A beiralúa é o espazo polo que se moven os exploradores dos camiños da imaxinación. Nas marxes da lúa e posible intuir as andanzas e danzas destes peculiares seres, onde mesturan as soidades do pensamento e as fuxidas da mente coa xuntanza para afinar o sentidos. Beiralúa é tamén o título do quinto disco da orquestra folk Sondeseu, unha formación con 17 anos de traxectoria e que se formou no seo da actual Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo. Este novo traballo é a "celebración da vida plena dunha orquestra folk, a primeira do seu xénero, que foi quen de abrir un camiño novo na reelaboración da música de tradición oral galega".

Sondeseu estará hoxe no auditorio de Cangas para presentar este novo traballo, un concerto que comenzará a partir das 21.00 horas e con entradas a 10 euros. "Beiralúa" conta co traballo dos compositores e arranxistas habituais, caso de Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz. Pero desta vez hai máis. No disco hai obras creadas por Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña, ao que hai que engadir a colaboración especial de Susana Seivane, Orfeón Treixadura ou Rosa Cedrón.

No listado de temas que se inclúen en "Beiralúa" hai tamén unha composición de Anxo Pintos titulada "San Martiño", que está adicada a illa do mesmo nome do arquipélago de Cíes e que foi creada para apoiar á candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco. Esta peza ademais pon de manifesto "as enormes posibilidades tímbricas" desta orquestra folk, como recoñecen no seu seno. En "Beiralúa" hai tamén cancións que forman parte do imaxinario colectivo, como os clásicos "Ahí vén o maio" ou "Campanas de Bastabales".

Sondeseu naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, hoxe Etrad. É toda unha experiencia experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. É ademais unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea e no seu repertorio hai temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións: gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.