Alumnos de 2º de ESO de todos os centros de Secundaria da comarca comezaron a súa participación no II Certame Escolar de Poesía Improvisada. Fixéronno a través dos primeiros obradoiros de regueifa impartidos polos recoñecidos regueifeiros Luís O Caruncho e Pinto de Herbón. Cada centro contará con dous obradoiros. No primeiro os estudantes terán un achegamento á improvisación e coñecerán a historia deste tipo de cantigas en Galicia. Traballan o ritmo, a rima, a estrofa, os versos de arranque ou o pé forzado.

Os 25 alumnos seleccionados en cada centro practicarán despois nun segundo obradoiro, onde porán en práctica a teoría aprendida no anterior. Ao remate, os monitores nomearán aos 10 mellores de cada centro para o certame final.

A data do certame está fixada para a mañá do xoves 31 de maio no Auditorio de Cangas entre as 10.00 e as 13.00 horas. Os finalistas improvisarán regueifas en quendas de oito, facendo cuartetas de presentación e rimando sobre palabras que lles aporten os monitores no momento.

Os que acaden a rolda final serán elixidos por un xurado de xornalistas, profesores e profesionais da música. Gañará o centro que máis alumnado achegue á final.

Onte tivo lugar o segundo obradoiro nos centros A Paralaia e Virxe Milagrosa.

O obxectivo desta actividade é fomentar a oralidade en galego nun contexto informal e espertar nos nenos da comarca o interese pola práctica da técnica da improvisación, que forma parte do patrimonio cultural galego. Á vez, preténdese desenvolver a memoria dos estudantes a fomentar a súa creatividade.