J.FRAIZ - LOBIOS
En Lobios sacaron do pendello os carros que aínda quedan para lles facer saltar o eixe sobre o asfalto. Veciños de todas as parroquias e visitantes chegados da Baixa Limia competiron onte nunha carreira contrarreloxo peculiar, na que os participantes debían turrar dun carro tradicional para percorrer 100 metros no menor tempo posible.
A proba non pasará á historia por rexistrar ningunha marca de velocidade nesta insólita disciplina, mais "é unha maneira de facer unha festa municipal que afonde na tradición", expresa Jesús Deibe, tenente de alcalde do Concello de Lobios.
A Carretada, que alcanza xa a súa terceira edición, comezou cun prolegómeno centrado na exhaltación deste apeiro tradicional e outros costumes tamén enxebres da terra. Minutos antes de que se dera saída á primeira parella participante na carreira contrarreloxo, percorreron as rúas de Lobios carros conservados na comarca, así como un desfile de espantallos e comparsas elaborados polos rapaces nunha escola obradoiro desta localidade fronteiriza.
Tamén de Portugal chegaron numerosos visitantes que ocupaban os arcéns do circuito urbano polo que os participantes , de varias parroquias de Lobios e doutros concellos como Celanova ou Muíños, corrían con gañas para arrastrar o carro e rematar canto antes a proba. "Hai un carro para a categoría de maiores e outro, máis pequeno, para a categoría infantil; pero todos empregan o mesmo carro", aclara Jesús Deibe.
No canto de adicar as festas de Lobios a unha oferta habitual de orquesta ou sesión vermú, o tentente de alcalde asegura que prefire darlle cabida a elementos tradicionais que se queren lembrar. A paixón polo propio non reamata aí, aínda que desta volta se trate dunha proposta moito máis frecuente: trala Carretada, repartíronse máis de 2.000 racións de porco asado que, xunto ó carro, noutrora simbolizaron unha estampa típica das matanzas. Jesús Deibe aínda quixera cadrar un vello tópico do agro galego: introducir os bois, autóctonos da Baixa Limia e O Xurés, na festa de Lobios. Por problemas legais, como os que afectan á Chega dos Bois de Muíños "non se permite amosar o que é normal nestes animais".