A chave, o birlo, a billarda e as carrilanas son os xogos tradicionais que se conservan totalmente vivos en Ourense, mesmo con variantes únicas en Galicia como o bolo vianés que se xoga en Punxeiro de Viana do Bolo, ou o bolo de Caxide, en Parada de Sil.

Lois Pardo, presidente da asociación Brinquedia que traballa arredor do patrimonio lúdico galego, leva anos recollendo información sobre estas actividades e loitando pola súa conservación e transmisión. Tamén a Fundación Deporte Galego iniciou durante o goberno bipartito un estudo sobre o sector co fin de pór en marcha un plano estratéxico que garanta a súa permanencia, pero que agora podería quedar nun borrador se o novo goberno non retoma o traballo. A primeira aproximación cifra en 64 o número de xogos aínda vivos en Galicia pero cunha alerta ante a posible desaparición dalgún deles.

Lois Pardo afirma que “a perda dun xogo tradicional non debe considerarse un drama” pois entende que o lecer e o divertimento teñen que adaptarse ós novos tempos e ás necesidades lúdicas, eso sí, “tratando sempre de recuperar o máximo posible”. Nembargantes, cando un xogo deixa de ser útil para a sociedade, engade, “é natural que se perda, hai que deixalo, pero tratando sempre de recoller toda a información posible para conservar a súa memoria”.

Brinquedia considera que o xogo tradicional debe ser entendido como unha manifestación completa de actividade física e aposta pola súa implantación en nenos e adolescentes fronte á práctica dun único deporte levado á esfera competitiva. “O xogo tradicional elimina clases sociais, é económico e favorece a comunicación entre todos os participantes, ademáis do contacto co medio natural e a cultura galega”. Pero os dous pilares máis importantes, afirma Pardo, son o fomento da comunicación interxeracional e a proxección universal da cultura propia.

En Ourense, a chave é o xogo con maior popularidade pero escaso interese na xente nova que prefire as carrilanas. Santa Cruz de Arrabaldo, O Barco e Val do Regueiro organizan carreiras con continuidade.