral de Ruada participou en 1932 no I Aniversario da República en Madrid. De 1936 a 1939 interrompe a súa actividade, pola Guerra Civil, e retoma a programación cando finaliza a contenda.
En 1945 dimite Daniel González como director, mantendo o cargo de asesor artístico. Fíxose cargo da dirección Isolino Canal Freire, co que Coral de Ruada gravou varios discos en Madrid. En 1947 volve á dirección Daniel González. Actúa na Coruña en 1949, diante do xeneral Franco e do rei Abdullah de Xordania. Daniel González dimite de novo en 1952 e deixa a coral definitivamente. Substitúeo Isolino Canal.
O Concello de Ourense réndelle homenaxe a Coral de Ruada en 1954, no seu 35 aniversario. Grava novos discos con Columbia en 1955. Dimite Isolino Canal, que foi relevado polo organista da catedral de Ourense, Antonio Jaunsarás. Renunciou á dirección en decembro do mesmo ano. Manuel de Dios dirixiu o coro dende 1956 a 1964, na súa primeira etapa. Impulsou a renovación do repertorio con novas polifónicas galegas e universais en 1957. A coral gravou Así canta Galicia en 1959, cun grande éxito, polo que tivo numerosas reedicións. En 1964 grava un novo disco coa casa Columbia en Madrid. Manuel de Dios abandona temporalmente a dirección. Álvaro de Dios, irmán do director dimitido, fíxose cargo da coral desde 1965 a 1969, ata que asumira o cargo un novo director. Non tivo actividade, practicamente, durante ese período. En 1969 celébrase o cincuenta aniversario de Coral de Ruada. Manuel de Dios faise cargo de novo da dirección de Coral de Ruada, na segunda etapa, de 1969 a 1990. En 1971 créase a asociación Amigos de Coral de Ruada. Actúa no Teatro da Zarzuela de Madrid en 1973, con motivo dunha homenaxe á familia Barreiros. A coral foi recibida polos Príncipes no Pazo da Zarzuela ó día seguinte. Coral de Ruada funda un coro infantil en 1976. En 1981 participa por primeira vez no Festival Intercéltico de Lorient en Francia. Realiza a segunda xira americana en 1982, por Venezuela, cun grande éxito. Javier Jurado dirixiu o coro dous anos, a partir de 1991. José María Santos González Álvarez mantívose ó fronte da formación dende 1993 ó ano 2000, data na que asume o cargo o actual director, Juan José Rumbao Requejo.