A compañía Limiar Teatro abre hoxe en Bueu a xeira para presentar "Anagnórise", unha obra que levará por dez localidades da provincia dentro do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra. O texto está baseado nunha das obras máis coñecidas de María Victoria Moreno, que é a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Esta adaptación está producida por Galaxia Editorial e emprega un mapping audiovisual e paisaxes sonoras con música en directo para representar a historia de Nicolau, un mozo que decide fuxir a Madrid facendo autoestop, e de Xulia, a muller que o recolle. A función será a partir das 21.00 horas no Centro Social do Mar.

Comediantes Anónimos

Por outra banda, o IES Johán Carballeira organiza o venres no salón de actos do centro unha representación co seu grupo teatral, Comediantes Anónimos. A obra a representar será "Vodkavil" e a función será a partir das 21.00 horas. A entrada é libre e aberta para todo o mundo que desexe asistir.