Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Celebración das Letras Galegas · O trobador medieval de Cangas

Joham de Cangas: o primeiro poeta local (II)

Coñecemos tres poemas seus, recollidos no Cancioneiro da Vaticana e no da Biblioteca Nacional de Lisboa

Son tres os poemas que coñecemos de Joham de Cangas, recollidos no Cancioneiro da Vaticana (873-74-75) e no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (1267-68-69). Ambas as tres composicións enmárcanse dentro do xénero das Cantigas de Amigo que aínda que compostas por un home, é a amada quen expresa os seus sentimentos polo seu amado (amigo). Estas cantigas, do subxénero chamado de Romaría, son de orixe galega, tradicionais e autóctonas, sen parangón noutras literaturas da época e xorden do contacto da vella lírica popular baixo medieval, reelaborada en ambientes cultos coa lírica occitano-provenzal tamén de carácter cortesano.

Na súa temática enlazan coas jarchas mozárabes e nalgunhas das súas formas (paralelismo, leixa-pren) coa poesía litúrxica cristiá. No seu ritmo, ademáis da compoñente musical, tamén se perciben aires de danza, elementos estes de procedencia culta, xa cortesana, xa litúrxica. Tamén difiren no tema co que presenta a poesía cortesá da cantiga de amor de tono menos pudoroso, xirando en torno a un feminismo finxido polo autor e a un sentimento amoroso (alonxado do físico) que provoca o sofrimento, a saudade ou o laio [ poís el é por mi coitado, por mi se perdeu, que nunca lhi fiz ben; filhou-se-mi gram tristem], por veces inxenuo, mais sincero, ante a ausencia do amigo.

Esta ausencia provócalle tristura e saudade, mais tamén (como na cantiga segunda) un sentimento de culpabilidade. En conxunto, os tres poemas, ordenados, semellan contarnos unha historia de desazón amorosa na que a dama se autoculpabiliza da causa que provoca que o amado sexa infiel á cita. Na primeira cantiga prégalle á nai que a deixe ir á cita co amado; na segunda sente tristura porque aquel non acudiu e na terceira prégalle ao amigo que non a engane e que se presente desta vez [ oje non mi mençades, amigo].

Os personaxes interviñentes nas tres cantigas son basicamente o amigo ausente e a amiga que conta desta vez, en esixente e cómplice demanda da namorada, coa total connivencia da súa nai na cantiga primeira [ vistelo meu amigo; sé que devedes, leixedes-mi-o ir veer] e que se fai confidente na segunda [ fui eu madr'a San mamede; dix´eu como vos agora direi]. Ademáis, a escena da romaría do San Mamede, aparte de facer senlleiro o lugar, amosa unha complicidade sentimental co mesmo espazo, a base de referencias relixiosas [ se mi­o Deus agui-sar; se de Deus ajases grado; depois que fiz na ermida oraçon] ou de profunda imbricación coa natureza do lugar [ a mui gram sabor, nas ribeiras do mar], sen que a alusión chegue a alcanzar o carácter dunha mariña ou barcarola como en Meendinho ou Martín Codax.

En canto á forma, as tres cantigas son monologadas con escasos artificios poemáticos e un esquema non exento de elementos da paisaxe que transmiten sentimentos da natureza. Así, nas tres cantigas de Xohan de Cangas atopamos alusións toponímicas (San Mamede do Mar), santorais (por Santa María) ou xeográficas (nas ribeiras do mar).

Outras características destas composicións son a ausencia de paralelismo (apenas semántico) nos tres poemas, incluso no terceiro cun esquema máis propio deste tipo de composicións, o número de cobras ou estrofas, a ausencia de arcaísmos relevantes, a variación rítmica (alternan os versos/palabras) de tipo grave (femia) con agudos (machos), a rima singular (excepcionalmente consoante) nos tres poemas e unha métrica variable (no primeiro as estrofas (cobras) son oitosílabos e no segundo e terceiro son decasílabos / hendecasílabos).

O antedito, mais a presenza do refrán veñen caracterizar ao seu compositor como o fidalgo ou nobre local que era Joham de Cangas e que xunto co seu pai Fernando Pais de Tamallancos formaron parte daquela pléade de trobeiros e xograres xurdidos arredor da familia dos Traba coa que estaban emparentados e tamén cos do apelido Eans, notables poetas desta época cuxo apelido Ioannis/Eanes tamén aparece na nosa zona.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats