KARINA RIVERO - OURENSE
Ourense será, un ano máis, o escenario escollido para a celebración do maior festival folclórico de España, no que máis de catrocentos artistas de trece países diferentes deleitarán o ouvido e a vista dos presentes con vistosas coreografías ó ritmo de músicas estimulantes traídas dos máis recónditos lugares do globo.
As actuacións levaranse a cabo entre o dez e o dezanove de agosto en dezaseis localidades ourensás, unha lucense e unha portuguesa. Concretamente o especatáculo terá lugar nos concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Carballiño, Ourense, Castro Caldelas, Celanova, Chaves, Entrimo, Maceda, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo, A Pobra de Tribes e na setentrional vila de Chaves.
Dos dezaoito concellos, só en Ourense cidade actuarán os trece países participantes, con coreografías de aproximadamente sete minutos. No resto de localidades haberá catro grupos que actúen, con espectáculos de ata vintetres minutos cada un.
Este ano os bailaríns que visitan a provincia termal veñen de países tan diversos coma a China, as illas filipinas, México ou a Europa do leste, convertindo Ourense por unha semana no “centro do folclore internacional”, así como nun “conglomerado riquísimo de multirracialidade e entendemento entre culturas”, segundo manifestou o presidente da Deputación, José Luis Baltar.
Todos os grupos convidados participan por primeira vez nestas xornadas, excepto Arxentina, México, Rumanía e Filipinas. Estes catro países, xunto con Portugal, forman a cúpula de máis alta categoría, explicou o director artístico do evento, Xulio Fernández Serra.
“Orzamento sostible”
A partida total destinada a esta iniciativa é de 311.815 euros, destinados a fins diversos coma o financiamento das actuacións dos grupos, a manutención dos mesmos, o transporte, a luz e o son, os seguros, a publicidade, os presentadores, a decoración ou o montaxe dos escenarios. Ademais, destínanse 6000 euros a un fondo adicional para emendar imprevistos.
Segundo Olga Mojón, directora do teatro principal de Ourense, onde terá lugar a recepción dos grupos o próximo día 10 de agosto, “as partidas fixadas son as mesmas”, variando somentes as cantidades destinadas ao mantemento ou desprazamento dos grupos, “posto que varía o número de integrantes”.
Xulio Fernández aclarou que o obxectivo da organización é “facer un festival variado e que entre dentro dun orzamento sostible”.
Para o presidente da Deputación ourensá, estas xornadas, que contan cunha magnífica receptividade, serven para que os países participantes leven “unha boa mensaxe da nosa terra pol o mundo enteiro”.
República de Mari El
Probablemente o principal atractivo destas xornadas sexa contemplar a beleza do espectáculo e deleitarse co exotismo da música, mais esta iniciativa achega tamén un bocado de didactismo en materia xeográfica.
Este ano a novidade máis extravagante e probablemente descoñecida para a maioría, é a participación da república de Mari El, un territorio que aínda non cumpríu os seus vinte anos como tal, pero cuxa poboación ten unha historia que data dos mesmos albores da humanidade.
O seu folclore é moi variado, pois conviven neste territorio dos Urais un conglomerado de culturas que enriquecen as súas danzas con tintes moi diversos, dando como resultado un colorido vestiario, lendas, contos e música de gaita e tambores.
Tamén de Rusia, pero neste caso da caucásica República de Daguestán, ven un grupo de danza que mistura os movementos das mulleres cos vigorosos saltos dos homes, nunha demostración de magnificencia e poderío que conta co recoñecemento de varios países.
Dende as illas filipinas tamén veñen dous grupos, un dos cales, Leyte Kalipayan Dance Company, ten un amplo recoñecemento no mundo, e forma parte da cúpula de alto standing que este ano acode a Ourense.
Armenia, Portugal, Sudáfrica, Arxentina, a China, India, México, Romanía e Taiwan son o resto de países convidados a estas xornadas nas que o son da música e a beleza da danza serán as protagonistas.