X.M. del Caño / OURENSE

Para achegarse á historia da cidade, hai que botar man da ex arquiveira Olga Gallego, que lonxe de desempeñar un papel burocrático, ó longo de trinta anos, foi proxectando luz sobre os documentos que lle ían pasando polas mans. Nas súas publicacións aporta datos fundamentais sobre a cerca da cidade, as trece portas, as barcas, as terribles pestes que causaron unha grande mortaldade. Gallego rescata textos fundamentais para entender a historia de Ourense.

- Vostede naceu o día 8 de decembro de 1923 en Ourense.

- O meu pai, Manuel, traballaba nun comercio da rúa da Barreira, e a miña nai, Pilar, era ama de casa. Morreu moi nova e deixounos orfos. Eramos catro irmáns.

- ¿Que lembranzas ten dos primeiros anos?

- Os nenos liamos contos, sentados na rúa. A min gustábame ler os Cuentos de Calleja. Faciamos trasnadas. Sentabámonos onde non debiamos. De moi pequena, trataba de subir a unha fonte, da que sempre caía. Xogabamos ó truco.

- ¿Como era o Ourense dos anos vinte?

- Era moi pequeno. O Posío xa era un arrabalde. Polo norte había a estrada de Trives. O Banco de España xa caía fóra e non existía o Goberno Civil. Había alí unha panadería e o club de tenis. Aquilo xa eran viñas. A cidade tería uns 20.000 habitantes.

- ¿Cales foron os seus primeiros colexios?

- Mandáronme ós tres anos a un colexio da rúa 2 de Maio, porque era moi travesa. Despois fomos ó colexio de Don Ruperto, nos xardíns do Bispo Cesáreo. Alí fixemos todo o primeiro ensino. Despois estiven no Colexio Sueiro e cursei o bacharelato no Instituto do Xardín. Fixen a carreira de Filosofía e Letras, sección de Historia, en Santiago. Concorrín a unhas oposicións. Durante uns anos, a xente que estivera na guerra acaparaba a maior parte das prazas. Eu estiven dando clases nas Carmelitas. En 1955 gañei unha praza do corpo auxiliar de arquiveiros. Tiven o primeiro destino en Vigo, onde levei o arquivo da Subdelegación de Facenda e a Biblioteca Popular. En 1969 vin para Ourense, ó quedar vacante o posto de arquiveiro, cando Ferro Couselo pasou ó museo, onde traballei ata 1989.

- ¿Como describiría vostede o Arquivo Histórico Provincial de Ourense?

- É un dos máis ricos de Galicia en documentación medieval. Unha parte importante dos fondos proceden da Desamortización.

- Vostede descubriu textos moi importantes.

- Claro, eu tiña que ler os documentos, para clasificalos.

- Fixo un estudio fascinante sobre a cerca da cidade de Ourense.

- Ourense tiña unha cerca descontinua, que en parte estaba conformada polas traseiras das casas da cidade, polo que o Concello prohibía que se abriran portas nas paredes da parte de atrás das vivendas.

- Sostén no seu estudio que a cerca tiña escaso valor defensivo.

- Ademais da finalidade defensiva, militar, tiña a de protexer á cidade contra a entrada de xente cando se declaraban pestes no entorno, que podía vir contaxiada. Na Idade Media e na Idade Moderna había moitas pestes. A xente fuxía dos lugares onde se declaraba a peste e metíase onde podía. Entón o Concello daba disposicións para botalos da cidade.

- Conta nese estudio que era un Ourense con moi pouca hixiene.

- Os porcos pululaban polas rúas, pese a toda clase de prohibicións. As chuvias invernais espallaban o cheirume das esterqueiras. Os desperdicios das casas, dos pequenos talleres artesanais, coma os sombreireiros da praza do Campo, os remollos do polbo e outros peixes "fedeondos" na Barreira, os sacrificios de reses case na rúa, co seu sangue podre. A convivencia ocasional de grandes masas de mendigos e vagabundos, famentos e enfermos que non tiñan onde acollerse e durmir. A escasa e insuficiente dotación da cidade no fornecemento de auga potable. No comezo de 1573 nada facía presaxiar os males que se aveciñaban. Pero os Libros de Autos Municipais reflectían sete meses máis tarde que Ourense estaba afectada por "unha das meirandes pestes que tivo que soportar ó largo da súa historia". Ó coincidir coa época estival, incrementouse a súa virulencia, que culminou nun "mortífero" período de agosto e setembro. O cura da parroquia de Santa Eufemia deixou recollido no Libro de Bautismos unha relevante testemuña: "En quinze de Agosto se vio en esta Ciudad llover sal como a manera de elada... e duró muchos días que caya del cielo todas las noches hasta onze de Octubre que fué llena la luna". E tamén sinala: "Fue rompida muy grande pestilencia, avia más de tres años que se havian muerto muchas mugeres preñadas y muy gran cantidad de niños, comencosse a romper la guerra de la desventura de la pestilencia antes ocho días, del día del glorioso Apóstol Santiago, y por la pestilencia se dejó de jugar las cañas y hazer la fiesta del glorioso Apóltol. Fueron tan grandes muertes de tantas gentes y tantas las maneras de que morían vnos barriendo, y otros hechándosse de las ventanas y otros de las escaleras, y otros de los tejados, y otros se degollaban, y otros se iban morir a los campos. Era tanta la abominación y el aborrecimiento de los Christianos que los padres no querían ver los hijos y los hechaban de su compañía, ni los hijos a los padres... Fuyeron los del pueblo. Los más principales, los del Cavildo y todos los Regidores, el Procurador General y todos desmanpararon el pueblo sinó fue el primero Corregidor que el pueblo pidió a su Magd. Phillipe segundo... Este Corregidor... llamábasse el Lcdo Bibanco... murió aquí. Los señores del Cavildo y la Clerecía que ficó, murió la mayor parte... y en San Francisco no perdonó tan poco. La desventurada pestilencia que los Frayres que fuyeron fueron bien librados, los que quedaron pagaron su deuda... Fecha a diez días de Nobiembre de Mill y quinientos y setenta y tres". E segue: "Era tal la mortandad que a algunas personas las enterraban en los caminos, no osando la gente acercarse a ellas. Morían de nasçidas y tabardillo".

- A cidade contaba con portas, para frear a entrada de persoas con peste ou famélicas.

- Había trece portas de entrada: Porta da Corredoira, Porta da Burga, Porta de Cima de Vila, Porta do Outeiro, Porta do Vilar, Porta da Aira, Porta de Fonte Arcada, Porta do Campo ou Horta do Concello, Poxigo de San Francisco, Porta da rúa dos Arcedianos -próxima á rúa San Miguel-, Porta na Pía da Casca ou Porta dos Fornos, Porta na Fonte do Rei ou Fonte do Bispo e Porta da Ponte Maior, documentadas entre 1314 e 1604

- A última, estaba no medio da ponte romana.

- Entre o arco sexto e sétimo había unha torre defensiva, na que se atopaba unha das trece portas, para o control de persoas e mercancías. Botárona abaixo no século XIX.

- Atoparon parte da porta da Burga nas escavacións que fixeron na casa dos Fornos.

- Na Burga facían portas variables. En épocas de seca, non chegaba a auga e tiñan que baixar a porta, para deixar os mananciais dentro da cerca. A cidade de Ourense tiña moita carencia de auga. Nas Burgas nunca faltou.

- ¿Para que utilizaba a auga das Burgas a xente?

- Servía para desplumar as pitas, para os pezuños das vacas, para curar doenzas e para beber. E ademais, levaban a auga quente para as casas e aforraban moito combustible. Aprovéitase dende a época prerromana. Unha doncela, chamada Calpurnia Abana, ofreceulle unha ara ás ninfas das augas.

- As catas arqueolóxicas que dirixiu Celso Rodríguez Cao apuntan a que nas Burgas podía haber un balneario e un santuario.

- Hai que agardar a que rematen os traballos.

- Foi unha desgraza que botaran abaixo as trece portas da cidade.

- Suprimíronas no século XIX, ó considerar que atentaban contra a salubridade da cidade. O acordo municipal é pintoresco. Sosteñen que Ourense non podía respirar, que a cidade estaba oprimida pola cerca e polas portas.

- Non podía respirar, porque botaban as augas maiores e as menores á rúa e tiñan animais.

- Tiñan porcos e galiñas, que andaban soltos polas rúas de Ourense. O Concello daba ordes de que se encerrasen, pero os cochos seguían pululando na vía pública.

- ¿Cal é a perda patrimonial que máis lamenta?

- Unha das cousas que máis pena me dá é que non conservemos a antiga catedral de Ourense. Botouse abaixo, para construír a igrexa de Santa Mariña Nai.

- Menos as columnas, que son de orixe suevo.

- Cando as restauraron, levamos a sorpresa de que non son de mármore.

- A ponte vella só conserva as pilastras romanas, o resto é medieval.

- Ten unha pequena parte romana, que está estudada por Xoán Carlos Rivas. Foi declarada Monumento Histórico Artístico Nacional en 1961. A ponte foi reconstruída en 1222, e en 1432 caeu o arco central -de 38 metros de altura-, que tardou moito tempo en repoñerse, ó sucederse distintas confrontacións bélicas, riadas e esborrallamentos doutros arcos.

- Durante unha época do verán, baixaba tanto o río que pasaban o gando a nado.

- Si, había pasais, coma o vao de Ourense, pegado á ponte, polo que podía pasar o gando nas épocas de seca.

- Polo xeral, a xente tiña que pasar dunha banda á outra do río utilizando barcas.

- Claro, había a barca do Cabido e a da cidade. Entre a desembocadura do río Loña e do Barbaña había dous portos: o Porto Auriense e o Porto Vello.

- ¿Era moi gravoso pasar o río?

- Cobraban o seu. Os barqueiros tiñan moi mala sona. Cando estaban no medio do río, se a xente non pagaba a taxa acordada, dicían que a botaban á auga.