EN DIRECTO

Manuel Catoira, Escritor, editor e pintor: "Todo escritor necesita un pseudónimo, como dixo John le Carré"

 

"Rematei destruíndo a novela `Chasis de hormigón´, finalista do premio Barral", lembra

X.M. del Caño / OURENSE
Manuel Catoira, pseudónimo de Manuel López González, é a personalidade máis polifacética do panorama cultural ourensá. Como escritor cultivou o relato, a novela, o ensaio e o xornalismo. Ó longo da súa traxectoria, compatibiliza e alterna a actividade literaria coa artística, mediante o método do relevo, dándolle máis forza a unha parcela ou á outra, segundo as súas propias inquedanzas e urxencias intelectuais en cada etapa. Como editor, sacou á rúa moitos dos premios Cidade de Ourense de Poesía, ademais de novela e ensaio. Participou na creación dos Premios Toxo e Morogo do Café Isaac.
- Vostede naceu a primeiros de xuño de 1947 en Cudeiro.
- O meu pai, Manuel, era funcionario e labrador, e a miña nai, Dolores, ama de casa.
- ¿Como era o Cudeiro da súa infancia?
- Tiña uns cincocentos habitantes. A xente que residía na zona, complementaba a vida campesiña cos oficios da cidade, ó quedar a tres quilómetros de Ourense. Había ferroviarios, albaneis, mecánicos, chapistas. Cudeiro era unha zona pobre, sen comunicacións, só contaba coa estrada de Santiago. Había bastante violencia, porque se cultivaba moito viño. Como arrabalde, tiña os vicios da cidade e as virtudes do campo.
- ¿Que lembranzas ten da primeira escola?
- Don Marcelino Vázquez era o mestre da escola de nenos. Un mestre novo, que fora republicano. Había moita disciplina. Eu era un neno, con bastante medo. Estabamos xogando sempre ó fútbol nos camiños e na estrada. O noso ídolo naquel momento era Raúl Rei, un ciclista das Barxas. Os rapaces participabamos nas labores do campo, coma a vendima, a recollida das patacas e carrabamos a leña en feixes para o inverno. Faciamos longas andainas ós pobos de arredor, coma Gustei e Rivela. No verán a nosa principal diversión era bañarnos no Miño.
- ¿En que centros estudou despois?
- Comecei o bacharelato nos Salesianos. Tiven que deixar o colexio, porque había misa todos os días e eu como vivía lonxe chegaba tarde. En segundo xa fun a Cisneros, que se trasladou da Alameda á rúa Pardo Bazán, onde se atopa na actualidade. A disciplina era nula e o aproveitamento escaso. Alí coincidín co poeta J. Noguerol e co actual arquitecto municipal Gonzalo Guerra. Como profesores, tiven a Xocas e a López Cid. Fixen quinto de bacharelato no instituto da Ponte.
- ¿Como seguiu evolucionando a súa vida?
- Nesa época, eu xa facía incursións literarias. Matriculeime en Dereito na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñecín a Xaquín Marín, Patiño, Castro Laxe e Miguel Carballo. Pero antes, ós 17 anos, xa fora a París, porque quería ser pintor.
- E empezou a traballar.
- Si, presenteime a unhas oposicións e fíxenme funcionario en 1971.
- ¿Espertou en vostede antes a vocación literaria ou a artística?
- A artística, evidentemente. Ós quince anos empecei a ir a clases de Luciano Cárcamo. Tiña unha tenda na rúa Concello. Despois merquei lenzos e optei por pintar cadros na miña casa.
- Cárcamo tiña unha pintura convencional, que non casa coa súa forma de ver a arte.
- Cárcamo era un home bastante estrito, pero eu tiña liberdade. Tamén me deu clases de debuxo lineal Xesta.
- ¿Que reflexión pode facer sobre os seus primeiros pasos artísticos?
- Eu era expresionista, pero daquela non me daba conta. Interesábame probar materiais e viaxar. Un día collín un tren e co diñeiro que tiña para pagar o segundo prazo da matrícula funme a París. Por certo, case todos eran portugueses. Cheguei alí de milagre. Aquilo foi unha aventura, porque a policía pediulle o pasaporte a todos... Eu só levaba o carné de identidade, pero puiden pasar a Francia, porque non se dirixiron a min para nada.
- ¿Como se arriscou?
- Non o sei. Puiden rematar preso ou devolta para a casa. Despois volvín para cumprir o servizo militar, que fixen en Parga. Eu escapaba de noite da compañía, para ver a televisión nos bares, que era a única distracción que tiñamos daquela.
- ¿Como foi a súa experiencia parisina?
- Levaba a dirección de Picasso, que me dera un protector meu, pero nunca o encontrei porque estaba pasando unha tempada en Vallauris, unha vila cerca de Cannes. Ó retornar de París, pasei unha tempada en San Sebastián e volvín para á casa.
- ¿Tivo dificultades para entrar de novo en España?
- Non, ningunha. Como o tren paraba en Hendaia, pasei a fronteira andando.
- ¿Influíulle moito París, dende o punto de vista artístico?
- Non, porque buscaba sobre todo novas experiencias. Daquela, por encima do impulso artístico, estaba o impulso vital. Eu chegaba dunha cidade pequena como Ourense, onde había un ambiente artístico respectable.
- ¿Seguiu pintando, ó retornar a Ourense?
- Deixei a pintura por un tempo, ós vinte anos, para dedicarme á literatura. Mandei unha novela titulada Chasis de hormigón ó Premio Barral de Novela, que quedou finalista, pero non se chegou a publicar. Rematei destruíndoa. Debe quedar por aí algún capítulo...
- ¿Non se arrepinte de tela destruído?
- Non, porque era unha obra de inicio. Tiña como argumento a vida de varios xoves daquela época. Facíase eco dos problemas de Galicia.
- En 1972 publicou "Antoloxía da poesía galega".
- Si, unha selección que recollía poemas de Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo e os clásicos de sempre, entre outros autores, que publicou a Editorial Zero de Madrid.
- Publicou "A cadea" en 1977 na imprenta Celta de Lugo.
- Está composta por tres relatos. Difundiuse bastante. Non teño intención de reeditala, porque é unha obra bastante inxenua.
- "Fuga en la prisión central" (1979) tivo moito eco na súa época.
- É unha novela que utiliza o argot do cárcere.
- Foi unha obra ambiciosa.
- Ambiciosa, pero mal estruturada. Publicouna a editorial Saltés. Funcionou ben, pero a editorial entrou nunha crise económica e quedou descatalogada.
- E logo fai poesía.
- Ópera aberta (1981) publicouse na editorial Limbo. Ese poemario gustáballe moito a Manuel María. Tiña unha parte lítica e outra de narrativa experimental.
- Durante un tempo estivo escribindo "Bloque memorial".
- Nunca cheguei a concluír esa obra. No caso de que saía á rúa, chamarase dun xeito distinto.
- Recolle nela as súas memorias.
- Si, é unha especie de biografía novelada.
- "Fuga 2 hacia el sur"...
- É un libro que recompila relatos publicados antes nunha revista literaria de Valencia. Tamén tiña unha novela que lle mandei a unha editorial e perdeuse, porque daquela non se facían copias.
- Escribiu algúns ensaios.
- Camilo J. Cela fixo unha separata de Papeles de Son Armadans de Mallorca do traballo titulado "Uxío Novoneyra, bajo el enigma de los vegetales".
- Vostede chámase Manuel López González. ¿Por que escolleu o pseudónimo Catoira?
- Todo escritor necesita un pseudónimo, como dixo John le Carré. Nunca contei isto. Escollín o pseudónimo dunha forma sinxela. Lin un artigo de Xosé Fernández Ferreiro no ABC, falando do desembarco de Catoira, e adopteino como pseudónimo.
- ¿Atráenlle os viquingos?
- Para nada; tardei moito en ir ó pobo, pero gustoume o sitio do desembarco. Ten aspectos máxicos.
- ¿En que ano casou por primeira vez?
- Casei en 1973 con Marina, orixinaria de Rusia, filla dos denominados "nenos da Guerra Civil española". Divorcieime hai doce anos. Tivemos dous fillos, Tamara e Hugo. Agora teño unha nova compañeira, Begoña, dende o ano 2006, coa que tiven un novo fillo chamado Xacobe. Naceu no 2007.
- ¿Cando escribiu a súa última páxina?
- Hai uns días, porque sigo escribindo. Estou preparando a novela Trilogía de la noche. Espero publicala dentro de un ano.
- Tamén se dedicou ó xornalismo.
- Fixen reportaxes, información literaria e deportes no diario Pueblo, Informaciones e Triunfo.
- Vostede puxo en marcha a editorial Limbo en 1977.
- Publicou máis dunha ducia de libros, coma o Premio Poesía Cidade de Ourense, durante varios anos, ademais de libros de narrativa e ensaio. Cen Galegos é o best seller da editorial, que publiquei co selo Manuel Catoira editor.
- ¿En que ano retomou a pintura?
- En 1986. Como sempre andaba rodeado de artistas todo o día, acabei retomando a actividade.
- ¿Como podería definirse esta nova etapa?
- Fago unha especie de expresionismo lírico, xogando coas cores. Utilizaba cores vivas. Durante unha época pintaba peixes... Ultimamente, a partir dunha viaxe que fixen a África, intentei reflectir cousas máis novas e máis reflexivas.
- ¿Que está facendo agora mesmo?
- Pictoricamente estou traballando na figura. Vou entrar agora nunha etapa, que vai dar paso a que retome con máis forza a novela.
- Vostede foi un dos impulsores da vertente artística e literaria do Café Isaac.
- Foi unha idea na que colaboramos Ignacio Rodríguez e mais eu. Puxemos en marcha un premio de fotografía e os Premios Toxo e Morogo.
- Trataron de converter o establecemento nunha república das artes e das letras.
- Esa era a idea.
- Tivo unha intensa relación cos escritores de Ourense.
- Blanco Amor foi un home moi brillante, cun carácter endiañado. Foi o escritor máis importante do século XX en Ourense. Era moi valente. Non tiña pelos na lingua. Cando paseaba pola cidade, coa súa gabardina e o seu paraugas, parecía un gentleman. El amaba a Ourense, pero era unha cidade que lle viña pequena. Tamén tratei moito a Antonio Tovar Bobillo. Uxío Novoneyra era unha especie de rombinson que vivía no Courel. Cando marchou para Compostela, perdeu algo daquela maxia. E facía un pouco de pai dos escritores máis novos. Entre os artistas, tratei a Miguel Carballo e Xaquín Marín, o humorista gráfico, que daquela era pintor.

  HEMEROTECA
Síguenos en...
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009