Marcos Valcárcel presentou onte "Historia de Ourense", un libro que resume en 70 páxinas os acontecementos da cidade desde a época dos romanos ata a actualidade. Ten carácter divulgativo. Está dirixido ó mundo do ensino e a toda a poboación que queira familiarizarse coas claves sociais, económicas, culturais e políticas do lugar no que reside. Autoridades e colectivos rendéronlle unha homenaxe ó investigador, como recoñecemento á súa longa e fecunda traxectoria. O alcalde, Francisco Rodríguez, cualifica ó autor coma "un ourensán de luxo".

Dentro do acto de recoñecemento á súa tarefa, o rexedor dirixiuse ó historiador con palabras cálidas, ó recoñecer que "cando falemos das personaxes que a poboaron e lle deron o seu verdadeiro espírito -afirmou, en clara referencia a Ourense-, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Antón Tovar, Blanco Amor e Casares, sempre teremos que engadir un nome máis: o teu, o de Marcos Valcárcel".

Marcos Valcárcel concibiu o libro coma "unha porta aberta para empezar a coñecer a historia da cidade de Ourense en todas as súas etapas, dende as orixes romanas ata finais do século XX", materia na que os lectores poden afondar botando man da abundante bibliografía que facilita. Conta cun valioso apartado gráfico, elaborado "con gran esmero, por parte de Manuel Bragado e Edicións Xerais", dentro do que poden contemplarse fotos das aras romanas e dos últimos achados arqueolóxicos das Burgas, da catedral, o plano da cidade histórica medieval e a chegada do ferrocarril no século XIX, sen esquecer o aportado literario, encabezado por Curros e Lamas Carvajal.

O autor defende a teoría de que a cidade de Ourense naceu cos romanos, dado que antes só existían asentamentos castrexos nos arredores, como Santomé, e o aproveitamento dos mananciais das Burgas. "Ourense é un dos tres ou catro núcleos máis importantes da antiga Gallaecia romana". Fai referencia á época sueva, na que nace a primeira catedral da cidade no actual solar que ocupa a igrexa Santa María Nai.

Marcos Valcárcel resalta que Ourense "foi unha cidade que non cambiou practicamente nada dende a Idade Media a mediados do século XIX, en 1850, cando se abriu a estrada de Villacastín a Vigo: a rúa do Progreso. "Coa rúa do Progreso nace o Ourense urbano, burgués, moi vinculado a comerciantes que viñan de fóra -casteláns, navarros, vascos, asturianos?-, que abriron establecementos na zona. Aí nace a cidade moderna, que é o Ourense do Ensanche. Vai dende a praza Maior ó Parque de San Lázaro".

No século XX "aparece o Ourense proletario, máis reivindicativo. Ten moita importancia a construción da Ponte Nova en 1918, nunha cidade na que empezan a xurdir forzas republicanas, socialistas, unha federación de sociedades obreiras moi forte, ademais do esplendor cultural e literario da Xeración Nós.

Marcos Valcárcel é o historiador, crítico, estudoso, divulgador e dinamizador cultural máis fecundo e rigoroso da cidade de Ourense nos últimos anos. Constitúe un elo entre os vellos mestres e as novas fornadas de escritores e investigadores, baixo o denominador común do compromiso político, da calidade formal e servizo ó país, ó rescaldo da Xeración Nós.

Marcos Valcárcel naceu en Ourense o día 3 de marzo de 1958, nunha casa da estrada da Granxa. Fillo do xoieiro Fiz e de Carme.