Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro profesional: Teatro Kaos (1988-2000)

A compañía sacou adiante oito montaxes ao longo da súa traxectoria, nas que apostou por dignificar o espectáculo de títeres

Xavi Alonso, Amparo e Suso con Titeres de Kavernosos. /Carlos del Valle

Facía seis anos que nacera Viravolta en Lalín e cinco que xurdira Tanxarina en Redondela, que ademais son amigos. Con tan ilustres precedentes e o coñecemento técnico que ela posúe, levantan un proxecto que vaise converter en todo un referente. Naquel principio había máis xente: músicos, actores, artistas plásticos?. Toda a bohemia que orbitaba arredor do "Maside", local de referencia para calquera mente inqueda, pero o núcleo duro foron sempre eles dous.

O Teatro de Títeres estaba considerado nos oitenta o irmán pequeno do Teatro, un chisco menosprezado por moitos teatreiros. Por iso unha das premisas do particular credo da compañía foi dignificalo, demostrando coa práctica que os Títeres non son só "cousas de cativos", senón que é posible ofrecer espectáculos de calidade para público familiar e adulto, algo que hoxe en día dase por sentado, mais daquela aínda non entraba en moitas cabeciñas.

Deste xeito as obras de Teatro Kaos xiraron amplamente e estiveron presentes en algúns dos festivais máis representativos da nosa xeografía: Festival de Títeres de Redondela; Festival Galicreques de Santiago de Compostela; Fetén de Xixón (cando aínda se facía na sala Quiquilimón); Facer a Festa, Porto; Mostra Internacional de Títeres para Adultos de Bergara, Guipuzcoa; Fira de Títelles de Lléida; Festival de Títeres de Murcia; Festival de Títeres de Málaga; Festival de Títeres de Sevilla... Por citar so algúns, pasou tempo e a memoria flaquea.

A nivel asociativo dicir que os seus compoñentes foron socios de Unima (Unión internacional de marionetas). Tivo sempre taller propio na zona de Meira e caracterizouse por enriquecer constantemente a formación dos seus membros: mediante obradoiros ( co mestre chinés Yang Feng en Compostela, por exemplo) ou mediante encontros (con discípulos de Grotowski en Italia,por citar un pintoresco). As colaboracións inclúen as seguintes: Con Teatro do Morcego en "Kartoteka" de Tadeus Rosewicz; con Tanxarina no espectáculo de rúa "Coca volta da besta" 1989 con xira en Galiza, Euskadi,Tárrega, Lisboa e Italia; e Noites Meigas 1994 na casa da Mangallona en Coiro (Cangas).

Espectáculos propios

Durante o seu ciclo vital, pasando as veces por épocas moi baixas, Kaos logrou sempre sair adiante e crear oito espectáculos:

*"Baixo os noso pes...Kavernosos" (1988 ). "Quén non arrimou algunha vez a ourella ao chan e escoitou...extraños ruidos"?

Estreada no Festival Intercéltico de Moaña, en xullo dese ano, era un espectáculo de animación con música en directo que denuncia a extorsión ecolóxica a que está sometida a natureza. Inspirada no libro ilustrado "Fungus the bogeyman. El mundo secreto de los cavernosos", do autor inglés Raymond Briggs publicado no 1977. O libro fala de cavernaria, un mundo que se estende baixo a superficie habitada polos cavernosos, seres de cor verde e seis dedos que viven tan ricamente tirándose barro, facendo carreiras de caracois e comendo mermelodo; son o espírito da natureza.

A partir de aquí a compañía compón a historia: os cavernosos viven de costas a nós,"os limposecos", ata que descobren que o seu mundo está secando. Gracias a pócima que lle proporciona o bruxo a cavernosa Kotxina sube a superficie e descubre o que acontece: están destruíndo o bosque. Simón o Canteiras está arrasando todo coa sua excavadora para facer un chalé con piscina climatizada para os cans de Doroty. Coa axuda de Manolo Rastaman, un rapaz que acampaba sempre naquel lugar, conseguen parar a desfeita.

Un espectáculo fresco, divertido e reivindicativo.

A escenografía consistía nun orixinal teatriño de tres niveis apto para todo tipo de espazos, deseñado e construído na súa propia casa por dous grandes talentos da plástica: María Xosé Fernández "Mariajo" e Carlos del Valle, xa daquela mestre de debuxo no instituto Maria Soliño. Eles tamén propuxeran o texto de partida.

Os títeres, de guante e variña, foron feitos en látex por Amparo, Suso e outro rapaz, Xavi Alonso, tamén músico en "Os Raiados". O látex era un material que daquela apenas se traballaba, tiña que prepararse o ar libre porque soltaba moitos gases.

Había unha introdución con música en directo nos primeiros tempos, faciana o Xavi o baixo, logo esta parte quitouse e a música ía gravada.Pola contra as voces nun principio ían enlatadas, eran de Manuel Pena e Xan Luaces, máis adiante gañaron en frescura o facelas en directo os manipuladores, Amparo e Suso.

Producido por Celso Parada, aínda que realmente ergueuse con máis boa vontade que medios, como soe acontecer nos primeiros pasos dun proxecto. Convértese en un clásico (o equivalente o "Titiricircus" deTanxarina) participando en innumerabeis programacións por toda a península, contando Portugal, ata acadar as 500 funcións.

Nun bolo para público noctámbulo no mitico "Maside" tiven a fortuna de velos no 89,e eu, que non miraba títeres dende "Gorgorito" quedei absolutamente flipado co seu estilo e conseguín ser enrolado como tripulante desta arroutada embarcación: como técnico de son nesta súa primeira montaxe, navegando con eles ata o final.

*"King Kong" (1990). Estrea en San Adrián de Cobres.

Nun principio pensouse en "Aladino", pero desbotouse porque a historia do Gran Simio resultaba máis atractiva para a filosofía ecoloxista da compañía, tan necesaria entón como agora.

"De tamaño e forza incrible, era un gran Deus na súa terra, pola lei da selva respectado, temido e adorado. Foi debilitado polos engados e a beleza dunha muller e apresado na trampa cruel da cobiza do Home Branco".

Kaos dá un salto cualitativo desafiando a dificultade técnica que supoñía o tamaño do protagonista e o uso da linguaxe cinematográfica para artellar un espectáculo máis elaborado, pensado para interior ou exterior noite, cun estupendo deseño de luces.

A historia e coñecida: Ernesto Maxguai, aviador e intrépido aventureiro e contratado pola fermosa Betti Lanuit para capturar na selva a un xigantesco gorila. Lévano á cidade onde, da man de un empresario sen escrúpulos, acaba convertido en atracción de feira. Unha noite consegue rachar as cadeas do seu encerro e, coa axuda da xove parella, voltar o seu fogar.

A escenografía consistía en tres preciosos libros desplegables en madeira, creando tres momentos espazo-temporais distintos (oficina, selva, teatro), deseñados e realizados no seu taller por un xenio non suficientemente valorado aínda: Lito Portela, colaborador habitual do grupo a partires de aquí e ata o final. Os títeres, de guante e variña, eran manipulados e construídos por Amparo e Suso, quen tamén saia caracterizado de Gran Simio con unha impresionante máscara de látex.

Pasaron varios técnicos por esta peza: Sergio Piñeiro, Almudena Piñeiro -de cuxas gráciles mans saíu o vestiario de moitos títeres Kaos, dato que se me esquecía-, Ana Ríos e Xurxo ( que a partires de agora voume nomear en terceira persoa que estou máis cómodo).

Fixéronse 150 representacións, moitas fóra de Galicia. Como anécdota lembrar que no 1992, Amparo, de baixa por maternidade foi substituída na manipulación por outra gran actriz, Mónica Camaño.

*"Romance de Micomicón e Adhelala" (1993).

Estreada en Moaña. Con esta proposta, Kaos inicia un traballo de recuperacion de textos clásicos, as "Farsas para títeres" de Don Eduardo Blanco Amor, escritas nos seus primeiros anos de exilio americano, entre 1939 e 1948, sendo publicadas en 1973.

A acción situase nun estraño reino gobernado por unha raíña neurasténica desde un palacio a punto de derrubarse por causa dos arrebatos do seu fillo Micomicón, príncipe convertido en xigante baixo os efectos dunha maldición. Entre estas personaxes estrafalarias destaca Adhelala, princesa cativa. Só ela posúe a iniciativa e a sabedoría precisas para cambiar as cousas, só ela coñece a orixe dos males do príncipe e posúe o remedio para sanalo.

Como curiosidade diremos que a personaxe do chambelán participou nunha campaña antitabaco promovida dende o Centro de Benestar do Concello de Cangas. Dirixidos por Amparo, os títeres eran "de pistola", unha técnica aprendida nun un obradoiro impartido por Jiri Jaros que permitía mover perfectamente as cabezas. Manipulaban: Amparo: Raiñas e Adhelala; Suso: Micomicón; Xurxo: Chambelán.

O deseño e construción de trono e outros obxectos viña da man de Lito Portela, Amparo e Suso. O vestiario de Almudena Piñeiro.

Era un espectáculo sinxelo, irreverente e divertido.

*"Amor e crimes de Juan Pantera" (1995). Estreada en Moaña. Farsa para títeres de cachiporra de Blanco Amor.

A fermosa escenografía feita en madeira a estilo naturalista por Lito Portela e tamén perfectamente descrita polo autor: "Praza dunha puebla castellana, aló pola raia galaico-leonesa. A esquerda a casa de Contempla, malvada e fermosa xamona que trai a xente en andacio de amores. A dereita, casa rectoral. Ao fondo casas populares con frores, espigas de millo e cabazos. Unha taberna con ramo de loureiro. Todo tan ledo que ninguén agarda os temeros sucesos que aixiña han de acontecer. Anoitece con ceios accesos i estivais de bisbarra bercian deica as chairas vilafranquesas .As esceas finais cain xa na noite, manto de crimes...Aparece Juan, bigotudo, celludo, patilludo, sombreiro catite, zamarra remontada e pau de toxo decorado a fogo. Amósase arriscado e botaporela, ten a voce homicida, a non ser cando os tremeceres da paixón lla adebecen e tremecen".

Os amorios contrariados de Juan Pantera desembocan en traxedia, sen deixar, literalmente, títere con cabeza .Espectáculo para público adulto que funcionou moi ben.

A dirección foi de Amparo. Manipulan Amparo, Suso e Xurxo. Talla de cabezas en madeira: Pablo Alvarez. Músico en escea: Manuel Piñeiro " Manuel da Folla", sustituido por Juan Tomé "Chani"

* "Juan Pantera e a garrota dando a nota" (1996). Versión para publico familiar de "Amor e crimes...". A escenografía e os títeres son os mesmos, mais a historia cambia polo que hai que construir novos elementos.

O roubo da garrota máxica que vixiaba Contempla convirte a Juan Pantera nun despiadado bandido. Nin o tacaño sancristán que non sabe contar, nin Estoraque o velliño xordo que chega das Américas carregado de ouro conseguen pararlle os pés. Poderán Pastorino, o valente zagal, e a súa amiga Ofelia, a ouvella máis tola de todo o lugar pararlle os pés?

Viu a sustituir a Kavernosos, pois dadas as súas características e formato, podíase representar para todo tipo de público en calquera lugar. Tivo éxito e tamen saiu fóra, facéndose unha versión en castelán.

*"Illados" (1997). Peza experimental de pequeno formato e carácter marcadamente visual, sin palabras.

Dous náufragos perdidos nunha illa no medio do mar, illa naturalmente coroada pola tópica palmeira que nin sombra dá Tentan sobrevivir co pouco que trae o mar: algún peixe, un zapato, o cargamento envelenado dun barril radioactivo... Conseguirán sair de alí?

Dirección: Amparo. Manipulación: Suso e Xurxo. Escenografia:(que era un mar que daban gañas de chimparse dentro del) Lito Portela. Musica: Uakti

Foi unha aprendizaxe moi interesante para todos, pero desafortunadamente non funcionou e despois dunhas poucas representacións, retírase.

*"Os nenos que plantaron a pedra da auga" (1998). Traballo de gran formato feito por encargo para o Xacobeo; mesturaba técnicas diversas: títere de guante, marotes (títeres xigantes ), actor e teatro de sombras.

Conta a historia de Gustavo e María. O río que pasaba pola súa aldea baixa totalmente seco, os adultos falan e falan pero non fan nada, entón os dous rapaces enganchan ao carro a burriña Eufemia e bótanse oa camiño para atopar unha solucion. Atópanse ao simpático trasno Pinchetas, que lles vai axudar en moitas aventuras: a vencer a bruxa, o ogro Texpantex e, con sorte, a atopar a fantástica Pedra da Auga.

Idea orixinal: Salvador Gomez. Texto: Alfonso A. Cáccamo. Versión e dramaturxia: Teatro Kaos. Manipuladores: Amparo e Suso. Actor: Loís Soaxe. Deseño e construción de títeres:Teatro Kaos. Deseño escenografía: Lito Portela; realizada por Lito, Suso e Xavier Ríos. Asesoramento de Tatán "Tanxarina" na parte de sombras. Técnico: Xurxo.

Durante un tempo, Suso, de baixa por enfermidade e substituído na manipulación por quen, pasado o tempo, vaise converter nun gran autor de teatro: Santi Cortegoso.

Era visualmente moi atractiva, pensada para interior ou rúa de noite. Fixéronse 50 actuacións en vilas do Camiño de Santiago, incluída a capital do reino, con gran éxito de público. Finalizada a campaña o espectáculo retirase.

*"Cadadousportres" (1999). Estrea na Feira de Teatro-Santiago de Compostela

A última peza da compañía pon en escena aos dous dos títeres de creación propia máis entrañables da súa historia: unha velliña varredora e o seu neto skater fan de fio conductor a tres historias independentes: "O panadeiro e o demo"; do gran titiriteiro arxentino Javier Villafañe (1909-1996 ); "O mago e o pallaso", do tamén gran porteño Cándido Moneo Sanz (1911-1973 ) e "O Galo Quirico" (tradicional ). Ou de como o panadeiro ten que porse firme co demo cando este pretende levarse todo o pan, ou o Galo pretende chegar todo fachendoso á voda do Tío Perico.

Fermosos deseños de Lito Portela. Manipulación: Suso e Amparo. Técnico: Xurxo.

Funcionaba como un reloxo. Mágoa que fora menos representado que traballos anteriores.

Agradecementos: Esta historia de TEATRO KAOS non sería posible sen a inestimable colaboracion de Amparo Ibarra Murillo, actriz e titiriteira, directora da compañía.

Compartir el artículo

stats