P.TORRES - OURENSE
O nomeamento de novos cargos e a aprobación de solicitudes de espazo para empresas no novo edificio Tecnópole I centraron os acordos da primeira reunión do Consello de Administración do Parque Tecnolóxico de Galicia presidida polo actual conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández.
De esta maneira, Guerra asume a presidencia da entidade, mentres que o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, pasa a ocupar o cargo de vicepresidente e conselleiro delegado. A substituta de Capilla, anterior director da Tecnópole, será Luisa Pena Nieto, que ata o de agora viña desempeñando a función de directora de Administración e Finanzas nesta institución.
Na reunión do Consello de Administración aprobaronse tamén as solicitudes das trece primeiras empresas que pediron desenvolver a súa actividade no novo espazo de innovación multisectorial para o emprendemento do Parque Tecnolóxico de Galicia, o denominado Tecnópole I.
O edificio ofrece preto de 3.000 metros cadrados para o despegue e consolidación de empresas e acolle a Lanzadeira de Empresas de Biotecnoloxía, unha sección especificamente dedicada ás iniciativas de negocio relacionadas con este sector.
Cinco empresas
Nesta última sección instalaranse cinco das trece empresas solicitantes. Trátase de Trabeculae, que terá unha área de investigación aplicada no campo da calidade ósea e outra de apoio á investigación sanitaria; Invatia Research, dedicada á I+D+I relacionada co cultivo da oliveira; NutriUp, centrada na investigación, produción e comercialización de alimentos funcionais; Soluciones Innovadoras Imasdé, do sector da biotecnoloxía aplicada á cirurxía estética: e Raisin D´Or, produtora de viño desalcolizado enriquecido con polifenois.