O Club Golfiños vén de finalizar a primeira parte do proceso para publicar o que será xa o seu terceiro libro. Despois de "Xente dun pobo. Bueu" e "Lembranzas de 1890-1945. Bueu" chegará "Voces de Bueu. Mosaicos de vivencias". Trátase dun volume no que se recollen historias de Bueu, contadas polas súas propias xentes e respectando a súa forma de falar, coas diferentes variedades dialectais ou xiros lingüísticos. O libro está xa en proceso de maquetación e en poucos días irá á imprenta.

O presidente do Club Golfiños, Manuel Dopazo, explica que a idea de afrontar este traballo xurdiu xunto a Concellería de Normalización Lingüística de Bueu, que dirixe Silvia Carballo. "Propuxeron facer algo ao redor da lingua e plantexamos este proxecto, que trata de darlle voz á historia viva de Bueu e conservando a súa forma de falar", explica Dopazo.

A estrutura do libro tamén ten a súa razón de ser. "Bueu ten cinco parroquias [considerando como tal a Ermelo e Ons] e o que fixemos foi escoller a cinco persoas de cada unha delas, xente de idades moi diferentes: hai veciños nados na década de 1920 e outros a partir do 2000", explican desde Golfiños. As súas historias abranguén desde o traballo no mar e no campo ata feitos relacionados coa relixión ou os deportes.

Todo este proceso requeriu a implicación completa de todo o clube e de colaboradores externos. Houbo un equipo adicado a gravación das historias cos entrevistados, outro a transcripción das mesmas e finalmente un terceiro para revisar os textos.

A previsión é que "Voces de Bueu. Mosaicos de vivencias" poda presentarse durante a parte central do verán. O libro terá ao redor de 75 páxinas e cada historia irá acompañada dunha fotografía que dalgunha maneira evoca o seu contido. "Queremos recoller a historia viva de Bueu e a forma de falar das xentes de Bueu", suliñan desde o Club Golfiños.