O Día das Letras Galegas en Moaña tivo o seu epicentro cultural no palco da música. Os integrantes das agrupacións folclóricas do municipio desfilaron cos seus traxes tradicionais á partires das 19.00 horas. Media hora despois, ante unha morea de veciños, iniciaron un festival de música e danzas propias nunha defensa da cultura tradicional galega.

Subiron ao palco os integrantes das ascociacións folclóricas Breogán, Charaviscas e Solaina, as tres do municipio. Además, actuaron os integrantes de Os Chaneiros, de Marín. A afluencia foi alta, pois a tarde festiva e soleada fixo que a esa hora foran moitos os moañeses e visitantes que paseaban pola alameda.

O día previo ao festivo, ademais do concerto conxunto das escolas de música, varios concelleiros percorreron centros escolares da vila para facerlles entrega de varios libros da autora homenaxeada este ano no Día das Letras: María Victoria Moreno, natural de Extremadura pero que adoptou o galego como idioma de creación literaria, con obra sobre todo destinada a un público infantil e xuvenil.

Ademais, á noite do mércores as integrantes da Asociación de Mulleres de Moaña organizaron tamén un festival por tan sinalada data. Actuaron o grupo de pandereitas Na Abada, co mestre gaiteiro Xavier Blanco. Tamén actuaron o grupo Lembranzas e Ardora, as pandereteiras da propia Asociación de Mulleres. O dúo "Os Lamentos" puxo a nota teatral e o Coro Chorima encargouse de despedir a velada.