Non hai sitio más acaído para desenvolver un obradoiro de poesía centrado nas cantigas de amor, escarnio e maldicir: ao pé da capela de Sanamedio, a mesma que aparece nas cantigas de amigo do trobador Johan de Cangas. Neste privilexiado entorno a multipremiada poetisa Míriam Ferradáns, natural da mesma parroquia de Beluso, impartirá un obradoiro no que os produtos locais e a poesía serán os grandes protagonistas. A iniciativa forma parte dun programa que impulsa a Concellería de Cultura baixo o suxerente nome de "Tintas femias", un xogo de alusións a un dos produtos máis recoñecidos de Bueu, como é o tinta femia, e que ao mesmo tempo é un xeito de reivindicar á muller.

A actividade foi presentada onte coa presenza do concelleiro, Xosé Leal, e da propia autora. Os obradoiros serán os sábados 12 e 26 de maio de 11.00 a 13.00 horas. Terán unha primeira parte de aproximación teórica e unha segunda orientada claramente á práctica e á creación. "Vai ser unha metodoloxía de aprendizaxe moi lúdica e divulgativa para achegarse ao que podían sentir os trobadores", explicaba onte a poetisa.

Pola súa banda, Leal suliñou que este obradoiro ten como obxectivo "poñer en valor a creación literaria das mulleres de Bueu". A elexida para esta primeira edición é Míriam Ferradáns, que nos últimos anos vén colleitando unha importante cantidade de premios. O edil remarca ademais que con este obradoiro poético centrado nas cantigas de amor, escarnio e maldicir preténdese reivindicar o Pergamiño Vindel e "render homenaxe a un dos lugares de referencia destas cantigas".

O outro obxectivo é visibilizar o impacto e a importanica dos produtos locais como fonte de cultura popular. Desde a Concellería de Cultura indican que para participar nos obradoiros é necesaria unha inscripción previa e recoméndase que os participantes teñan más de 16 anos. Para anotarse pódese chamar ao teléfono 986 324338 ou ben escribir comunicacion@concellodebueu.gal.