Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

Llullu Teatro e Teatro Esmorga

Santiago Coertegoso e Fran Paredes puxeron en marcha Llullu e Lois Soage creou Esmorga cando estaba en Asturias

Unha representación de "Ñaque ou de piollos e actores", con Fran Paredes e Santi Cortegoso // Diego Seixo

Como imos vendo ao longos destas Crónicas, moitas das pólas desta fermosa árbore do teatro que medra nas terras do Morrazo afincan as súas raíces no teatro escolar e no teatro afeccionado. É o caso de LLullu Teatro, que hoxe comentamos. Santi Cortegoso e Fran Paredes,dous dos seus integrantes, cando cursaban bacharelato a comezos dos 90, xa facían teatro no grupo "Teatrofia Teatral" do instituto de Moaña, dirixido por Asunción Sóñora, profesora de Lingua Galega. Tamén é significativo que tanto Asun Sóñora como Fran, Santi e Salvador del Río -director de escena en Llullu Teatro-, coincidisen nalgún momento na troupe de Teatro Aurín, auténtica canteira do teatro galego, dirixido por Pedro Pablo Riobó.

A primeira montaxe de Llullu Teatro foi "Ñaque ou de piollos e actores", de Sanchís Sinisterra que foi estreada en setembro de 1999 na 16 ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Un texto "iniciático" para dous actores que arrombando os seus títulos académicos -a licenciatura en Ciencias Políticas, Santi Cortegoso e en Filoloxía Inglesa, Fran Paredes- deciden non exercer e optan por adicar a súa vida ao que realmente lles gusta: o Teatro. Santi lembra así este momento crucial: "Como actor, houbo un papel nunha función fundamental para a miña carreira, novamente coa dirección de Salva e con Fran Paredes comigo en escena. Foi o Ríos de "Ñaque, ou de piollos e actores", de Sanchís Sinisterra. No 1999 decidimos montar una Compañía propia para facer personaxes potentes, cun criterio profesional. Ensaiamos moitísimo e aprendemos moito do oficio. E conseguimos, dalgún xeito, mostrarlle ao resto da profesión, sobre todo da nosa zona, que eramos xente nova con moitas ganas de traballar e de facer teatro. A estrea na Mostra de Cangas, na Casa da Cultura o 9/9/99 foi un dos días máis especiais da miña vida. Foi unha función con moitas imprecisións e cunha calor asfixiante, pero cunha intensidade fóra do normal."

Polo demais o texto elixido para comezar o camiño da profesión teatral tamén estaba cargado de sentido. Os dous personaxes -Ríos ( Santi) e Solano (Fran)- dialogan sobre a condición do actor e da súa posición na sociedade; do esplendor e da miseria do actor. E o eco das súas palabras chega até hoxe máis alá do século XVII, período histórico no que está ambientada a obra. "Ñaque" é unha reflexión sobre o esplendor e a miseria do actor. Os dous cómicos actúan nun espacio escénico que é un teatro e ante un público que é o público. Falan de sentimentos e sensacións do actor en escena, do medo do actor ó público, da súa condición social marxinal, resumida nunha afirmación de Solano que lle vai dar sentido ó título da obra, cando lle di a Ríos: "Ti es un piollo....quero dicir, un actor".

O método de traballo elixido pola xove compañía foi o do xogo, "le jeu" como o expresan en francés para referirse á representación dramática. Eles o explican así: "Tomar os diálogos e situacións dun texto como punto de partida para crear personaxes e relacións entre eles, para entrar nun xogo vicioso e interminable de creación de sentido e de contidos para o espectador. Un xogo divertido, infantil. Os rapaces están creando continuamente. Pero isto non nos debe facer pensar en espectáculos triviais, con movemento, ritmo e risa fácil. Ben ó contrario, o que nos fascina de facer teatro é que a través dun xogo estamos ventilando temas dunha gran profundidade filosófica e metafísica; con certa dureza e en moitas ocasións cun forte sentido tráxico."

Na súa metodoloxía para o traballo de interpretación, ademais do xogo, apostan tamén pola procura do ritmo e o clown. Llullu Teatro inicia con "Ñaque, ou de piollos e actores" a súa andadura no eido do teatro profesional, cunha clara aposta estética, unha maneira de facer teatro que comprende desde a temática, o valor e o sentido que se lle dá ó espacio teatral -tanto o escénico como o que está diante- ata unha concepción da interpretación teatral e a creación escénica que, partindo do texto como ferramenta fundamental, aposta abertamente por diferentes técnicas afastadas del, e que podemos resumir en tres nocións fundamentais: xogo, ritmo e clown.

O clown axúdanos a atopar ese sentido beckettiano do teatro, esa estrana, potente e incalificable combinación do cómico e o tráxico. Pero tamén a traballar a interpretación e o ritmo. Hai que fuxir da imaxe do clown estereotipado, dese paiaso que acada forza escénica coa maquillaxe e coa roupa rechamante, que é unha repetición continua do mesmo número de circo. É máis fructífero e aporta máis riqueza teatral crear o propio clown desde o interior. Cada persoa, non cada actor, ten un clown no seu interior. Só precisa de traballo e estimulación para sacalo á superficie. Polo tanto, non pode haber dous iguais. Porque todos temos unha parte inocente e infantil, pero cada un ímola expresar dun xeito absolutamente diferente, e imos atopar relacións diferentes cos demáis actores. E este é o principio do xogo, o punto de partida para traballar cos ritmos, tanto do texto como das accións, cos movementos, con todo o corpo que dá sentido á historia.

Deste xeito definiron a súa liña artística e creativa. A tradución ao galego e a selección musical é de A. Barreiro "Warren" e a iluminación, ademáis da dirección como xa comentamos, de Salvador del Río. A segunda montaxe foi "O circo enmeigado ou A Amazona e Os Excéntricos", de Rafael Dieste que foi estreada o 1 de decembro de 2000, no Cine Veiga de Moaña, dentro dos Circuítos Teatrais.

É unha farsa lúdica publicada en 1934 como unha comedieta de circo. A súa plasticidade teatral apoiase nun brillante exercicio verbal e nunha xestualidade escénica que trata de divertir e asombrar ó espectador como un verdadeiro espectáculo circense. Nesta peza afloran as dúbidas e inseguridades da condición humana. A linguaxe é unha forma máis de xogar, coa forma lúdica do eco, na forma máxica da adiviña...

Cándido e Flor discuten e combaten polo amor de Casilda. Trátase dunha escolla ó xeito tradicional das lendas de encantos e mouras, onde eles teñen que escoller entre un arcón no que se agocha Casilda e outro que contén un león: as dúbidas aparecen, e o medo ó fracaso, o anhelo do éxito, elexir, entre o amor ou a morte. O xogo é o que nos permite vivir no siloxismo da vida. A pesares de todo, Dieste nunca desborda os límites da verosimilitude escénica.

No reparto estiveron Andrea Herrero (Casilda), Santiago Cortegoso (Flor) e Francisco Paredes (Cándido). A tradución e a música foron da autoría de Alberto Barreiro "Warren", o deseño de escenografía, vestiario e fotografía foi responsabilidade de Diego Seixo e a iluminación e dirección escénica de Salvador del Río.

Como a actividade profesional de Santiago Cortegoso, Fran Paredes e Salvador del Río continúan no teatro e no audiovisual. Para ampliar a información sobre a súa traxectoria artística actual pode consultarse www.ibuprofenoteatro.com no caso de Cortegoso, mentras que no de Salvador del Río www.teatrodeningures.com e a páxina da Asociación Galega de Compañías: www.escenagalega.gal/index.php/es. E tamén a web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia para Fran e Salvador [www.aaagal.gal]

Teatro Esmorga

Teatro Esmorga nace como Asociación Cultural en Xixón (Asturies) en 1995 coa idea de mesturar o teatro de interior co teatro de rúa e foi creación de Lois Soage. Este actor, que xa participara en diferentes grupos de teatro en Cangas (en Teatro Estable do Instituto María Soliño con "Momo" e no Taller en Cangas da Escola Dramática Galega con "E vostede? como se chama" segundo limos en entregas anteriores destas Crónicas) decide cursar estudos no Instituto do Teatro de Asturias e é alí onde funda a súa propia compañía.

A primeira montaxe " De perdidos al río" adopta elementos circenses: monociclo, botafumes, acrobacias, diábolo? con técnicas actorais clásicas como a dicción, interpretación, canto?.

De volta xa para Galicia, monta en 2002 o segundo espectáculo, titulado "Farsas", de Alfonso Zurro. Lois escolma tres delas: "Saca Manteigas" "O home que voou" e a "Ronda de Napias", deste recoñecido autor afincado en Sevilla. Asume a dirección, elabora a dramaturxia e o espazo escénico. E tamén interpreta xunto a Xurxo Avendaño, un actor amador do teatro que participará en moitas das aventuras teatrais xeradas no Morrazo como Teatro Kaos e Codia e Miolo. É ademais, colaborador nestas Crónicas do Teatro. Segundo comenta Xurxo, "Farsas" foi a peza "máis representada de Teatro Esmorga. Funcionaba en calquera espazo, de interior ou rúa. Podía facerse "enriba dun chupito", dicía Lois, e ante todo tipo de público, desde cativos a adultos, en horario escolar ou pola noite. Era un espectáculo divertido, tenso e moi ben resolto. Parte do seu éxito debíase probablemente a especial complicidade que tiñamos entre nós en escena".

O terceiro espectáculo en 2003 é "Comollo", teatro de rúa. Conta a historia dun cociñeiro ambulante que amaña todas as comidas coa arte do malabar. No teatro todo é posible, si señor! Nesta cociña trafegan os actores Lois e Xurxo.

"Sonos escarallados" é a seguinte montaxe baseada en tres historia curtas: "Vendo loro" de Alfonso Zurro; "Trasalmón", un diálogo entre unha troita como debe ser e un salmón transxénico. A autora do texto é Marta Echeverría, a directora do programa "Hoy empieza todo", de Radio 3. A terceira historia ía sobre a pena de morte. Na interpretación de novo Lois e Xurxo.

En 2009 será "O incorruptíbel" unha adaptación da peza de Helder Costa, o director de escena, actor e dramaturgo portugués, quen ademais dirixe a Compañía A Barraca de Lisboa. A dramaturxia, escenografía e dirección é de Lois Soage quen introduce textos propios e tamén de Xurxo G. Avendaño. Nesta adaptación cóntase a historia de Cándido, un home que quere ser corrupto e non o da logrado? Unha sátira sobre a corrupción que amosa a pasión polo cómico e o absurdo de Helder Costa.

Lois dirixe en 2012 "Que empece a función", de varios autores. É unha viaxe pola historia do teatro galego dende o Rexurdimento ata os nosos días. O espectáculo funciona a partir de sketchs independentes entre si, mais fiados por un narrador que acompaña esta viaxe dramaticamente singular na compaña de, entre outros, Castelao, Manuel María ou Roberto Salgueiro. Os seus intérpretes foron Pepa Barreiro e o propio Lois. Co patrocinio da Editorial Galaxia o espectáculo representouse en diferentes centros de ensino por toda Galicia. En 2013 será un monólogo dirixido e interpretado por Lois que levaba por título: "Eu mataríame?mais non lle vexo futuro".

Con estas obras Teatro Esmorga actuou en concellos e festas por toda Galicia,das que podemos suliñar: Feira de Humor de Pontevedra, Asociación "A nosa terra" de Ourense, Cabalgata de Reis de Ourense, Cultura Quente de Caldas de Reis, Festival Internacional de Pardiñas, Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, Festival Pontelouco de Castrocaldelas, Festa do Porquiño ó Espeto de Amil, Festa do Viño de Amandi, Festiclown de Pontevedra, Festigal de Santiago, Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Así coma en concellos, colexios e asociacións da península de Morrazo e arredores(Redondela,Vigo,Porriño,Mos?)

Esta compañía ademais adicouse a animación, participando en pasarrúas e festas populares por todo o País, con especial dedicación os espectáculos participativos co público.

A actividade de Esmorga está agora mesmo parada. Dado que a actividade profesional de Lois Soage, tanto no teatro como na televisión e no cine sigue vixente pode consultarse a web da Asociación de Actores de Galicia citada no apartado anterior no apartado Catálogo.

Agradecementos: A elaboración deste artigo foi posible grazas a información recibida de Salvador del Río, Santiago Cortegoso, Lois Soage e Xurxo G. Avendaño.

Compartir el artículo

stats